A graves situacións respostas contundentes

Manuel Mera - 19 Out 2020

Sendo certo que hai actividades que se están recuperando, e que a caída do PIB durante o confinamento foi menor na Galiza que a media estatal, tamén é verdade que algunhas empresas estratéxicas do sector industrial, a nivel nacional ou comarcal, que pecharon ou poden facelo nos vindeiros meses. E a pandemia agravou a situación destas empresas

 Os últimos datos sobre a evolución do emprego, do mes de setembro, semellaban positivos para o noso país, xa que había 377 persoas afiliadas máis, porén en computo anual a Seguridade Social perdía 17.749 cotizantes, quedando en 1.011.799, deixando en evidencia que a tendencia a medio prazo non é a mellor. Ademais non se pode obviar que aínda seguen nos ERTE 22.700 traballadores/as, e sendo verdade que a prórroga desta prestacións conxuntural axuda a gañar tempo para que mellore o contexto económico, e para que manteñan o emprego, non se pode ignorar que en moitos casos non será así, especialmente nos sectores afectados estratexicamente pola pandemia.

 Sendo certo que hai actividades que se están recuperando, e que a caída do PIB durante o confinamento foi menor na Galiza que a media estatal, tamén é verdade que algunhas empresas estratéxicas do sector industrial, a nivel nacional ou comarcal, que pecharon ou poden facelo nos vindeiros meses. E a pandemia agravou a situación destas empresas. Temos o caso de Meirama, Endesa e Naturgy no sector enerxético, de Alcoa e Alu Ibérica no do aluminio, de Theneisie no conserveiro, de Maderas Iglesias, etc. Empresas que pecharon ou que botaron a todos ou unha gran parte dos/as empregados, ou queren facelo proximamente, afectando ao cadro de persoal propio e auxiliares. Así mesmo, todo indica que a crise sanitaria se está aproveitando para realizar un duro axuste empresarial, e cara ao futuro especialmente naqueles sectores directamente atinxidos pola pandemia (como son o turismo, transporte, hostaleira, espectáculos e actividades de masas…).

 Para evitar esta desfeita, que afecta á economía e o emprego, non abonda cos ERTE ou o IMV, que son unha solución transitoria. Tampouco con axudas millonarias ao sector empresarial, porque isto non evita que busquen optimizar beneficios inmediatos reducindo persoal, trasladando totalmente a produción ou concentrándoa en boa medida en plantas no exterior. Polo tanto fai falla en moitos casos unha intervención directa dos poderes públicos para manter a actividade e salvar o emprego. Esta é a situación dalgunhas das empresas ás que faciamos mención anteriormente, como Alcoa, onde a escusa é o prezo da electricidade, da que é un gran consumidor na transformación da alumina en aluminio, mais ao se negar a vender esta planta, preferindo pechala, os propietarios deixan en evidencia que pesan outros intereses (de tipo económico e xeoestratéxico?).

 O peche da produción de aluminio significa a perda duns 800 empregos directos na Mariña, entre persoal de Alcoa e auxiliares, é un golpe económico na comarca e no conxunto da economía galega. Porén ademais implica a desaparición da única planta de primeira transformación do aluminio no Estado español, que se tería que importar do exterior. Ou sexa, facer todo o contrario do que aconsella a recente experiencia da pandemia, respecto de acurtar e diversificar os circuítos entre produción e consumo. Unha conclusión estratéxica para o ámbito empresarial que tamén é valida diante doutros fenómenos como a desfeita climática, ou medre dos conflitos armados, as sancións económicas, etc. Hai polo tanto argumentos abondo para que o Goberno español e a Xunta de Galiza interveñan nacionalizando Alcoa, tal como solicitan as centrais sindicais. Esta sería a mellor opción, que se converte en urxente e necesaria se a dirección da empresa mantén o seu bloqueo para vendela a outra empresa privada.

 Para alén das cifras de paro e ocupación de cada mes o importante é a tendencia a medio prazo, así como os salarios medianos e o grao de precariedade, que no caso galego son datos regresivos na última década, daquela a caída demográfica. Perdemos diversidade produtiva, e as empresas máis dinámicas están en mans foráneas. Esta crise sanitaria estase a aproveitar para un novo reaxuste en contra dos intereses do pobo galego, tal como se amosa na situación das empresas comentadas, e de moitas outras. A Xunta de Galiza non pode ollar para outro lado, ou quedar en declaracións de boa vontade. Fan falla feitos, respostas e esixencias contundentes, que revertan a regresión do noso PIB, tecido empresarial, emprego, condicións de traballo e demografía.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 17 de outubro de 2020]