A FGAMT-CIG gaña as eleccións sindicais en Vitrasa ao obter 5 dos 13 delegados/as do comité

A central sumou un total de 117 votos nos tres colexios, sendo a única forza en obter representación en todos eles
Vigo - 16 Xun 2023

A FGAMT-CIG gañou as eleccións sindicais que se veñen de celebrar en Vitrasa, a concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, ao obter 5 dos 13 delegados/as que se escollían no comité de empresa. A central sumou un total de 117 votos nos tres colexios, sendo a única forza que obtivo representación en todos eles.

Deste xeito, tras o proceso electoral a representación legal dos traballadores/as da empresa de transporte queda integrada por 5 delegados/as da CIG, 4 de CCOO, 2 da UGT e 2 da USO. A central sindical sumou un total de 117 votos nos tres colexios (87 entre o persoal de condución, 16 entre o administrativo e 14 entre o do taller), sendo a única forza que obtivo representación en todos eles: 3 delegados en condución, 1 en administración e 1 en taller). 

Na central salientan tanto o apoio recibido, pasando de 4 a 5 representantes, como a elevada participación

Pola súa banda, CCOO obtivo 111 apoios en condución e 1 en oficinas, a UGT sumou 43 en condución e a USO colleitou 41 en condución e 11 en oficinas. Tamén se rexistraron 5 voto nulos en condución e 1 en branco e 1 nulo no taller.

Dende a sección sindical da CIG en Vitrasa salientan tanto importante o apoio colleitado entre os traballadores/as, que lle permitiu sumar un delegado/a máis que nas anteriores eleccións, como a alta participación que se rexistrou durante a xornada de votacións, na que participaron 289 dos 318 condutores/as, 26 dos 27 traballadores/as do departamento de administración e 14 de 30 no taller.

Ao mesmo tempo, adiantan que continuarán a liderar a accións sindical e as mobilizacións para forzar a compañía a negociar un novo convenio colectivo que permita a actualización dos salarios, a redución da xornada e a incorporación dunha serie de melloras que o persoal leva anos reclamando.