A folga xeral é a nosa resposta

A CIG considera que sobran razóns para intensificar a contestación social

Nacional -

-Para esixir a derrogación da reformas laborais que debilitan a clase traballadora, precarizan o emprego, empobrécennos e estabelecen novas formas de explotación laboral.

-En defensa das pensións públicas. Para que o PP non siga desoíndo o clamor social que reclama pensións dignas, pero tamén como a mellor defensa ante a próxima reforma que están a cocer no chamado Pacto de Toledo. As medidas anunciadas nos Orzamentos non son máis que parches. Mentres non se derroguen as reformas de 2011 e 2013 o saqueo ás pensións seguirá.

-Contra os abusos da patronal que, envalentonada con estas políticas antiobreiras, ten paralizada a negociación colectiva, ataca as nosas condicións laborais e salariais e impón convenios e acordos marco estatais que non dan cabida ás nosas reivindicacións.

-Para bloquear as políticas do PP que favorecen as persoas máis ricas. Usurpando as competencias autonómicas, o Goberno de Raxoi prepara un novo retallo ao sistema de protección por desemprego, unificando as prestacións asistenciais para reducir o tempo e as contías dos subsidios.

-Para frear os recortes sociais e a privatización de servizos que ocasionan que amplos sectores sociais queden desatendidos e sen cobertura social. Hai que lograr a retirada da LOMCE e a Lei de Saúde da Xunta de Feixoo para que o ensino e a sanidade sigan sendo galegas, públicas, universais, gratuítas e de calidade.

Contra a violencia patriarcal instalada nos aparatos do Estado

-Para conseguir avances reais para as mulleres. A folga do 8 de marzo debe traducirse no remate da fenda salarial, da temporalidade, do acoso sexual e laboral, das discriminacións por maternidade e por exercer os dereitos de conciliación. A sentenza da Audiencia de Nafarroa confirma que a violencia patriarcal está instalada en todos os aparatos do Estado.

-Para enfrontar o retroceso nas liberdades democráticas e nos dereitos fundamentais a través da Lei Mordaza e da última reforma do Código Penal, que se está a manifestar coa brutal represión contra traballadoras/es que se atopan en risco de entrar en prisión por exercer o dereito á folga.

-Pola rexeneración democrática fronte á corrupción actual e ante a crise política e institucional do réxime imposto coa Constitución do 78, que pretenden perpetuar a toda costa.

-Por solidariedade de clase. Cómpre romper esa dupla realidade existente dentro da clase traballadora entre persoas explotadas e sobre-explotadas que as reformas laborais están a impoñer. Temos a obriga de responder ao perigo de que a precariedade e a pobreza laboral se fagan imparábeis.

-Para conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra, para lograr que se fagan políticas en Galiza que impulsen e defendan os nosos sectores produtivos. Para que a nosa emigración poida retornar.

Volver