A folga contra o ERE en Extel resulta un éxito de seguimento na empresa e nas redes

Practicamente todo o persoal da plataforma da Coruña secunda a xornada de paro na que o 1004 recibiu un aluvión de chamadas pedindo atención en galego
A Coruña - 14 Out 2016
A xornada de folga convocada para este venres en Extel está a ser todo un éxito non só na empresa, senón tamén nas redes sociais, nas que os usuarios e usuarias fixéronse eco do conflito laboral apoiando cos seus chíos o mantemento de todos os empregos na Galiza e o dereito a recibir unha atención telefónica en galego. O uso das redes e as chamadas masivas ao 1004, accións acordadas entre as Seccións Sindicais de Extel e a Mesa Pola Normalización Lingüística, complementaron o paro practicamente do 100% na plataforma da Coruña e o mosaico-concentración que as traballadoras e traballadores realizaron no Obelisco.

Segundo indicaba esta mañá @trndinaliaES perto de 131.000 persoas poderían ter visto o HT #NonAoEREenExtel desde a súa primeira mención até que se converteu en tendencia na súa franxa horaria. Ao tempo, o servizo 1004 recibía unha onda de chamadas reclamando atención en galego, provocándose unha saturación en varias franxas da mañá. Unha atención en galego que, alén de ser o noso dereito, permitiría o mantemento dos postos de traballo na Galiza.

Mentres isto acontecía nas redes, o persoal de Extel participaba unha asemblea informativa na que se deu conta da reunión do período de consultas celebrada este xoves en Madrid. A este respecto Yolanda Martínez,delegada CIG insistía en que non "hai ningunha causa para xustificar este ERE polo que volvemos pedir a súa retirada".

Neste senso a Sección Sindical sinala que se están a realizar horas extraordinarias e a perder chamadas, polo que a regulación non só non está xustificada, senón que mesmo sería preciso contratar a máis persoal."Este ERE é unha fraude", aseverou. "A empresa cambia, en dez minutos, de criterio, e agora muda a produtividade pola voluntariedade. Algo que non subscribimos en ningún momento porque o noso poscionamento é o mesmo: non hai causas para os despedimentos".

De igual xeito, a representación da CIG volveu demandar que sexa a propia Telefónica-Movistar quen acusa á mesa de negociación a explicar os motivos deste expediente. Martínez lembrou que a multinacional vén de comunicar un recorte no horario do servizo de atención 1004. Isto provocou que outra empresa do sector, Atento, xa formulara unha modificación substancial das condicións de traballo.

"Esta cuestión abordouse na reunión con Extel, pero a empresa durante horas negou saber nada até que finalmente tivo que recoñecer que si. Pero pretendeu saír do paso asegurando que como están no ERE non van facer nada a este respecto. O cal é, evidentemente, unha mentira". apunta.

Dereito a ter unha atención en galego

Pola súa banda, o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, valoraba durante a concentración-mosaico realizada no Obelisco, como "cumprido" o obxectivo das accións conxuntas de chíos nas redes e chamadas a 1004.

"Temos dereito a ter unha atención en galego e temos dereito ter traballo no noso país. Esta xornada xunta as dúas reivindicacións", aseverou. "O éxito xa o temos hoxe, pero hai que continuar todos os días do ano reivindicando estes dous dereitos", concluíu.

Folga o martes 18

A loita do persoal de Extel continuará o vindeiro martes, día no que está convocada unha nova xornada de folga e unha cadea humana para rodear a Torre de Hércules.