A incompetencia da Xunta deixa a Culleredo sen mapa escolar

A falta de planificación está a provocar cambios na escolarización do alumnado
A Coruña - 15 Xun 2018

A última reunión da Comisión de Escolarización de Culleredo vén de constatar algo que a CIG-Ensino leva anos demandando: a necesidade urxente de elaborar un mapa escolar que permita planificar a longo prazo a cobertura das prazas escolares e que dea seguridade ao alumnado, ás nais e pais e ao profesorado.

A inexistencia dun mapa escolar provocou que a Consellaría fora construíndo centros para dar resposta á demanda puntual de prazas (de aí que se levantara o CEIP Ría do Burgo), mais sen analizar as necesidades a longo prazo. A saturación do IES Blanco Amor, onde o alumnado chegou a estar distribuído en 'barracóns', propiciou a construción do IES Rego de Trabe.

Como nos casos anteriores, fíxose sen o estudo e planificación adecuados, polo que agora repítese o problema: faltan prazas para garantir a escolarización nese centro. "Que solución vai dar a administración? Reformar un centro que se ergueu hai catro anos? Seguir incrementando as unidades no Blanco Amor?", inquire a central sindical.

A CIG denunciou esta problemática en múltiples ocasións

A CIG-Ensino ten denunciado esta deficiencia no Consello Escolar Municipal, na Xunta de Persoal e na propia Consellaría, sen que se teñan adoptado medidas para o estudo e elaboración do mapa escolar de Culleredo. As consecuencias desta falta de previsión e actuacións por parte da Consellaría déixanse notar no próximo curso, pero irán en aumento nos vindeiros anos. Por iso, a CIG reclama da Xunta que, de inmediato, proceda ao deseño do mapa escolar de Culleredo, para evitar a saturación dos centros e que o alumnado teña garantías de que vai poder matricularse no instituto que non lle corresponde.