A FGAMT-CIG faise cos nove representantes que se escollían no comité de STEF Iberia do Porriño

Foi o único sindicato que logrou presentar candidatura ás eleccións sindicais da empresa de loxística
O Porriño - 22 Mai 2024

A FGAMT-CIG fíxose cos nove representantes que se escollían no comité de STEF Iberia, empresa de loxística con sede no polígono porriñés da Granxa, sendo a única central que foi que de presentar candidatura ao proceso de eleccións sindicais celebrado recentemente.

A CIG xa ostentaba a totalidade da representación na compañía grazas aos 5 delegados/as obtidos nas eleccións que tiveron lugar o ano pasado (nas anteriores a central sumara 4 e CCOO 1), posición que reforzou agora coa ampliación do comité a 9 representantes. Destes, 5 escolléronse no colexio de especialistas e 4 entre o persoal técnico e administrativo. 

No anterior proceso a central xa obtivera 5 de 5 delegados/as

Dende a central sindical agradecen o contundente apoio recibido por parte do cadro de persoal (integrado por arredor de 110 traballadores/as) e salientan o compromiso da súa representación sindical na defensa dos dereitos e das condicións laborais do conxunto dos empregados/as de STEF Iberia, a única empresa do grupo que conta con convenio propio.