A Guerra Fría 2.0

Aram Aharonian - 01 Feb 2023

O que é evidente é que a OTAN e os seus aliados non teñen interese ningún na paz, senón en promover a guerra e escalar a súa letalidade, sen consideración ningunha polas vidas humanas nin polas repercusións globais do conflito no leste europeo

 A Segunda Guerra Fría ou Guerra Fría 2.0​ non son títulos dunha película de ficción (aínda) senón termos utilizados por analistas sen maior imaxinación que insisten en que a historia se repite, como paralelismo á Guerra Fría entre 1945 e 1991, o que se interpreta como un conflito político, ideolóxico, informativo, social e militar no século XXI, que poría fin ao lapso entre 1991 e estes días.

 A Guerra Fría foi un enfrontamento político, económico, social, ideolóxico, militar e tamén informativo, que comezou ao final da Segunda Guerra Mundial entre os bloques occidental (capitalista) e oriental (socialista), liderados por Estados Unidos e a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (a extinta URSS) respectivamente.

 Hoxe falan dunha volta á xeopolítica posterior a 1945, mais fronte a aquel conflito frío e imaxinario, as guerras actuais son máis difíciles de conter e teñen implicacións para toda a humanidade. É unha coincidencia que Mikhaíl Gorbachov, o mandatario ruso que perdeu a Unión Soviética e a primeira guerra fría, morra en momentos en que se comezou a “campaña” por unha segunda guerra fría.

 Segundo algúns, está a darse tanto na política internacional como na económica cunha loita feroz sobre o dólar, co obxectivo de impedir que China alcance un nivel predominante no mundo. Como consecuencia diso, Estados Unidos está a desenvolver esta nova guerra fría coa finalidade de gañar forzas e de afianzar ao seu redor os máximos aliados posíbeis.

 Outros, como Umberto Mazzei, sinalan que na segunda guerra fría a única política intelixente para a economía de Europa é integrarse con Rusia e abandonar a súa vasalaxe dos Estados Unidos, é cuestión de afrontar unha realidade xeográfica. É inevitábel que as economías máis grandes de Europa se independicen dos ditados de Bruxelas, onde a Comisión Europea só repite os ditados de Washington.

 Mais teiman en volver ao pasado, quizais tentando maquillar o presente e sobre todo o futuro. O contexto da pandemia da Covid-19 creou as condicións axeitadas para dispor dun marco institucional e normativo capaz de modificar as mentalidades, costumes e valores das nosas sociedades.

 Un novo marco que impulsou novos desexos, hábitos e valores, mais, sobre todo, impuxo o modo de produción da economía dixital, de plataformas, infraestruturas dixitais que permiten que dous ou máis grupos interactúen. Un novo modelo de negocios que deveu nun novo e poderoso tipo de compañía, que se enfoca na extracción e uso dun tipo particular de materia prima: os datos. E iso transcende os bloques debuxados.

Un pouco de historia

 Chamouse Guerra Fría ao período entre o final da Segunda Guerra Mundial en 1945 e a caída da Unión Soviética en 1991 que dividiu o mundo no bloque occidental capitalista, liderado polos Estados Unidos, e o oriental comunista, encabezado pola Unión Soviética. Tivo o seu momento de tensión durante a Crise dos Mísiles (Cuba, 1962), que deu lugar á instalación do “teléfono vermello” entre Washington e Moscova.

  Entrambas as superpotencias existía unha tensión permanente, que ía a máis pola carreira armamentista e o desenvolvemento de armas nucleares. Como temían destruírse, nunca chegaron a unha guerra directa, mais os seus enfrontamentos provocaron conflitos locais.

 A chegada de John Kennedy á Casa Branca inaugura o período máis dinámico da diplomacia estadounidense, sementado de fracasos, o máis humillante dos cales é, sen dúbida, o fracaso do desembarco na cubana Bahía de Cochinos (Playa Girón) e tamén éxitos como o é o resultado da crise dos mísiles en Cuba.

 Visto globalmente, este período conduce á aparente supremacía mundial de 1963, á que segue a caída espectacular e o esgazamento da sociedade estadounidense por mor da guerra de Vietnam.

 Indo un pouco máis atrás, hai máis de tres cuartos de século desde que o primeiro ministro británico Winston Churchill, co seu discurso en Missouri, e o embaixador estadounidense en Moscova, George Kennan, coa «longo telegrama» de Moscova, lanzaron oficialmente a primeira Guerra Fría en 1946.

 As súas causas eran a caída o Pano de Aceiro –ou Cortina de Ferro-, fronteira política, ideolóxica, e en tamén física, entre a Europa Occidental e Europa Oriental, tras a Segunda Guerra Mundial, que caera desde Stettin, no Báltico até Trieste, no Adriático.

 Detrás da caída languidecían tantas capitais e o expansionismo ideolóxico e soviético, ante o cal os estadounidenses reaccionaran cunha estratexia de contención económica (o Plan Marshall como vector do modelo de produción capitalista), militar (a OTAN) e cultural (a propia noción de Occidente, na que se sintetizan os trazos diferenciais de dúas civilizacións: democracia e tiranía).

 Hoxe, o maior conflito é entre a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e Rusia, que agora os medios hexemónicos presentan como unha continuación da Guerra Fría. Para algúns máis novos, é un “remake” do conflito (dos anos 1960) entre «o mundo libre e democrático occidental», representado pola OTAN e «o (hoxe fantasmagórico) mundo comunista». Para iso é necesario asumir que o goberno de Vladmir Putin é unha continuación do réxime soviético comunista anterior.

 Esta interpretación do réxime ruso como comunista queda reforzada pola alianza existente entre Rusia e China, país gobernado polo maior Partido Comunista existente hoxe no mundo. O que os Estados Unidos, a Unión Europea e a OTAN tentan con iso é ver esta proximidade como unha alianza de sistemas económicos supostamente opostos ao modelo económico dominante no mundo liberal. Todo en nome da sacrosanta democracia do “mundo libre”, que tantos millóns de vítimas agocha.

 O papel dos medios para impor imaxinarios colectivos foi inmenso, no que os comunicólogos chaman guerra de cuarta e quinta xeración. Por exemplo, Elon Musk, o novo propietario do sistema Twitter, autopromocionado como gran defensor da liberdade de prensa e da democracia, definiu o comunismo como «a maior maldición sobre a humanidade que hai que exterminar».

 Este conflito entre dous sistemas ideolóxicos supostamente opostos, os bos contra os malos como en Corea, Vietnam, Iraq, Afganistán, é o que está a ter un impacto devastador para a maioría da poboación mundial, pois as medidas económicas que se están tomando por ambos os contendentes están a crear unha enorme crise económica e social que afecta a saúde, a calidade de vida e o benestar das clases populares non de Ucraína nin de Europa, senón de todos os países do mundo.

 Finalmente, Washington e Berlín fixeron oficial [estes días] o envío a Ucraína dos seus tanques máis poderosos, os Abrams e Leopard II, o que leva o conflito a un novo nivel de confrontación, ao mesmo tempo que Rusia minimizou a súa importancia sobre o terreo. Esta nova escalada armamentista, coa transferencia de blindados, cobra un cariz máis inquietante porque se pasa de axudar na defensa de Ucraína a dotala de capacidades innegabelmente ofensivas.

 O que é evidente é que a OTAN e os seus aliados non teñen interese ningún na paz, senón en promover a guerra e escalar a súa letalidade, sen consideración ningunha polas vidas humanas nin polas repercusións globais do conflito no leste europeo.

 Ademais dos intereses xeopolíticos e o afán de lucro dos fabricantes de armas, hai que observar o papel dos medios de comunicación hexemónicos. Se o chanceler alemán, Olaf Scholz, propenso a adoptar posturas equilibradas, cedeu a enviar tanques pesados á fronte de batalla foi en boa medida pola presión mediática, usada polas oligarquías no mundo para someter gobernos.

 Xa Julian Assange asegurou en 2011 que case todas as guerras do medio século anterior se iniciaron por mor das mentiras dos medios, como a invasión a Iraq en 2003, xustificada por canles de televisión, emisoras radiofónicas e prensa escrita co bulo das inexistentes armas de destrución masiva. Hoxe é perseguido por revelar verdades.

 Esta manipulación mediática ten fins mercantilistas, pero tamén se debe ao puro amarelismo, así como a designios ideolóxicos de gobernos e corporacións privadas, e hoxe, no caso de Ucraína, chega a extremos deplorábeis ao encirrar a violencia, esaxerar, forzar lecturas sistematicamente parciais da realidade, sempre omitindo a información histórica e contextual que podería explicar as razóns e os antecedentes que levaron á situación actual.

Os outros conflitos de Ucraína

 Os ucraínos –por outra banda- suman outros conflitos que non só afectan o desenvolvemento bélico, senón que pasan inadvertidos ante a escasa visibilidade ques lle dan os medios hexemónicos, como o latente conflito cultural e de identidade nacional entre o sector da poboación de fala ucraína, que controla o Estado desde hai oito anos cando comezou a perda de poder do sector de fala rusa, acentuado pola guerra que facilitou esa transferencia.

 Outro conflito, silenciado nos medios de información occidentais, é o de clases sociais que aparece na aplicación das políticas públicas do goberno ucraíno (neoliberal, manipulado polo mundo empresarial) como a desregulación do mercado laboral, a redución dos dereitos laborais e privatización da Seguridade Social, que levou a minimización dos dereitos sociais.

 As medidas impopulares non foron causadas pola guerra, senón que foron propostas polo goberno antes do inicio da conflagración, pero aprobadas durante a guerra e xustificadas polo goberno de Volodymyr Zelenskyy como imprescindíbeis para atraer os investidores estranxeiros co fin de conseguir a recuperación económica.

 Unha causa destes silencios mediáticos é que tal guerra está configurada e determinada por un conflito maior e máis amplo que determina que é o máis ou menos visible do que ocorre en Ucraína e no mundo, sinala Vincenc Navarro.

 Outra medida tan neoliberal como impopular foi permitir a propiedade estranxeira da terra ucraína supostamente para atraer empresas agrícolas non ucraínas a investir e, ao cabo, controlar sectores agrícolas do país. A proposta foi do Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial como condición para permitir a renegociación do pagamento da débeda externa do país.

 A guerra facilitou que se aprobasen tales medidas impopulares que benefician a uns sectores empresariais aliados ao goberno de Zelenskyy á conta dos sectores populares, carne de canón no conflito bélico.

 A crise económica causada tanto pola guerra a Ucraína como pola neo II Guerra Fría están a contribuír á deslexitimación do sistema político económico, que xa estaba a ocorrer antes de que se estabelecese a Guerra Quente en Ucraína e a Guerra Fría a nivel mundial. Ambos os conflitos reforzaron o poder dos grupos dirixentes aos dous lados. A desastrosa retirada de Afganistán por parte do presidente Joe Biden esqueceuse e mesmo se acepta o seu liderado por parte dos gobernos da OTAN.

 Mentres, as centroesquerdas e socialdemocracias gobernantes en Europa seguen a perder credibilidade tras aplicaren medidas neoliberais que danaron as clases populares. Hoxe son satélites das políticas lideradas pola administración Biden, nun contexto en que o crecente enfado fronte ao establishment liberal é canalizado pola extrema dereita neofascista e neonazi aos dous lados do Atlántico Norte.

 Nos Estados Unidos o trumpismo continuou expandíndose e adquirindo máis e máis poder, contando co apoio de grupos mediáticos poderosos a nivel occidental, como twitter e a canle Fox. Mentres, intelectuais, dirixentes e xornalistas republicanos expresaron as súas simpatías por Putin e viceversa, e a televisión pública rusa expresou o seu apoio ao trumpismo.

 E a nivel internacional, un dos ideólogos republicanos e da ultradereita, Steve Bannon, explicitamente apoiou o intento de golpe militar de Jair Bolsonaro, mentres, Putin mostrou as súas simpatías cara ao trumpismo, sendo este apoio explícito por parte a televisión pública rusa..

 Toda evidencia mostra que a calidade de vida e benestar das poboacións e a simple supervivencia da humanidade exixen mudanzas radicais, establecéndose modelos económicos alternativos que eviten a enorme concentración da propiedade dos recursos por individuos e grupos que caracterizan o modelo económico liberal que está a configurar a vida económica e determinando as institucións políticas do mundo.

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 28 de xaneiro de 2023]