A financeirización neoliberal de Estados Unidos fronte a China

Michael Hudson - 20 Abr 2021

Para entender porque Estados Unidos iniciou unha Guerra Fría 2.0 hai que comprender que o seu obxectivo é evitar por todos os medios que China (e outros países) manteñan socializados os seus sistemas financeiros, a terra, os recursos naturais, os servizos públicos e mais as infraestruturas

 Hai case medio milenio, Maquiavelo no Príncipe describía tres opcións de como unha potencia conquistadora podería tratar a un estado derrotado: a primeira é destruílo, a seguinte é ocupalo, a terceira é permitir que vivan baixo as súas propias leis, mais cobrando un tributo e establecendo unha oligarquía que dependa da potencia ganadora[1].

 A primeira opción é o que fixo Estados Unidos en Iraq e Libia despois de 2001. Pero, agora na era dunha nova Guerra Fría o modo de destrución é o económico, para iso Estados Unidos utiliza instrumentos como as sancións comerciais e financeiras a China, Rusia, Irán, Venezuela e outros países.

 A idea é negarlles insumos chave, sobre todo, en tecnoloxía esencial, procesamento de información, materias primas e acceso a conexións bancarias e financeiras, como as recentes ameazas a Rusia de expulsión do sistema de compensación bancaria SWIFT.

 A segunda opción é ocupar a nación rival. Isto estao facendo, parcialmente, as tropas estadounidenses con 800 bases militares que ten repartidas por todo o mundo. Con todo, a ocupación máis eficiente é mediante a toma das infraestruturas básicas por parte das empresas estadounidenses, que reenvían os seus ingresos e recursos máis lucrativos ao núcleo imperial.

Quedamos co petróleo

 O presidente Trump dixo que se quería apoderar do petróleo de Iraq e Siria como reparación. O seu sucesor, Joe Biden, situou a cargo da Oficina de Administración e Orzamento a Neera Tanden, o personaxe que fixo que Libia entregase as súas amplas reservas de petróleo como reparación polo custo de destruír ese país: “nós temos un déficit xigante e Libia ten moito petróleo. Se queremos seguir sendo unha potencia mundial non parece ningunha tolería que os países ricos en petróleo nos paguen coas súas reservas de cru”[2].

 Os estrategas estadounidenses tamén elixiron a terceira opción de Maquiavelo: deixar que un país, nominalmente independente, sexa gobernado por oligarquías clientes do Imperio.

 O asesor de seguridade nacional do presidente Jimmy Carter, Zbigniew Brzezinski, referiuse a estes países como «vasalos». Dicíao no sentido medieval do termo, porque hoxe Estados Unidos esixe “lealdade” do mesmo xeito que os señores feudais. Faino basicamente impoñendo unha economía privatizada, financeirizada e gravando a estes países para que transfiran as súas riquezas á capital imperial.

 As políticas de privatización por parte das oligarquías clientes de Estados Unidos foi o maior logro da diplomacia neoliberal nas economías do leste de Europa, despois da caída do muro.

 A forma en que se crearon estas oligarquías clientes foi rompendo por completo as interconexións económicas que integraban esas economías. Brzezinski escribiuno sen nada de pudor: “Para poñelo nunha terminoloxía que se remonta á era máis brutal dos imperios antigos. Hoxe os grandes desafíos dunha xeoestratexia imperial son previr o enfrontamento e manter a dependencia dos vasalos. É dicir, mantelos tributarios, flexíbeis e protexidos e, polo tanto, evitar, por calquera medio, que os bárbaros se unan”[3].

 Finalizada a Segunda Guerra Mundial a diplomacia estadounidense reduciu a vasalaxe a Alemaña e Xapón, un ano máis tarde someteu a Gran Bretaña e á súa área da libra esterlina. Deseguido, fíxoo co resto de Europa Occidental e as súas antigas colonias.

 O seguinte paso foi illar a Rusia e China, evitaba así “que os bárbaros se unisen”. Se se unen, advertiu Brzezinski, «Estados Unidos tería que facer fronte a coalicións rexionais que expulsarán a Estados Unidos de Eurasia, ameazando así o noso estatus como potencia mundial»[4].

 Xa en 2016, Brzezinski vía con temor como a chamada ‘Pax Americana’ non cumpría cos seus propósitos. Neses anos recoñeceu, explicitamente, que “Estados Unidos xa non é a potencia imperial que era antes”[5]. En definitiva, esta certeza é o que motiva a crecente agresividade estadounidense contra China, Rusia, Irán e Venezuela.

 China e Rusia son ameazas existenciais para a expansión global da riqueza rentista financeirizada.

 O problema non foi Rusia, no seu momento a nomenclatura entregou gran parte do seu país a unha cleptocracia pro occidental, co inefábel Yeltsin (con Putin algo disto cambiou). O problema de fondo é China, porque a confrontación entre Estados Unidos e China non é simplemente unha rivalidade nacional, senón un conflito de sistemas económicos e sociais.

 A razón pola que o mundo de hoxe está mergullado nunha Guerra Fría 2.0, económica (e case militar), radica en como Occidente se beneficiou da propiedade privada sobre o diñeiro, a banca, a terra, os recursos naturais e as infraestruturas.

 En termos históricos, este conflito xa existía hai 2.500 anos. Nesa época había un gran contraste entre os gobernantes do Próximo Oriente e as oligarquías da antiga Grecia e Roma. A diferenza de gregos e romanos, os gobernantes de Mesopotamia cancelaban as débedas para salvar as súas poboacións da servidume e redistribuían as terras para evitar que a propiedade se concentrase en mans de acredores e terratenentes.

 Desde o punto de vista capitalista actual o crédito, o diñeiro, a terra e os recursos naturais deben ser privatizados e concentrados en mans de rentistas. Esta política económica, que favorece aos potentados, é a dinámica básica do neoliberalismo patrocinado por Estados Unidos.

 Entón, para entender porque Estados Unidos iniciou unha Guerra Fría 2.0 hai que comprender que o seu obxectivo é evitar por todos os medios que China (e outros países) manteñan socializados os seus sistemas financeiros, a terra, os recursos naturais, os servizos públicos e mais as infraestruturas.

 Estados Unidos esperaba que China fose tan crédula como os dirixentes da Ex Unión Soviética e adoptase unha política neoliberal que permitise privatizar a súa riqueza para vendela aos estadounidenses. Para Clyde V. Prestowitz, asesor de Reagan: “o que o mundo libre esperaba cando deu a benvida a China á Organización Mundial do Comercio era que China iría inevitabelmente cara á mercantilización da súa economía e á desaparición das súas empresas estatais”[6].

 Segundo Prestowitz, “en lugar de adoptar as políticas de mercado, o goberno de China apoiou o investimento industrial e mantivo o control do diñeiro e da débeda en mans do Estado”. Este control gobernamental está «en desacordo co sistema global liberal baseado en regras».

 Para Prestowitz, a economía de China é incompatíbel coas principais premisas do sistema económico global encarnadas hoxe pola Organización Mundial do Comercio, o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e outros acordos de libre comercio. Estes pactos asumen que as economías se deben basear principalmente no mercado deixando ao Estado cun papel moi restrinxido. As grandes decisións quedan en mans os intereses privados que operan baixo “un estado de dereito”.

 Para o xeito de pensar dos neoliberais estadounidenses a economía China é un problema existencial. Non poden aceptar que as empresas estatais representen un terzo da produción; que os plans económicos quinquenais se orienten a sectores de alta tecnoloxía; que o Partido Comunista nome os directivos das principais corporacións e que haxa células en todas as empresas; que o valor da moeda sexa xestionado, que as ganancias corporativas estean controladas e que o comercio internacional estea suxeito aos fins estratéxicos do desenvolvemento do país.

 Todo este discurso é dunha hipocrisía abraiante, coma se a economía civil estadounidense non estivese fusionada co seu complexo militar-industrial, e o país non administrase a súa moeda ou o seu comercio internacional como un medio para lograr fins estratéxicos. De feito, o propio ultraliberal Prestowitz esixiu ao actual inquilino da Casa Branca: “Biden debería invocar a Lei de Produción de Defensa Nacional para aumentar a produción con sede nos Estados Unidos”.

 Mentres que os estrategas estadounidenses contrapoñen a «democracia» estadounidense cunha suposta autocracia chinesa, o principal conflito entre Estados Unidos e China é o apoio gobernamental á industria que é política do goberno chinés.

 A actual elite estadounidense esquece, intencionadamente, que a súa industria medrou no século XIX grazas ás subvencións do goberno, do mesmo xeito que o está facendo China agora. Despois de todo, esa era a doutrina do capitalismo industrial. Pero, nas últimas décadas mentres a economía estadounidense depende totalmente do capital privado financeiro, o país desindustrialíase a marchas forzadas.

 China demostrou ser consciente dos riscos da financeirización e tomou medidas para contela. Isto e outras políticas axudaron a que proporcionase servizos de infraestruturas a baixo prezo e seguir crecendo a un bo ritmo.

 Este é un dos dilemas da política estadounidense: mentres o goberno apoia a rivalidade industrial con China, tamén apoia a financeirización e privatización da economía nacional, a mesma política que desindustrializou o país.

 O capitalismo industrial financeirizado non quere un estado que de traballo e que coide os consumidores, o medio ambiente ou que se comprometa con políticas sociais. O capital financeiro sabe que esas políticas erosionan as súas ganancias e as súas rendas.

Independencia e autosuficiencia

 Os intentos de Estados Unidos de globalizar a política neoliberal levaron a China a opoñer resistencia á financeirización occidental. E en sentido contrario, o éxito chinés está proporcionando a outros países unha lección obxectiva para evitar a financeirización. O seu progreso económico demostrou que a permanente procura de rendas do capital financeiro aumenta os gastos xerais da economía e, xa que logo, o custo de vida e do comercio.

 China está brindando unha lección práctica sobre como protexer a súa economía e a dos seus aliados das sancións estranxeiras. Unha das súas respostas foi evitar que xurda unha oligarquía nacional apoiada por Estados Unidos ou Europa. Tamén mantén o control gobernamental das políticas financeiras e crediticias, de propiedade e de tenza da terra. O goberno chinés traballa cun plan a longo prazo.

 Pero, mirando cara atrás na historia, esta política chinesa é similar ás políticas dos gobernantes do Próximo Oriente da Idade do Bronce que evitaron que xurdise unha oligarquía que ameazase as súas economías. Esta tradición persistiu na época bizantina, cando os gobernantes gravaron a riqueza e distribuíron as terras para construír unha economía autosuficiente.

 China ao protexer a súa economía das sancións apunta á autosuficiencia. Isto implica independencia tecnolóxica e capacidade de proporcionar suficientes recursos enerxéticos e alimentarios para sustentar unha economía que poida funcionar illada do bloque unipolar estadounidense. Tamén implica desvincularse do dólar estadounidense e dos sistemas bancarios vinculados a el e, polo tanto, da capacidade de Estados Unidos para impoñer sancións financeiras. Asociado con este obxectivo está a creación dun medio computarizado nacional que sexa alternativa ao sistema de compensación bancaria SWIFT.

 O dólar aínda representa o 80 por cento das transaccións globais, pero xa menos da metade do comercio chinés-ruso, e a proporción está diminuíndo rapidamente porque as empresas rusas evitan os pagamentos en dólares, ante o temor de que as súas contas sexan incautadas polas sancións estadounidenses.

 Os movementos protectores de Rusia e China limitaron as ameazas de Estados Unidos. Pero, se Biden non rectifica as súas provocacións do seu nacente goberno só lle quedará a primeira opción de Maquiavelo: destruír as nacións (en primeiro lugar, a China e Rusia) que non se sometan á extracción das rendas financiarizadas. Claro que ninguén quere isto, se está no seu san xuízo.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

(1) Niccolo Machiavelli, O Príncipe (1532), Capítulo 5: «Acerca da maneira de gobernar cidades ou principados que vivían baixo as súas propias leis antes de ser ocupados».

(2) Neera Tanden, «Debería Libia devolvernos os cartos?» memorando a Faiz Shakir, Peter Juul, Benjamin Armbruster y NSIP Core, 21 de outubro de 2011. El Sr. Shakir, ao seu favor, respondeu: “Si cremos que podemos gañar cartas cunha incursión, farémolo? Coido que ese é un grave problema de política / mensaxe / moral para a nosa política exterior”. Como presidente do Center for American Progress, Tanden apoiou unha proposta de 2010 para recortar os beneficios do Seguro Social, o que reflicte o obxectivo a longo prazo de Obama-Clinton de austeridade fiscal tanto no país como no estranxeiro.

(3) Zbigniew Brzezinski, The Grand Chessboard: American Primacy and its Geoestrategic Imperatives (Nova York: 1997), p. 40. Ver a discusión de Pepe Escobar, «Para Leviatán, vai tanto frío en Alasca», Unz.com, 18 de marzo de 2021.

(4) Brzezinski, ibíd ., páx. 55.

(5) Brzezinski, «Towards a Global Realignment», The American Interest (17 de abril de 2016). Para unha discusión, consultar Mike Whitney, «The Broken Checkboard: Brzezinski réndese ante o imperio», Counterunch, 25 de agosto de 2016.

(6) Clyde Prestowitz, “Blow Up the Global Trading System”, Washington Monthly , 24 de marzo de 2021.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Montly Review on line, do 18 de abril de 2021]