A folga do persoal da limpeza e conserxería dos CEIP de Santiago mantivo este martes un seguimento masivo nunha nova xornada de mobilizacións e de folga, convocada polo comité de empresa concesionaria do servizo, Lacera, para reclamar a aplicación inmediata das melloras laborais e salariais contempladas no novo contrato municipal.
Ao igual que en anteriores convocatorias, as traballadoras e traballadores percorreron a primeira hora da mañá distintos centros educativos da cidade para informar ás familias e á comunidade escolar da situación que atravesa o colectivo, maioritariamente integrado por mulleres con contratos a tempo parcial e salarios moi baixos.
Posteriormente desenvolveuse unha “Rondalla Porcona” polas rúas de Compostela para visibilizar un conflito laboral que continúa sen avances e sen interlocución coa empresa.
Segundo denunciou Paulo Rubido, asesor da CIG, "non tivemos absolutamente ningún tipo de interlocución nin contacto coa empresa", que, ademais, "continúa a súa política de non ofertar as vacantes nin as ampliacións de horario e impide o dereito das traballadoras da limpeza e dos conserxes dos colexios a poder incrementar a súa xornada".
Equiparación salarial
Rubido considerou incomprensible "que este conflito se vaia inquistar" cando existen recursos económicos previstos no novo contrato para mellorar as condicións laborais do persoal. Neste sentido, lembrou que a CIG está a preparar unha demanda xudicial para reclamar a equiparación das condicións co resto do persoal doutras contratas da mesma empresa e evitar que as traballadoras e traballadores perdan dereitos coa entrada en vigor dos novos pregos.
O representante sindical advertiu de que, se a situación non está resolta ao inicio do próximo curso escolar, convocarase unha folga indefinida. "Xa no mes de agosto empezaremos a realizar campañas de financiamento para afrontar a convocatoria dunha folga indefinida da duración que sexa necesaria no tempo", afirmou.
Rubido insiste en que se trata dun colectivo especialmente precarizado, no que moitas traballadoras perciben salarios mensuais de entre 400 e 500 euros debido á parcialidade das súas xornadas. Por iso, unha das principais reivindicacións é a ampliación de horas previstas no propio contrato municipal para avanzar cara a empregos e salarios dignos.
Xunto a isto o persoal reclama, entre outras medidas, a aplicación do plus salarial xa existente noutros contratos municipais, o complemento do 100% das baixas por enfermidade común, o incremento das xornadas laborais, a conversión dos contratos fixos descontinuos en indefinidos e a redución da parcialidade que afecta a boa parte do cadro de persoal.
O comité de empresa reitera que estas melloras xa están financiadas a través do novo contrato e reclama que os recursos públicos destinados ao servizo cheguen efectivamente ás traballadoras e traballadores, tal e como estaba previsto.