A Fundación Moncho Reboiras contará cunha sección de “Formación sindical” na web da CIG

Ten previsto publicar vídeos con información de interese para a afiliación da central sindical

Nacional -

A partir deste martes, día 14 de maio, a páxina web da CIG incluirá un apartado de “Formación sindical” que dependerá da Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza. A nova columna situarase na parte dereita da pantalla, baixo a sección de Opinión e proporcionará información práctica sobre cuestións sindicais relevantes.

Para iso a Fundación Moncho Reboiras irá publicando unha serie de vídeos de produción propia nos que se explican cuestións como que son e como se calculan unhas bases de cotización, ou os tipos de cotización que hai, entre outras cuestións.

A propia Fundación será a encargada de actualizar o material, que agarda proporcione información de interese para a afiliación da central sindical. Entende que é esencial para a clase traballadora a formación tanto en cuestións directamente relacionadas coas condicións laborais, como noutras relativas á historia dos sindicatos e do movemento obreiro galego, particularmente do sindicalismo nacionalista.

De feito, entre os seus obxectivos e razón de ser, a Fundación Moncho Reboiras, márcase “estudar a realidade actual da clase obreira galega e dos movementos sociais, así como a problemática nacional; divulgar na clase obreira galega e os movementos sociais do país outras experiencias exteriores ou divulgar e fomentar o estudo e investigación, no campo histórico e xurídico, daqueles temas que contribúan á mellora das condicións da clase obreira. Así como doutras ciencias sociais.

Volver