A CIG convoca protestas tras a suspensión da negociación do convenio de elaborados do mar por parte da patronal

Chama o persoal do sector a participar nunha concentración diante de Conxemar en Vigo o martes 20 ás 11:00 horas
Nacional - 15 Mai 2025

A FGAMT-CIG vén de anunciar a convocatoria dunha mobilización para rexeitar a suspensión das negociacións do convenio estatal de elaborados do mar por parte da patronal. A central sindical chama o persoal do sector a participar na concentración que terá lugar este martes 20 de maio diante da Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) en Vigo ás 11:00 horas.

Dende a CIG explican que precisamente para ese mesmo día estaba fixada unha nova xuntanza da mesa, mais este martes o empresariado comunicou por correo electrónico a decisión unilateral de anular todas as negociacións co “agravante de non fixar unha data alternativa”. 

Non imos consentir que o empresariado castigue as persoas traballadoras sen negociación do novo convenio e sen actualización de salarios

“A patronal basea esa decisión no acordo do Consello de Ministros/as de tramitar pola vía de urxencia a redución da xornada e, polo tanto, négase a negociar o convenio mentres non se publique o Decreto que recolle a redución de xornada”. Algo que na central sindical consideran “de enorme gravidade e absolutamente inadmisíbel”, tendo en conta que aínda se descoñece o tempo que pode tardar o Goberno español en tramitar o Decreto e que a negociación do convenio require falar de moitas cuestións a maiores da xornada: salarios, permisos, categorías, pluses para determinadas condicións, prevención de riscos, etc.
Polo tanto, queren deixar moi claro que non van consentir que o empresariado castigue as persoas traballadoras sen negociación do novo convenio e sen actualización de salarios.

“Cremos necesario darmos unha resposta contundente á decisión da patronal de boicotear a negociación, polo que chamamos o persoal do sector a participar na concentración deste martes 20 diante das instalacións de Conxemar, na avenida Beiramar de Vigo, fronte á entrada do porto pesqueiro do Berbés”.