A folga na limpeza e conserxería dos CEIP de Santiago mantén un seguimento masivo e continuará o 16 de xuño
O persoal volveu percorrer os centros educativos e repartir papel hixiénico ao alumnado para denunciar a precariedade laboral que sofre o colectivo
O persoal da limpeza e conserxería dos Centros de Ensino Infantil e Primaria (CEIP) de Santiago pechou as dúas primeiras xornadas de folga convocadas polo comité de empresa de Lacera cun seguimento practicamente total e cunha ampla participación nas mobilizacións desenvolvidas ao longo destes días -hoxe co percorrido desde San Caetano até a Praza do Obradoiro- para reclamar a aplicación das melloras laborais e salariais previstas no novo contrato municipal.
Segundo explicou Paulo Rubido, asesor da CIG, o respaldo á convocatoria evidencia o profundo malestar existente entre as traballadoras e traballadores pola negativa da empresa a trasladar ao persoal unhas melloras que xa están contempladas e financiadas no actual contrato de prestación do servizo.
Durante estas dúas xornadas, o persoal realizou visitas informativas aos distintos centros educativos da cidade para explicar a súa situación e denunciar as condicións laborais que padecen. No marco destas accións, volveron repartir papel hixiénico entre o alumnado como símbolo das carencias e da falta de investimento que historicamente arrastra este servizo. As traballadoras e traballadores destacan ademais o apoio recibido por parte de numerosas familias, que amosaron a súa comprensión e solidariedade coas reivindicacións do colectivo.
As protestas incluíron tamén percorridos reivindicativos polas rúas de Compostela coa denominada “Rondalla Porcona”, unha iniciativa coa que pretenden dar visibilidade a un conflito laboral que afecta a un dos servizos máis precarizados do ámbito municipal. As mobilizacións remataron diante da Casa do Concello, na Praza do Obradoiro, onde volveron reclamar unha intervención decidida do goberno municipal para desbloquear a situación.
Rubido subliñou que o elevado seguimento da folga confirma que a problemática vai moito máis alá dunha reivindicación concreta. “Estamos ante un colectivo que leva anos soportando condicións laborais moi inferiores ás existentes noutros servizos municipais e que ve como agora tampouco se aplican unhas melloras que xa estaban previstas no novo contrato”, sinalou.
Aplicación inmediata das melloras
Entre as principais demandas do persoal figura a incorporación do plus salarial que xa existe noutros contratos da limpeza municipal, o complemento do 100% das baixas por enfermidade común, o incremento das xornadas laborais, a conversión dos contratos fixos descontinuos en indefinidos e a redución da parcialidade que afecta a unha parte importante do cadro de persoal.
O representante sindical lembra que estas medidas non supoñen ningún incremento de custo para a Administración, xa que forman parte das condicións previstas no contrato actualmente en vigor. “A empresa está a percibir os importes correspondentes ao novo contrato, incluídas as partidas destinadas a mellorar as condicións laborais. O que reclamamos é que eses recursos públicos cheguen efectivamente ás traballadoras e traballadores para os que estaban previstos”, denunciou.
Desde a CIG lembran que o contrato dos servizos de limpeza e conserxería dos CEIP permaneceu durante máis dunha década sen actualizarse, unha situación que contribuíu a consolidar baixos salarios, elevadas taxas de parcialidade e importantes deficiencias organizativas. Ao seu entender, o novo contrato ofrece unha oportunidade para corrixir boa parte destas eivas, mais a súa aplicación continúa bloqueada.
Nova xornada de folga o 16 de xuño
Ante esta situación, o comité de empresa mantén a convocatoria dunha nova xornada de folga e mobilización para o próximo 16 de xuño. O obxectivo, sinalan, é continuar visibilizando a situación dun colectivo integrado maioritariamente por mulleres e reclamar o cumprimento íntegro das condicións previstas no contrato municipal.
Ademais, advirten de que, se non se producen avances reais nas próximas semanas, a asemblea de traballadoras e traballadores poderá valorar a adopción de novas medidas de presión, incluída a posibilidade de convocar unha folga indefinida ao comezo do vindeiro curso escolar.