A folga indefinida por un convenio digno no sector do siderometal ourensán comeza cun seguimento maioritario

Ao igual que nas dúas xornadas de paro previas, as principais empresas pecharon e centos de traballadores/as percorreron as rúas
Ourense - 05 Out 2022

O primeiro día de folga indefinida para reclamar un convenio colectivo digno no siderometal ourensán rexistrou un seguimento maioritario (de arredor do 80%), ao igual que acontecera nas dúas xornadas previas convocadas o 28 e 29 de setembro. As principais empresas do sector permaneceron sen actividade tanto na quenda de noite como na de mañá, e centos de traballadores/as percorreron as rúas e os polígonos industriais organizados en piquetes informativos tras celebrar unha concorrida asemblea.

Como consecuencia da folga -a primeira convocada no siderometal da provincia de Ourense de xeito conxunto polas tres centrais maioritarias en 22 anos-, o sector da automoción permanece practicamente sen actividade e as principais empresas pecharon as súas portas: GRI Towers, Egatel, Mecanizados Rodríguez Fernández, Revi, Ambulancias Rodríguez López, como tamén boa parte dos concesionarios de venta de vehículos.

O paro indefinido continuará até que o empresariado non asuma as principais reclamacións da parte social, que demanda un incremento de soldos do 6,5% para os anos 2022 e 2023, e do 5% para o ano 2024, cunha cláusula de revisión salarial, e que os atrasos se perciban dende o 1 de xaneiro. Xunto a isto, pide un día máis de libranza sen consolidar para 2022 e un día a maiores para cada un dos seguintes anos, estes si consolidados.

Pola contra, na súa última oferta a patronal limita a suba salarial ao 4% para os distintos anos de vixencia do convenio (2022-2024), segundo explica o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez.

Esta contía non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo, tendo en conta que o IPC de agosto xa superou o 10% e a previsión é que continúe á alza. "Neste escenario de medre da carestía da vida, a patronal quere aproveitar a suba de prezos para incrementar os seus beneficios", denuncia.

Apoio da federación de Industria da CIG

Finalmente, dende a federación de Industria da CIG trasladaron novamente o “apoio total ás xustas reivindicacións do persoal do siderometal ourensá” e salientaron a súa capacidade de loita e a determinación que están a amosar dende o inicio do conflito.

Tanto o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, como os resto das persoas integrantes da Executiva nacional, atópanse participando da mobilización en Ourense, onde esta tarde se celebrará unha xuntanza do máximo órgano de dirección da federación.