A FGAMT-CIG pide que se fagan test a todos os traballadores e traballadoras de ambulancias

Este persoal tamén estivo utilizando as máscaras que o Ministerio retirou por defectuosas
Nacional - 18 Abr 2020

O sector de Transportes da FGAMT-CIG dirixiuse á Consellaría de Sanidade para esixir que se realicen test da Covid19 a todos os traballadores e traballadoras de ambulancias para evitar a expansión dos contaxios  e medir o alcance da enfermidade entre o colectivo laboral. A petición reviste máis urxencia logo de que a Administración retirara por defectuosas as máscaras 95 Garry Galaxy, que estivo empregando o persoal sanitario incluído o de ambulancias.

No día de onte, lembra o responsábel da CIG-Transportes, Xesús Pastoriza, a Xunta procedeu a retirar e a cambiar estas máscaras por outras novas, "pero isto non evita o posíbel contaxio do persoal de ambulancias que estivo traballando con elas durante días crendo que estaba protexido, nin o das persoas que tiveron contacto con estes traballadores e traballadoras".

Por iso, a CIG pide que se identifique a todo o persoal que estivo en exposición de risco, cunha falsa protección, e se proceda de inmediato á realización do test que corresponda, máxime cando dende a propia Xunta acaban de anunciar publicamente que se realizarán 100.000 test de Covid19 entre a poboación galega.