A folga da xustiza, exemplo de loita, resistencia e dignidade

Nacional -

Dende o pasado 7 de febreiro, o persoal de xustiza de Galiza está en folga indefinida para recuperar os dereitos roubados, esixir melloras laborais e reverter o recorte de emprego aplicado pola Xunta neste servizo público, unha vez máis, baixo a escusa da crise. Este conflito xa se converteu nun exemplo de dignidade, da capacidade mobilizadora e da resistencia da clase traballadora.

Mais esta non é unha loita illada, senón que debe ser entendida como unha loita propia do conxunto das empregadas/os das administracións contra os recortes laborais, salariais e sociais aplicados nestes últimos anos; pois na área pública foi onde os gobernos ensaiaron as políticas antiobreiras que despois estenderían a todo o mundo do traballo a través das reformas laborais.

Por iso, acompañar o persoal de Xustiza na súa batalla non supón só un xesto de solidariedade, significa plantarlle cara ás políticas de desmantelamento e privatización dos servizos públicos, á precarización do emprego, ás amortizacións, ás rebaixas dos salarios, ás penalizacións por enfermar, á vulneración do dereito á negociación colectiva e, ademais, enfrontar a prepotencia e as mentiras do PP.

Sánchez: "Cada ataque da Xunta dános máis forzas e razóns para seguir pelexando"

Dende este inicio do conflito, o Goberno galego mantén unha actitude arrogante e unha nula vontade negociadora, até o punto de non sentar coa representación social para tentar evitar a folga. Un proceder, en palabras do secretario nacional da CIG-Xustiza, Xesús Sánchez, "absolutamente irresponsábel" que obrigou a que fose o comité quen tivese que convocar a Xunta para negociar.

Durante estes dous meses, o PP bloqueou calquera posibilidade de achegamento centrando as reunións na cuestión económica, propondo ofertas ridículas e aparecendo sen documentos de peche de acordos nos outros catro puntos. A estratexia da Xunta -co presidente Feijoo e o Vicepresidente, Alfonso Rueda, como arietes mediáticos- ficou clara: dilatar o conflito o máximo posíbel para desgastar, dividir e afogar economicamente o persoal, e ao tempo utilizar os medios de comunicación para descualificar a loita a nivel social.

"Comezaron por menosprezarnos, despois pretenderon presentarnos como privilexiados/as e até nos emprazaron a emigrar se non estabamos a gusto, utilizando os medios que servilmente se prestan a facerlle o xogo, para tentar desprestixiar as nosas demandas. Pero cada ataque dános máis forzas e razóns para seguir pelexando", afirma Sánchez.

A folga é un éxito

A resposta dos traballadores e traballadoras foi contundente: manter con firmeza a folga, intensificando as mobilizacións ante cada unha das agresións e ofrecendo un exemplo de dignidade na loita pola recuperación dos nosos dereitos. "A folga é un éxito indiscutíbel, lévao sendo dende o primeiro día. A Xunta non contaba con isto, porque este é un sector pouco dado a mobilizarse, e o pulso firme e decidido que estamos mantendo era algo que non esperaban", asevera Sánchez. De aí, engade, o enorme esforzo que está facendo a Xunta para desacreditar esta loita e a lexitimidade dos/as representantes na mesa de negociación. "Pero non o van conseguir".

Volver