A folga dos carrileiros e o Estado galego

Manuel Mera - 02 Xul 2021

A República proclamouse o 14 de abril de 1931, abrindo un proceso que trouxo unha enxurrada de rápidas mudanzas moito tempo contidas. Daquela que días despois se proclamase o Estado galego en varios lugares do país. Unha decisión que ademais estaba alentada, tanto polas arealas de liberdade das nacións periféricas, como Galiza, como pola folga e mobilizacións dos obreiros contratados para construción da vía Zamora-Ourense-A Coruña, como consecuencia da paralización das obras

Como paso previo á proclamación da República Galega o 18 de abril ORGA convocaba unha asemblea para debater a constitución dun gran partido nacional galego e levar ás Cortes o proxecto de constitución do Estado Galego. Esta celebrábase o 4 de xuño na Coruña e foi presidida por Antón Alonso Ríos, que acababa de chegar de Bos Aires, xunto con Suárez Pícallo e Campos Couceiro (representando á emigración galega).

Nesta asemblea acordouse: o recoñecemento da igualdade de dereitos políticos entre o home e a muller, a definición de quen é galego e a condición dos cidadáns españois na Galiza. Un bo comezo que atoparía unha morea de atrancos, por mor das resistencias do centralismo e pola inconsistencia de compromiso da propia ORGA.

Un día antes do comezo da asemblea da Coruña suspendéronse as obras do camiño de ferro entre Zamora-Ourense-A Coruña, así como tramos do de Ferrol a Xixón. A paralización tería unha ampla repercusión no país, xa que deixaba sen emprego a 9.500 “carrileiros”, un número inmenso para economía da época. A paralización das obras abriron unha fronte social e política, orixinando a creación de comisións populares, como a do Carballiño, vila na que dimitiron os concelleiros e deciden absterse nas eleccións para a Asemblea Constituínte da República Española do 28 de xuño.

Pola súa banda, en Ourense o povo organizouse en Asemblea Permanente. Ao mesmo tempo realízanse reunións co Governo en Madrid e mantéñense as mobilizacións, como a que se fixo en Compostela o 17 de xuño, na que participaron 800 labregos da comarca do Ulla afectados pola paralización. Nesa mesma data facíase nesta cidade cidade unha asemblea a prol do tema, á que acudiron 600 veciños e na que falou o alcalde.

A capacidade mobilizadora dos obreiros do camiño de ferro (os carrileiros) non se limitou a esta protesta diante dunha situación extrema como a da paralización das obras. Lembra o historiador Dionisio Pereira (Sindicalistas e Rebeldes) que con antelación: “Proclamada a República no tramo que transcorre pola bisbarra de Monterrei producíronse diversas folgas para acadar melloras laborais (...) Andando 1931, imítanos os peóns e canteiros da zona de Vilar de Barrio que, en número de 1.000, perden 9.000 horas de traballo con idéntico obxectivo.”

A medida que se achegan as votacións para a Asemblea Constituínte a presión institucional e social a prol da continuidade das obras faise máis forte, tamén a reivindicación dun Estado Galego. Ambos temas aparecen ligados en todo momento. Por exemplo, ás dúas da mañá do 25 de xuño, unha morea de xente concentrada fronte ao Goberno Civil, por mor da paralización das obras, dirixiuse ao concello de Ourense e izou a bandeira galega, e alí un mozo declarou constituída a República Galega.

Ese mesmo día os obreiros de Compostela esixen que continúen as obras do ferrocarril e piden, seguindo o exemplo de Cataluña, proclamar os Estado Galego. Reclamacións que acordan levar á asemblea que se ía realizar ao día seguinte en Ourense.

O 26 de xuño de 1931, reuníanse na cidade 26 delegacións representando a todos os sectores afectados (movemento obreiro, cámaras de comercio, sociedades agrarias,...), así como ás localidades de Galiza, e a Poboa de Seabra, pendentes da contestación do Governo da República. O teatro Losada estaba ateigado, e a xente no exterior aínda era máis numerosa, polo que a asemblea realizouse na Alameda.

O día seguinte, o 27 de xuño, logo dun gran mitin na Alameda de Compostela os asistentes trasladáronse á casa do Concello. Segundo relatan os xornais da época, ante a falta de respostas claras por parte do Governo respecto da construción da vía férrea, os ánimos foron fervendo entre os traballadores de xeito que despois da manifestación polas rúas de cidade izouse a bandeira galega no balcón da casa do Concello e proclamouse máis unha vez o Estado Galego. Dimitiron todas as autoridades e pedíuselle por aclamación a Antón Alonso Ríos que ocupase a presidencia provisional da Xunta Revolucionaria.

Ese mesmo día estaba a debate a convocatoria dunha folga xeral, condicionada polo resultados que obtivese a comisión que se desprazou a Madrid para conseguir a continuidade das obras do ferrocarril. Diante da enorme presión social e política o Governo da República optou pola continuidade das obras, mais facendo responsábel do seu financiamento concellos e deputacións, o que reduciu a mínimos o ritmo da construción.

Podemos tirar como conclusión destes feitos históricos que, malia o carácter simbólico das proclamacións da República Galega, esta acción reflicte o estado de ánimo da povoación, as súas arelas e reivindicacións. Resulta evidente que o movemento obreiro tivo un papel de vangarda na reclamación soberanista e que os militantes galeguistas (nacionalistas) que viñeron da emigración, tal é o caso de Antón Alonso Ríos e Pedro Campos Couceiro, ligados á Federación de Sociedades Galegas e á Sociedade Nacionalista Pondal, tiveron un papel fundamental para ligar o sentir social coa cuestión nacional.

https://obloguedemera.wordpress.com/

 

[Vigo, 2 de xullo de 2021]