A folga de Ourense contra o ERE en H&M estenderase tamén a Lugo e A Coruña

A CIG promove dous novos paros de 24 horas contra os despidos
Ourense - 03 Mai 2021

O éxito da folga convocada pola CIG na tenda de H&M en Ourense o pasado venres para rexeitar o ERE presentado pola trasnacional sueca do sector téxtil fixo que o establecemento non chegase a abrir as portas e se mantivese pechado durante toda a xornada. Agora, as traballadoras/es de Lugo e A Coruña súmanse ás mobilizacións das súas compañeiras/os e convocarán tamén paros de 24 horas os vindeiros días 8 e 15 de maio. Ademais, as empregadas/os de Ourense están a debater se amplían ao 14 de maio a convocatoria prevista para o 8 e o 15.

O cadro de persoal de H&M en Ourense optou por iniciar protestas para rexeitar o “drástico e inxustificado” ERE que vén de presentar a empresa téxtil e que suporá o despedimento de 1100 traballadoras/es en todo o Estado. Segundo denuncian dende a CIG, o ERE “salvaxe” que a compañía sueca Hennes & Mauritz (H&M) quere aplicar afectará a un total de 126 tendas en todo o territorio estatal.

No caso galego, unicamente dúas das oito tendas (Pontevedra e Santiago) quedarán, polo momento, libres das consecuencias do ERE. En tres establecementos haberá despedimentos e modificacións das condicións de traballo (Lugo, Vigo-Gran Vía e Coruña-Marineda), mentres que outros tres pecharán definitivamente (Vigo-Príncipe, Ferrol e Ourense-Paseo).

A aplicación do ERE en Ourense suporá a perda de 20 postos de traballo, “mais sería difícil calcular o impacto colateral que esta inxusta medida tería a nivel económico e laboral noutras empresas e sectores: provedores, transporte, tendas do arredor, etc”. E iso a pesar de que H&M de Ourense é unha das tendas máis rendíbeis da marca en todo o Estado español, ocupando, segundo os propios datos internos da empresa, o terceiro lugar dos establecementos con maior rendibilidade. 

O éxito da folga en Ourense mantivo a tenda da cidade pechada durante toda a xornada

“Se a todo isto lle sumamos que os sindicatos CCOO e UGT, fieis aliados da empresa, impediron, en base á lexislación do PP que segue vixente para os ERE, a participación dos sindicatos que a nivel estatal non acadamos a representación necesaria, encontrámonos que unha parte moi significativa das traballadoras/es de H&M non vai ter nin voz nin voto na mesa de negociación no período de consultas”, critican dende a CIG.

Por estas razóns, as empregadas/os de H&M, xunto coa CIG, acordaron a convocatoria destas xornadas de folga, “sumándonos aos paros que os sindicatos vascos comezaron o pasado 22 de abril”. Con esta medida de presión queren reclamar que o ERE se negocie por territorios e non a nivel estatal, así como a retirada dos despedimentos nos centros de traballo que nin tan sequera teñen perdas. “Non podemos consentir que multinacionais que teñen ganancias multimillonarias, e que seguiron gañando nos peores tempos do confinamento, xoguen de maneira tan inxusta e cruel coas nosas vidas e cos nosos salarios”.