A globalización e os traballadores do mundo

Prabhat Patnaik -

O efecto da globalización de agudizar a pobreza absoluta afecta tamén aos traballadores dos países do terceiro mundo e non se limita só aos traballadores metropolitanos

A globalización foi anunciada como algo beneficioso para todos, como un importante paso adiante cara a unha mellora económica universal. Era claramente falso, e non foron só os economistas de esquerdas, senón tamén moitos economistas da liña “dominante” como Paul Samuelson os que o dixeron desde o primeiro momento.

 O motivo que aducían era moi sinxelo: se o réxime económico mundial permitía a libre importación en Estados Unidos de mercadorías procedentes de China ou da India, iso afectaría negativamente aos salarios reais dos traballadores norteamericanos, porque os traballadores norteamericanos, cuns salarios moito máis altos, terían que competir, en detrimento seu, cos salarios máis baixos dos traballadores chineses ou indios. Por conseguinte, o feito de que a globalización prexudicaría necesariamente os traballadores de Estados Unidos e doutros países avanzados, parecíalles obvio a eles, e de feito a todos, do que se tiraba que non era posíbel que beneficiase a todos os segmentos da clase traballadora mundial. Agora ben, de acordo con esta argumentación, considerábase que a globalización beneficiaría os traballadores de países como China ou a India, é dicir, daqueles países do terceiro mundo cos salarios baixos.

 Formulando este argumento doutro xeito, xa que a libre circulación de mercadorías e de capitais por todo o mundo intensifica a competencia entre os traballadores dos diferentes países, produciríase unha tendencia cara a unha diminución das diferenzas salariais entre estes países, e aínda que isto representaría un certo incremento nos salarios reais dos traballadores do terceiro mundo, tamén representaría unha redución nos salarios reais dos traballadores metropolitanos.

 Este mesmo argumento pode formularse dun xeito máis preciso, de acordo coas categorías da economía marxiana, do seguinte modo: a globalización, ao transferir determinadas actividades económicas desde os países avanzados aos países do terceiro mundo (debido aos salarios máis baixos destes últimos), esgotaría as reservas de man de obra nestes últimos á vez que produciría un aumento das reservas de man de obra nos primeiros. Isto, se non cambian outras circunstancias, provocará unha subida dos salarios nos últimos e un descenso destes nos primeiros. A globalización, por exemplo, mentres que non beneficia a todos os traballadores, reduce as diferenzas relativas entre os traballadores dos países avanzados e os traballadores do mundo subdesenvolvido. Mais, segundo este argumento, non é posíbel que empeoren as condicións dos traballadores nas dúas partes do mundo.

O EMPEORAMENTO DAS CONDICIÓNS

 Isto é, porén, o que sucedeu. A globalización, por suposto, empeorou as condicións dos traballadores nos países metropolitanos, un feito recentemente posto de relevo polo economista Joseph Stiglitz. Case un 90 por cento de norteamericanos, o que significa a case totalidade da poboación traballadora naquel país, ten actualmente uns ingresos reais apenas superiores aos que tiñan hai trinta anos. Actualmente, o salario mínimo dos traballadores norteamericanos está en termos reais moi pouco por riba de onde estaba hai 60 anos. Dado que houbo certas melloras nestas magnitudes durante a primeira parte dos anos transcorridos, o que isto significa é que se produciu unha deterioración no período máis recente, que coincide co apoxeo da globalización. Un dato estatístico aínda máis revelador é o relacionado co forte descenso na esperanza de vida entre os varóns norteamericanos nos últimos tempos, un descenso que recorda a forte caída na esperanza de vida que se produciu en Rusia despois do colapso da Unión Soviética. Un descenso na esperanza de vida cando non hai ningunha epidemia obvia á vista é un asunto moi grave, e que este descenso se dea no país capitalista máis avanzado do mundo é unha proba fidedigna do ataque aos medios de vida da clase traballadora que trouxo consigo a globalización.

 Unha historia moi similar é a que pode contarse doutros países capitalistas avanzados. Estados Unidos é considerado normalmente como unha das economías máis exitosas, o lugar onde se produciron os booms dos anos noventa do século XX e da primeira década do século actual, que orixinaron respectivamente as burbullas das empresas punto.com e a do mercado inmobiliario, e tamén a economía que está experimentando aparentemente unha recuperación despois do colapso da burbulla inmobiliaria. Dito isto, o feito de que a poboación traballadora deste país estea pasando tantas dificultades é moi significativo. Nos últimos anos, no Reino Unido produciuse unha forte caída dos índices salariais reais dos traballadores Non ten nada de estraño, pois, que o descontento coa globalización estea cada vez máis estendido entre os traballadores das economías metropolitanas, e dado que a esquerda non tivo até o de agora un coñecemento acaído diso, o descontento está sendo explotado pola dereita. Fenómenos como o voto no Brexit e a urxencia de Donald Trump explícanse desde este punto de vista.

 O que resulta inexplicábel no marco do debate que estamos tendo até aquí, con todo, é o feito de que a situación dos traballadores empeorou mesmo nunha gran franxa dos países do terceiro mundo cos salarios baixos, entre os cales a India é un bo exemplo. As probas máis concluíntes neste sentido proporciónanas os datos sobre o consumo de alimentos básicos. Partindo dos estudos realizados polo NSS nos períodos 1993-1994 e 2009-2010 , que corresponden en liñas xerais ao período de políticas neoliberais asociadas coa globalización, as porcentaxes da poboación rural total cunha inxesta calórica de menos de 2.200 calorías por persoa e día (o “parámetro” que define a pobreza rural) destes dous períodos anuais foi dun 58,6 e un 76 por cento respectivamente. As porcentaxes de poboación urbana por baixo das 2.100 calorías por persoa e día (o “parámetro” para definir a pobreza urbana) nestas dúas datas foron dun 57 e un 73 por cento respectivamente.

 Tan abraiante foi este incremento, especialmente durante un período no que se supoñía que a India estaba experimentando un crecemento sen precedentes do seu PIB, que o goberno encargou un novo estudo ao NSS para o período 2011-2012, durante o cal houbera unha colleita extraordinaria, coa idea de que as cifras da inxesta calórica no período 2009-2010, un ano cunha colleita pobre, foran excepcionalmente baixas debido precisamente a esta escaseza na colleita. Unha vez completado o estudo, as cifras que daba, aínda que sen dúbida eran mellores que as do período 2009-2010, aínda mostraban un notábel incremento nas porcentaxes de poboación que estaban por baixo desta liña de inxesta calórica durante o período da globalización: no caso da poboación rural, a porcentaxe era do 68 por cento (comparado co 58,5 por cento de 1993-1994) e no da poboación urbana era dun 65 por cento (comparado co 57 por cento de 1993-1994). Tanto a inxesta de calorías como a de proteínas per capita na poboación sufrira un descenso durante o período estudado.

 Este incremento do déficit alimentario tentouse explicar de diferentes formas, incluída a suxestión de que talvez era un indicio de que a xente estaba aprendendo a diversificar o seu consumo, reducindo o de comida en beneficio doutras cousas como a educación e a saúde. Mais esta explicación era de xeito evidente falaz: en calquera parte do mundo, a medida que os ingresos reais aumentan, a xente consome unha maior cantidade de cereais tanto directa como indirectamente (en forma de alimentos procesados e de produtos animais en cuxa elaboración entran os cereais como forraxe). Así pois, o descubrimento de que na India produciuse un descenso real no consumo de cereais en todos os seus usos, e en consecuencia un descenso na inxesta de calorías e proteínas durante o período da globalización, indicaba claramente que os ingresos per capita reais dos traballadores, logo de calcular a incidencia da inflación, especialmente a subida de prezos que acompaña a privatización de servizos esenciais como a educación e a saúde, estaban máis ou menos diminuíndo no canto de aumentar. Dito doutro xeito, un fenómeno similar ao que se producía nos países capitalistas avanzados estaba tendo tamén lugar na India e noutros países do terceiro mundo, o que contradí o argumento presentado máis arriba, até o punto de que son moi poucos xa os que cren que este sexa un argumento correcto. Como podemos explicar esta contradición?

A PRESIÓN SOBRE A PEQUENA PRODUCIÓN

 O argumento presentado máis arriba supoñía basicamente que a esencia da globalización consiste na transferencia de actividades económicas desde os países avanzados ás economías do terceiro mundo, e que esta transferencia reduciría drasticamente as reservas de man de obra do terceiro mundo e provocaría unha suba de salarios. O que non se dicía é que a globalización tamén ten outros efectos, incluído sobre todo unha restrición da pequena produción por parte do sector capitalista. O resultado é que varios pequenos produtores deixan as súas ocupacións tradicionais para emigrar ás cidades en busca de emprego, o que incrementa o exército total de man de obra a disposición do capitalismo. Esta migración, xunto co incremento natural da poboación activa, non pode ser totalmente absorbida polo exército laboral activo debido a que as políticas neoliberais asociadas á globalización tamén levan á eliminación de todas as restricións relativas ao ritmo do cambio estrutural e tecnolóxico, o que aumenta o ritmo de crecemento da produtividade do traballo a expensas do crecemento do emprego.

 Prodúcese deste xeito un círculo vicioso. Na medida en que aumenta a reserva de man de obra respecto da poboación activa, isto leva a un estancamento ou mesmo a unha diminución na media de salarios reais (e certamente a unha diminución dos ingresos reais dos traballadores, que é igual ao índice salarial diario multiplicado polo número de días de emprego). O estancamento ou a diminución do salario real nunha situación de maior produtividade laboral teñen como consecuencia un incremento na taxa de excedentes na produción. Dado que o superávit, mesmo se supoñemos que se realiza completamente (é dicir, que non hai problemas de insuficiencia de demanda agregada), se gasta normalmente en artigos de consumo que xeran menos emprego a nivel nacional que en artigos que se compran cos ingresos salariais, esta transferencia dos salarios aos excedentes ten tamén o efecto de producir unha contracción no emprego e en consecuencia contribúe aínda máis ao incremento do tamaño relativo nas reservas de man de obra, a unha nova transferencia de salarios a excedentes, e así sucesivamente.

 Este círculo vicioso, que se intensifica aínda máis cando se produce unha crise (debido a que as reservas de man de obra respecto de a poboación activa crecen aínda máis), implica que o efecto da globalización de agudizar a pobreza absoluta afecta tamén aos traballadores dos países do terceiro mundo e non se limita só aos traballadores metropolitanos, como pretenden os economistas liberais como Samuelson.

 Afirmar isto non equivale a suxerir que todos os segmentos da poboación activa se ven igual de adversamente afectados pola globalización. Obviamente, o segmento que goza de maiores oportunidades de emprego debido á transferencia de actividades experimenta un incremento no seu nivel de vida, e na India este segmento consiste habitualmente en traballadores cualificados do sector servizos, como os relacionados coas tecnoloxías da información. Este incremento no nivel de vida dun sector ten á súa vez efectos multiplicadores no nivel de emprego doutros sectores, e así sucesivamente. Así, un segmento normalmente clasificado como de clase media e cuxo tamaño absoluto é bastante grande (malia ser pequeno respecto ao conxunto da poboación activa), vólvese partidario incondicional da globalización. Dado que este segmento adoita estar ben articulado e ten un peso desproporcionadamente grande nos medios de comunicación e de creación de opinión pública, resulta un instrumento útil en mans da oligarquía empresarial e financeira integrada no proceso da globalización para propagar os seus efectos beneficiosos.

 A mellora nas condicións dun segmento da clase media da poboación activa, e o seu conseguinte apoio á globalización, utilízase para crear a falsa impresión de que a globalización foi positiva para o pobo indio no seu conxunto. Un uso similar é o que fan segmentos da clase media noutros lugares do mundo que se beneficiaron entre outras cousas da enorme “financeirización” que acompañou á globalización. Todo isto xerou un ruído que nos impide recoñecer que a globalización tivo realmente como consecuencia un empeoramento xeral das condicións dos traballadores, tanto nos países avanzados como nos países en vías de desenvolvemento.

 

[Artigo tirado do sitio web El Viejo Topo, do 11 de xaneiro de 2017]

 

Volver