A guerra multidimensional do capitalismo imperial

Homar Garcés -

Veuse desenvolvendo á vista de todo o mundo unha guerra multidimensional -con dispositivos de manipulación e de agresión de toda clase que lesionan gravemente a vixencia do dereito á autodeterminación dos pobos- por parte do capitalismo imperial

 O sistema capitalista mundial podería enfrontar a posibilidade inminente dunha desaceleración económica, o que produciría consecuencias graves para as nacións periféricas, ademais das principais nacións desenvolvidas capitalistas (entre elas, Francia e Alemaña) que padecen no presente os custos sociais das recomendacións neoliberais do FMI e do Banco Mundial para superar as súas crises internas; afectando tamén a estabilidade democrática e a garantía de respecto ás soberanías e os dereitos humanos.

 É evidente que a economía global -centrada no dólar- se duplicou durante os últimos 30 anos; porén, isto non significa que a riqueza se distribúa dun modo equitativo entre traballadores e donos de capital, o que se traduce en maiores niveis de desigualdade económica e social, reflectíndose na situación desigual dun 1% que acumula diariamente máis riquezas que o resto do 99% da poboación mundial; o cal supón a redefinición da correlación de forzas, separadamente dunha situación sinalada de loitas e retos a asumir polos sectores populares empobrecidos, tendo en conta que a maioría dos gobernos favorecen políticas que dan prioridade ás regras do mercado, incluíndo aqueles que poderían sinalarse de progresistas.

 Isto obriga ao deseño e debate de novas propostas políticas e económicas que teñan, desde unha óptica particular, pero sen obviar o que acontece fronteiras fóra, como eixe central deslexitimar, enfrontar e derrotar a quen pretende controlar ao sistema económico mundial, pasando por alto o respecto aos dereitos humanos e a soberanía dos países vítimas da súa apetencia de grandes ganancias. Por iso é polo que non son casuais situacións como a diminución dos prezos de produtos primarios, como o petróleo no caso venezolano, a aplicación estrita de plans de axustes de gasto público e as solicitudes de empréstitos dalgúns gobernos ás institucións de crédito subrogadas do Departamento do Tesouro de Estados Unidos; todo isto orientado a manter a hexemonía das grandes corporacións transnacionais e a frear o avance das economías emerxentes, ademais do potencial de preeminencia que China e Rusia representan nun futuro inmediato.

 Todos coñecemos que a expansión incesante do mercado capitalista require de territorios, de recursos naturais e de man de obra barata que lle aseguren a obtención segura de ganancias, o que situou a humanidade (xunto con toda outra forma de vida) moi preto dun colapso total. Con todo, pouco se fixo para conter esta apetencia desbocada dos grupos capitalistas corporativos e para eliminar, por parte das economías periféricas, a dependencia primario-exportadora tradicional a que parecen estar condenadas indefinidamente, no que moitos cualifican de subdesenvolvemento; o que representa un serio problema para todo réxime que aspire saltar tal realidade.

 En consecuencia, veuse desenvolvendo á vista de todo o mundo unha guerra multidimensional -con dispositivos de manipulación e de agresión de toda clase que lesionan gravemente a vixencia do dereito á autodeterminación dos pobos- por parte do capitalismo imperial. Para xustificala, calquera argumento é válido: combate ao narcotráfico e ao terrorismo, axuda humanitaria ou, simplemente, a ameaza inusual e extraordinaria dun goberno catalogado de ditatorial e violador dos dereitos humanos fundamentais. Todo en función de defender, asegurar e reproducir a hexemonía do capitalismo. Por iso, todo goberno de esquerda, centroesquerda e/ou progresista que queira abandonar esa vía, estará sendo condenado a sufrir as consecuencias. A fin de lograr os seus propósitos, este capitalismo imperial dispoñerá, sen rubor ningún, dos organismos multilaterais existentes, chámense FMI, Banco Mundial, ONU ou, o seu brazo armado, a OTAN; o que importa é o sometemento incondicional dos gobernos e pobos aos seus intereses económicos e xeopolíticos, mesmo se isto causa un xenocidio irreversíbel a escala planetaria.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 23 de febreiro de 2016]

Volver