A folga paraliza a actividade da conserveira Thenaisie nos centros de traballo do Grove e Mos

As traballadoras/es desenvolveron concentracións diante da empresa
O Grove/Mos - 15 Set 2020

O seguimento maioritario da primeira xornada de folga convocada na conserveira Thenaisie Provote para reclamar a implicación da Xunta na problemática da empresa paralizou a actividade nos centros de traballo do Grove e Mos. Dende primeira hora da mañá as empregadas/os desenvolveron concentracións diante das instalacións da compañía.

O comité da conserveira convocou un total de seis xornadas de folga na empresa, que se atopa en concurso de acredores e con parte do persoal en ERTE, para reclamar a intervención da Xunta e a a necesidade dun proxecto industrial que garanta a actividade e permita o mantemento de todos os postos de traballo. Pero para iso é necesario que a Administración dea un paso á fronte e o grupo romanés propietario de Thenaisie, Scandia Food, se faga a un lado “para permitir que sexa a Xunta a que negocie directamente cos posíbeis inversores interesados na adquisición da empresa”.

Na FGAMT-CIG do Salnés denuncian que o grupo romanés está a boicotear o proceso de venda co obxectivo de que a conserveira vaia á liquidación e lembran que Scandia comprometérase coa Xunta a dar un paso atrás no caso de que non se materializasen as conversas que mantiñan cunha conserveira interesada en mercar Thenaisie. “Pero os contactos quedaron en nada, e de feito a propia Xunta ía manter unha reunión con ese inversor, mais finalmente todo quedou en nada”.

Próximas convocatorias

Por iso dende a central entenden de que é o momento de que Scandia se aparte do proceso e que sexa o Goberno galego o que intente reflotar a empresa. “Mais o grupo romanés non está a cumprir o acordado”, lamentan. Diante disto, o comité optou por convocar as seis xornadas de folga, que continuarán os días 16, 17, 22, 23 e 24 de setembro.

Coincidindo cos paros, ao igual que aconteceu hoxe, as empregadas/os levarán a cabo concentracións diante dos centros de traballo do Grove (5:00 horas) e Mos (6:30 horas).