A folga polo convenio de pesca de arrastre no porto da Coruña en 1981

Miguel Campuzano Álvarez - 23 Set 2026

 A loita polo convenio tivo moita repercusión social; foi a folga coa que se logrou o primeiro convenio colectivo do sector e sentou precedente para outros portos. Houbo mobilizacións posteriores en Marín, onde a INTG era maioritaria e traballaban con salarios dependentes da participación nas capturas

 Cheguei á Coruña en xuño de 1978 para facerme cargo do SGTM-ING (Sindicato Galego de Traballadores do Mar) aceptando a proposta de Francisco García Montes, que era o secretario nacional da ING. No outono de 1978 fixemos a loita polos días de descanso na frota do arrastre de litoral.

 O obxectivo primordial era intentar lograr un convenio colectivo para a pesca de arrastre no porto coruñés. Daquela, este era o primeiro porto de peixe fresco da Península. Para iso contaba cunha táboa reivindicativa impresa que ía repartindo polos barcos, normalmente á chegada ou á saída.

 En abril de 1980 remato o servizo militar e incorpórome á actividade sindical. Naquela época estabamos en plenas negociacións entre a ING e a CTG para a unificación nunha soa central sindical. En marzo de 1980 apróbase o Estatuto dos Traballadores, asinado por CCOO. e UGT, Estatuto que contou co rexeitamento da ING e CTG por supor a imposición dun marco laboral estatal, un retroceso nos dereitos laborais e na flexibilización da contratación e despedimento, unha mingua do poder adquisitivo dos salarios, e por priorizar os comités de empresa e sindicatos sobre as asembleas de traballadores, e desincentivar a mobilización; de feito, fortaleceu as dúas grandes centrais sindicais españolas e encorsetou e burocratizou o movemento obreiro. Estableceu as eleccións sindicais de empresa como sistema de representación e colocou unha barreira do 15% nas Comunidades Autónomas para poder ser considerados sindicatos máis representativos. Podemos dicir que o Estatuto dos Traballadores supuxo a cesión de dereitos laborais por parte dos dous sindicatos estatais a cambio de recoñecemento institucional, financiación e blindaxe da súa posición de sindicatos hexemónicos capaces de negociar só coas súas siglas sen respaldo dos traballadores e traballadoras.

 A barreira legal do 15% dos delegados sindicais supuxo un argumento máis a favor da unificación da ING-CTG que se acordou en outubro de 1980 nunha asemblea conxunta de delegados na Coruña e se formalizou como INTG en febreiro de 1981. Nas eleccións sindicais de 1980 a INTG (ING-CTG) obtivo 1.679 delegados, un 17,5% do total. Sen a unificación ningunha das dúas formacións acadaría a forza suficiente para superar o mínimo.

 No Goberno español estaba a UCD, pero en situación inestábel; a finais de xaneiro do 1981 dimite Adolfo Suárez, o 23 de febreiro hai un intento de golpe de estado militar e o 26 de febreiro sae investido como presidente Leopoldo Calvo Sotelo. O 21 de decembro de 1980 apróbase o Estatuto de Galicia despois dun referendo cun 71,7% de abstención e entra en vigor en abril de 1981.

 Na clase obreira segue habendo ganas de loita; para o mes de maio do 1981 convocáronse 4 folgas distintas: pesca de arrastre, transporte, traballadores da Universidade Laboral e persoal da Cidade Sanitaria. Comezan a notarse os efectos dos pactos sociais, do Estatuto dos Traballadores e do golpe de estado do 23 de febreiro. Albíscase un encamiñamento da reivindicación social a través das estruturas políticas e sindicais.

Situación sindical no porto da Coruña entre os mariñeiros

 As eleccións sindicais nos barcos de arrastre deron unha maioría a CCMM (CCOO), e isto reflectiuse na composición da mesa negociadora na parte social, 4 eran de CCMM, 1 da INTG e 1 da UGT. A forza das CCOO viña por teren absorbido o SPG (Sindicato da Pesca Galego) que era o sindicato maioritario anteriormente e que tiña un local mesmo na entrada da Palloza. Neste regalo do SPG a CCOO tivo moita influencia un liberado sindical do MCG (Movemento Comunista de Galicia) de nome Félix.

 A INTG tiña presenza e prestixio grazas á mobilización da frota de arrastre de litoral no ano 1978 reivindicando os 6 días de descanso mensuais. Desa loita ficaron organizados mariñeiros combativos, como Antonio Prieto, Enrique Pereira Lois e Ángel Fernandez. Non tiñamos a maioría pero si contabamos con persoas militantes, moi importantes á hora de facer presión sindical. No momento das asembleas e piquetes, nós tíñamos tanta incidencia ou máis que CCMM (CCOO).

 As relacións sindicais con CCMM eran boas a pesar da dura competencia polo espazo sindical. Á fronte estaba Romualdo Irixoa, un maquinista da mercante de Corme, e Begoña Palacio Verdini, que procedía da militancia na JOC (Juventud Obrera Católica), persoas cualificadas e non sectarias coas que se podía traballar. O único incidente negativo foi cando o secretario de Galicia de CCMM Tito Ucha se presentou no porto despois de iniciada a folga con manobras sucias, buscando crear división contra nós. Cortei o tema de raíz falando con Romualdo Irixoa e aviseino de que, se esta persoa seguía alí un día máis, lle botaba enriba a asemblea. Marchou inmediatamente. Tito Ucha representaba o sectarismo clásico dentro de PC e de CCOO. Era unha persoa intelixente e con moita iniciativa, pero o para el era fundamental atacar e eliminar os “compañeiros de viaxe”, unha vella teima típica dos partidos comunistas, desde que os bolxeviques eliminaran os menxeviques na revolución rusa.

 UGT tiña algúns delegados sindicais e afiliación grazas á influencia dos chaboleiros e persoal de terra das empresas armadoras. Tivo moi pouca influencia na negociación e no conflito. O seu representante era un empregado da Telefónica, con aspiracións a cargo político no PSOE, que non baixaba polo peirao aínda que si asistía ás negociacións.

 O persoal de terra dos armadores era xente de confianza dos mesmos. O ano anterior, no 1980 asinaron un convenio colectivo despois de moitas voltas nas que os armadores daban largas ás negociacións e non querían comprometerse. Só conseguiron negociar e asinar o convenio cando o líder dos mesmos, un chaboleiro de alcume Latino, ameazou con pasarse á INTG e foi un amago que lles resultou útil. Que este sector conseguira o convenio colectivo era unha razón máis para que os mariñeiros loitaran polo seu.

 Na parte patronal houbera eleccións na Asociación de Armadores e saíra presidente un fillo dos armadores tradicionais, José Ramón Ferradás, cun equipo de afíns que representaban unha posición máis dura, menos dialogante e máis impositiva. Este sector, con promesas simples e aproveitando o malestar polo momento de crise, desprazou os armadores que tradicionalmente viñan ostentado a representación: Etchebers, Freire… dunha xeración anterior e ligados á tradición empresarial coruñesa. Despois da folga, ante a impericia dos armadores novos tanto no convenio como na negociación co goberno e CEE das licenzas e axudas, o sector tradicional faríase de novo co poder.

 Durante o año 1980 houbo gran conflitividade nos portos de Guipúscoa con moitos meses de loita, folgas, amarres, polo convenio colectivo da pesca de arrastre ao fresco e simultaneamente ao problemas do recorte de licenzas coa CEE. Ao final, en xullo de 1980 asínase o convenio. Esta vitoria dos traballadores de Pasaia serviu de estímulo á nosa causa.

A negociación do convenio colectivo e a folga

 A actitude dos armadores foi desde o principio a de evitar as negociacións e todos os pasos que se deron foron por iniciativa da parte social e con presión. A folga foi a única saída despois de moitos meses de negativas a sentaren a negociar e tras seren obrigados a facelo, de non dar respostas as reivindicacións, mesmo durante a folga e despois dela.

 En xaneiro de 1981 comunícaselle oficialmente por parte dos tres sindicatos á Asociación de Armadores a vontade de negociar o convenio colectivo. Os salarios están conxelados desde setembro de 1979. A parte empresarial non responde e busca deixar pasar o tempo.

 O 27 de febreiro, aproveitando o amarre da frota de Gran Sol, convócase asemblea unitaria de traballadores na Casa do Mar, con asistencia de máis de 200 mariñeiros. Infórmase da falta de resposta dos armadores e decídese ir, todos xuntos, ata o local da asociación empresarial no porto. Alí estivemos concentrados mentres os representantes sindicais falaban cos directivos da mesma, que se comprometeron a recoñecer a representatividade sindical e a levantar acta da constitución da mesa negociadora, se ben as negociacións non comezarían ata que a frota saíse ao mar, saída prevista para o 6 de marzo. Este mesmo día 27 asínase o Acordo Pesqueiro entre o Estado Español e a CEE con 142 licenzas en total.

 O día 5 de marzo, antes da saída ao mar, celebrouse unha asemblea de mariñeiros na que se ratificou a táboa reivindicativa e a composición da parte social na mesa negociadora. Por parte da INTG ía Antonio Prieto Martínez, mariñeiro en paro, e como asesor Miguel Campuzano. Por CCMM, os asesores foron Romualdo Irixoa e Begoña Palacio. Os representantes sociais quedaban en terra e a Asociación de Armadores facíase cargo do pagamento dos salarios mentres durasen as negociacións.

 En principio, as reivindicacións sindicais eran: manter o poder adquisitivo dos salarios e equiparalos co que obtiveron os mariñeiros guipuscoanos, manter os beneficios do peixe miúdo ou “chonas” ou “potas” que tradicionalmente levaban á casa, respectar os días de descanso e vacacións, manter os cadros de persoal por barco de 15 homes, entre outros. A petición económica superaba o AMI (Acordo Marco Interconfederal).

 O día 11 de abril faise a primeira xuntanza na que os empresarios divagan sobre a crise pesqueira e a necesidade de cambiar o sistema retributivo; pídeselles que fagan unha oferta por escrito. Na xuntanza do día 13 de abril os armadores fixeron oralmente unha contraproposta inadmisíbel, querían cambiar o sistema salarial pasando do salario fixo, que era o que se tiña, a un salario base garantido mínimo e, despois, que cada armador negociase coa súa tripulación a porcentaxe respecto das capturas. Pasar dun salario estábel e fixo a un salario “á parte” que dependese das vendas de cada barco e cobrar o salario cada dúas mareas non Gran Sol, en vez de mensualmente. Xunto con iso, pretendían que o persoal da ponte (os patróns de pesca e costa), o xefe de máquinas e o contramestre tivesen a condición de “persoal de confianza” e polo tanto puidesen ser despedidos cando quixesen. Ademais, pretendían reducir os cadros de persoal dos barcos. Tampouco aceptaban ningún control ou dar información previa aos sindicatos en temas de contratación, despedimentos, liquidacións, descansos ou vacacións.

 O día 24 de abril os armadores rompen as negociacións dicindo que a parte social está recollendo sinaturas nos barcos para convocar folga legal. A parte social informa o pobo da Coruña de que, de persistir os empresarios nesta actitude, a folga vai ser inevitábel e fannos responsábeis dos prexuízos que pode traer ao porto e á cidade.

 O día 1 de maio dáselle a coñecer á opinión pública que a folga da frota de arrastre comezará o dia 7 de maio ás 00:00 horas e que vai ter consecuencias na vida económica da cidade, sobre todo nos sectores dependentes da pesca como descargadores, manipuladores de peixe, transportistas, vendedores e que repercutirá sensibelmente no abastecemento das prazas e nos prezos.

 O día 4 de maio prodúcese unha reunión da comisión negociadora convocada polo Delegado Provincial de Traballo na que a parte empresarial mantén a súa postura de se negar a negociar a menos que se desconvoque a folga. Os traballadores, conscientes de que é unha artimaña máis da patronal para dar voltas e máis voltas sen facer propostas reais, deciden seguir coa folga para adiante.

 Ás 00:00 horas do día 7 de maio comeza a folga. Pola mañá houbo unha xuntanza dos sindicatos co Gobernador Civil, Delegado de Traballo e Comandante de Mariña, na que se expuxeron as razóns para ir ao paro e denunciaron que os armadores non entregaran aínda a súa proposta por escrito. Cinco horas antes de comezar o paro, chéganos a través da Delegación de Traballo a súa proposta: liberdade de contratación de salario fixo ou de participación nas capturas, despedimento libre para os mandos, redución das tripulacións, aboamento de salarios cada dúas mareas; para o salario fixo distinguen un salario por día segundo estea o barco no porto ou faenando, absorbendo todos os conceptos retributivos.

 Para os traballadores ter por escrito esta contraproposta patronal foi moi importante xa que nos permitiu poder informar as tripulacións con documentos na man.

 A patronal declara que non queren coaccións nin medidas de forza e que se negaron a negociar cando se comezaron a recoller sinaturas para convocar a folga. Na súa proposta defendíase que cada empresario negociase coa tripulación o sistema salarial. Son 144 barcos e 2.120 tripulantes.

 O Gobernador Civil declarou que actuou como mediador entre as partes e que non se tolerarán coaccións; as forzas policiais garantirán a seguridade e o dereito dos que queiran ir traballar.

 A folga foi medrando paulatinamente, a maioría dos barcos estaban no mar e só cando chegaban a porto podían incorporarse á loita. O primeiro día non chegou ningún barco do Gran Sol. Sobre todo na frota do día, os armadores ían descargar a outros portos próximos como Ferrol, Camariñas, Laxe, Celeiro, Vigo, para evitar o porto da Coruña e que os piquetes informativos falaran cos tripulantes. Unha das características da pesca é que o centro de traballo é movíbel, sen horarios e sen datas de saída e chegada e isto dificultaba moito a acción sindical.

 A policía polas noites poñía impedimentos ao labor informativa dos piquetes impedindo a acercamento aos barcos mentres descargaban. Son detidos dous mariñeiros o segundo día de folga. Os armadores coaccionan con ameazas de despedimentos e de dar de baixa na Seguridade Social aos que vaian á folga e tratan de forzar que as tripulacións asinen un documento para refugala, acusando as centrais sindicais de provocaren conflito nun momento de grave crise pesqueira e que se ían perder os postos de traballo.

 Despois de 10-15 días os barcos de Gran Sol teñen que vir para descargar o peixe. Algúns armadores cambian o porto de chegada para dificultar que os mariñeiros se sumen á folga. O día 12 de maio hai 29 barcos amarrados, o día 13 están 35 barcos, o día 14 está parada o 30%, 41 barcos; o día 22 de maio o 65% da frota de arrastre, uns 90 barcos, o día 26 de maio están en folga 102 buques. A acción dos piquetes é constante, día e noite. Ese mesmo día a parte social envía escrito á parte patronal cos puntos mínimos para acceder a desconvocar a folga: recoñecemento da estrutura salarial actual con salario base e salario garantido tendo en conta o incremento do IPC desde setembro de 1979; mantemento das “potas”, “chonas” e peixe miúdo que levan os traballadores por tradición; os mariñeiros descansarán tantos días como sábados e domingos pasen os mariñeiros no mar na frota do Gran Sol e de 48 horas seguidas, como mínimo, na frota do día con preaviso doutras 48 horas, mantemento das tripulacións actuais de 15 persoas por barco, supervisión polas centrais sindicais dos contratos de traballo, tal como se tiña recoñecido na antiga Organización Sindical.

 O día 25 de maio celébrase unha asemblea das mulleres e familiares dos mariñeiros para informar da situación da folga e para espallar panfletos nos barrios e prazas á vez que difundir o apoio á manifestación do día 29. Foi unha iniciativa de Begoña Palacio Verdini.

 O día 29 de maio faise unha gran manifestación de solidariedade cos traballadores do mar con apoio de asociacións veciñais, comités de empresa e a sociedade coruñesa en xeral que vive moi de preto do porto. Están en folga 104 barcos dos 140 posíbeis. Sae unha nota de prensa con algunhas sinaturas de mariñeiros recollidas por Tito Ucha de CCMM atacando a UPG por sacar unha nota de prensa a favor da manifestación acusándoa de “oportunismo contrario aos intereses dos traballadores do mar”.

 A Deputación da Coruña o 31 de maio solidarízase coas reivindicacións dos mariñeiros da frota de arrastre para conseguir un convenio xusto.

 Nos primeiros días de xuño continúa a folga, seguen parando novos barcos e algúns armadores intentan saír ao mar con enganos. Parten só coa tripulación mínima de ponte e máquina, como itinerantes, e despois recollen tripulación noutro porto. A Comandancia de Mariña despáchaos. Isto dificulta a acción informativa dos piquetes e o descontrol. Nalgún barco coaccionan os mariñeiros e convócanos para a saída, preséntanse no porto e a policía impide o acercamento dos piquetes para informar a tripulación. Nun dos casos, xa cando o buque partía, para impedilo, saltei desde o peirao á cuberta e subín ao pao maior e encadeeime ao posto de vixía. O barco tivo que tornar, un policía subiu á cesta e cortou a cadea cunha cizalla, e inmediatamente o barco marchou. Fun conducido á comisaría e puxéronme en liberdade ás poucas horas. Tiven un xuízo, meses despois, denunciado polo armador, pero o xuíz non apreciou delito nin falta e foi sobresido.

 O día 3 de xuño os mariñeiros despois da asemblea saen en manifestación ata a Praza de Vigo, onde está a Delegación de Traballo. Outros días faise manifestación e concentración diante do local da Asociación de Armadores.

 Especial gravidade tivo a detención de Antonio Prieto, militante do SGTM-INTG e membro da comisión negociadora. Ingresou na prisión da Coruña e estivo uns días encadeado, acusado de agresión a un mariñeiro. Fomos unha comisión formada pola muller del, Carmen Valiño mais eu a falar co xuíz e explicou que as acusacións eran graves e esa violencia estaba moi castigada no Código Penal. Afortunadamente, a persoa agredida presentouse no xulgado a prestar declaración exculpándoo, e quedou en liberdade. Este suceso supuxo para el que nunca máis puido traballar no porto da Coruña; xa estaba marcado pola loita polos 6 días de descanso ao mes na frota do día no ano 1978 e tivera que enrolarse en barcos de Burela nas costeiras do bonito ou anchoa.

 O día 6 de xuño, os armadores entregan un escrito de contestación á proposta de mínimos dos sindicatos, forzados pola presión social e das autoridades, no que non se comprometen a nada, expoñían que despois de que se retomase a actividade laboral se sentarían a negociar e estudarían unha proposta salarial. Estaban tomándonos de broma.

 A situación estábase radicalizando; despois de máis dun mes de folga os ánimos estaban quentes e a parte patronal quería mofarse dos traballadores. O Gobernador Civil tivo que actuar de inmediato porque aquilo podía converterse nun problema de orde pública. Emporiso convocou os armadores a unha xuntanza o día 8 no Goberno Civil para chamalos á responsabilidade; despois o día 10, convocou unha reunión da Mesa Negociadora na mesma sede do Goberno Civil ás 6 da tarde. A táctica do Gobernador era pechar as partes nun salón e non levantar a sesión ata chegar a algún acordo, así por cansazo, despois de moitas horas podíanse suavizar as resistencias iniciais.

A xuntanza durou 16 horas seguidas, rematou ás 8 da mañá do día seguinte. Fomos tocando punto por punto os 6 principais e nalgúns íanse achegando, como descansos (recoñecer a lexislación e concretala), “potas” e “chonas” (recoñecer a tradición ou costume vixente), pagar un plus por noite traballada, manter tripulacións actuais de 15 tripulantes, entregar contratos aos empregados visados pola oficina de emprego. Onde non había posibilidade de acordo era no tema salarial. Para saír do atranco ideouse unha pirueta arriscada: manter igual a masa salarial, que se elevasen conforme IPC os salarios garantidos e que se puidesen detraer os incrementos da porcentaxe dos mandos que o cobraban. Hai que ter en conta que o patrón de pesca recibía entre un 5% e un 10% do valor en venda do peixe descargado. Establecíase un calendario de negociación para os próximos días para concretar o acordo. Ao final asinouse así e acabou a folga con saída dos barcos a partir do día 12 de xuño. Era unha saída con incertezas, remataba a folga de 35 días pero non o conflito, que se prolongaría moito tempo en batallas legais.

 Para comezar, a patronal xa non respectou o calendario de negociacións pactado e seguiron coa súa táctica de evadirse e non comprometerse. Non se puido avanzar nada con eles.

 A finais de xullo chegan tres multas gobernativas contra militantes do SGTM-INTG por valor de 100.000 pesetas pola súa participación nos piquetes. Nunca se pagaron, recorréronse e alí quedaron.

 Un mes despois, o 10 de agosto, celébrase unha xuntanza na Delegación de Traballo coa presenza do Delegado e do Xefe da Inspección para intentar desbloquear a negociación dos salarios. Os armadores néganse e tampouco aceptan unha arbitraxe voluntaria, polo que as centrais sindicais deciden presentar un conflito colectivo ante a Maxistratura de Traballo. Esta Maxistratura da Coruña non recoñece capacidade aos tres sindicatos para propor a demanda e teñen que recorrer á Maxistratura Central de Madrid, que falla a favor dos mesmos e obriga a Maxistratura a celebrar vista.

 O día 11 de decembro prodúcese unha nova reunión na Delegación de Traballo coa presenza do Subdirector Xeral de Traballo e Delegado de Traballo Provincial na que a patronal se presenta como Asociación de Armadores, non como parte da mesa negociadora do convenio colectivo e cuestiona a validez do acordo asinado para poñer fin a folga. Xa presentaran un recurso de alzada contra a súa publicación, en outubro, no BOP polo que propoñían que se comezasen de novo unhas negociacións borrando todo o anterior. Perderon o recurso de alzada. A desvergoña dos representantes empresariais chegaba a límites insospeitados, negan a validez do que eles mesmos asinaron diante nosa e das autoridades gobernativas e de traballo.

 O día 4 de febreiro de 1982 celébrase a vista na Maxistratura de Traballo. A pretensión patronal era anular o pacto de 11 de xuño alegando que era inviábel no tema salarial e, xa que logo, iso invalidaba todo o texto. Comezaron negando a capacidade representativa e a lexitimidade dos sindicatos, pero xa había resolución da Maxistratura Central de Traballo; negaban tamén a representatividade dos asinantes pola parte empresarial, porque eles eran Asociación de Armadores e non parte negociadora do convenio colectivo, cando o presidente e representantes da Asociación de Armadores eran os membros da mesa negociadora. Tamén alegaron que non procedía a publicación no BOP do acordo asinado xa que non tiña rango de convenio colectivo cando xa fora un tema resolto xudicialmente. Argumentos sen base todos enfocados a que non fose recoñecido o pacto como válido e ficar outra vez libres de facer o que quixesen. O xuíz, despois de escoitar as partes, xa alí, a viva voz, sentenciou que respecto aos salarios cortaba pola metade a diferenza entre patronal e sindicatos, pero o pacto asinado que deu fin a folga era válido como xa se recoñecera noutras instancias. A resolución non contentaba a ningunha das partes e foi recorrida.

 Aínda o tema non rematou aí; unha parte dos empresarios negouse a aceptar a resolución xudicial durante moito tempo. Paralelamente a crise do sector era brutal, moitos barcos tiveron que deixar a actividade nos anos sucesivos por carecer de licencia e outros pasaron a empresas mixtas.

Final

 A loita tivo moita repercusión social; foi a folga coa que se logrou o primeiro convenio colectivo do sector e sentou precedente para outros portos. Houbo mobilizacións posteriores en Marín, onde a INTG era maioritaria e traballaban con salarios dependentes da participación nas capturas.

 En 1992 asínase en Celeiro e publícase o convenio para pesca de arrastre ao fresco para a provincia de Lugo cun salario base e un mínimo garantido.

 No ano 1998 publícase o convenio colectivo para a Pesca de Arrastre do Gran Sol na provincia da Coruña, 17 anos despois desta folga, que foi unha consecuencia desta loita que consolida o sistema de retribución de salario fixo e garantido.

 No ano 2000 publícase o convenio colectivo de empresa Arrastreiros do Barbanza, con sede en Ribeira, para segregarse do convenio provincial, no que se establece o sistema de retribución de mínimo garantido co salario mínimo interprofesional e participación nas capturas, cobrando 3.000 pesetas por día de navegación e 1.000 pesetas por noite traballada.

 O sector da pesca de arrastre tivo unha redución moi rápida de barcos nestes 40 últimos anos. Estaba e está na mira das autoridades comunitarias como unha industria extractiva e depredadora; a redución de licenzas xunto coa diminución da cantidade de pesca foi drástica.

 Hoxe na Coruña hai, aproximadamente 15 barcos de pesca de arrastre de litoral e 3 de pesca de arrastre no Gran Sol. Os buques son máis grandes e están mellor equipados tecnoloxicamente, levan menos mariñeiros a bordo, dos que moitos son procedentes doutros países, por falta de man de obra galega.

 Unha manifestación máis da caste de empresarios que eran os armadores da pesca de arrastre foron ás súas actuacións contra o descanso nas fins de semana obrigados por un Decreto da Xunta, o 262/1991 asinado polo Conselleiro do PP, López Veiga. Como sempre, puxeron o berro no ceo, declararon que o sector non se podía permitir parar sábados e domingos, que ían vir ás costas galegas os buques de Asturias e Portugal, e iniciaron accións legais para anulalo. Recorren e conseguen unha paralización do Decreto alegando conflito de competencias entre a Xunta e o Goberno Central alegando que as augas de fóra das puntas das rías no son competencia de Galicia. En marzo de 1992 o Tribunal Constitucional levanta a suspensión do Decreto e teñen que cumprilo. Loxicamente os sindicatos apoiaron desde o comezo o Decreto: era bo para os mariñeiros que podían descansar con seguridade e estar os fins de semana coas familias, era bo para a conservación do medio mariño e a explotación sostíbel da industria pesqueira, pero era un límite á cobiza e rapina dos armadores e estes revolvíanse rabiosos, por moi racional e xustificada que fose a medida.

 

[Galiza, 23 de setembro de 2026]