A independencia de Irlanda, un proceso do que tirar ensinanzas

Manuel Mera -

O Levantamento de Pascua fortaleceu a liña republicana e soberanista, deu folgos á guerra de liberación contra os británicos entre 1919 e 1921 (que custou 1.500 vidas) e abriu as portas ao Estado Libre de Irlanda e á independencia

Como Irlanda non é un país independente, a elección dunha maioría de socialistas republicanos, (...) significaría que por vez primeira na historia de Irlanda, unha clara maioría do electorado (...) tería rexistrado nas urnas o desexo de se separar do Imperio Británico (Connolly, agosto de 1897)

 O pasado 6 de decembro cumpriuse un século da declaración do Estado Libre de Irlanda. Non foi unha cesión do Reino Unido, senón a consecuencia do levantamento armado de 1919 a 1921, e sobre todo do impulso na loita a prol da liberación que significou o Levantamento de Pascua cinco anos antes. A constitución do Estado Libre, dentro da Commonwealth, en igualdade de condicións que Canadá, Australia, Nova Zelandia... O 1º de abril de 1949 Irlanda declarouse República o que de facto a desligaba do Reino Unido, e confirmaba a súa plena independencia.

 Mais o longo proceso que percorreu o pobo de Irlanda para acadar a súa independencia, deu un salto cualitativo no ano 1916, un chisco antes da creación na Coruña das Irmandades da Fala, cando se produciu o Levantamento de Pascua que deu un pulo definitivo a oito séculos da loita pola independencia neste país. A dura e longa colonización inglesa, a defensa da identidade, a fame que se cebou na poboación rural e como consecuencia a enxurrada emigratoria, fixeron que os ollos dos galeguistas mirasen para Irlanda, para a Terra de Breogán, e que viran nos patriotas do Eire un exemplo. O celtismo en Galiza tivo moito máis de andaina que de busca racial, máis de exemplo para atopar o pasado e iniciar o camiño da liberación que de afirmar calquera superioridade.

 Lois Tobío(1) di sobre dous dos precursores do nacionalismo galego, Eduardo Pondal (1835-1917) e Alfredo Brañas (1859-1900), que Irlanda era o que máis preto tiñan do corazón(2). “Érguete labrego, érguete e anda, como en Irlanda, como en Irlanda. Alí de O’Connell(3), vibrou o acento, e o fero Parnell(4), prestoulle alento. Alí os labregos, cultivadores, eran escravos, dos seus señores, e agora libres, rexenerados, van en camiño de ser salvados“ (“Como en Irlanda”, de Alfredo Brañas).

 No seu libro Da terra asoballada (1917) Ramón Cabanillas(5) adica un poema a Irlanda e outro a Luís Porteiro Garea(6), poida que influído polos aires épicos e patrióticos do Levantamento de Pascua en Dublín. “Validos treidores, a noite da Frouseira, a patria escravizaron, uns reises de Castela. Comestas polo tempo, xa afrouxan as cadeas... ¡irmáns asoballados, de xentes estranxeiras, ergámola bandeira azul e branca! ¡é ó pé da enseña da nazón galega, cantémolo dereito, a libertar a Terra!” (do poema “¡En pé!”).

Os antecedentes

 Dende a fundación por varios dirixentes do movemento Fenian da Irmandade Republicana Irlandesa (IRB) no ano 1858, como unha organización clandestina armada, co propósito de preparar unha insurrección republicana que puxese fin ao dominio británico en Irlanda; os levantamentos foron unha constante. Todos eles remataron en derrota militar. Así pasou por exemplo coa insurrección de 1867, aínda que grazas á estrutura clandestina da IRB (con catro niveis de seguridade) se mantiveron vivas moitas agrupacións, e co tempo fóronse infiltrando en organizacións de masas nacionalistas (como os Voluntarios de Irlanda).

 Outro dos antecedentes hai que procuralo no sindicalismo, concretamente na Irish Transport and General Workers Union (ITGWU), fundada en 1909. A partir de 1911 James Larkin e James Connolly(7)  pasaron a dirixir a delegación de Dublín. Irlandeses nados na diáspora, concretamente en Liverpool o primeiro e Edimburgo o segundo, enfrontándose á Federación de Empresarios.

 A patronal exixiu aos empregados que asinasen un escrito polo que desbotaban a afiliación sindical. Os que se negaron foron despedidos, o que agudizou o conflito. Houbo un peche patronal, que comezou en agosto de 1913 e que durou seis meses. Os empresarios contaban co respaldo da igrexa e do Partido Irlandés. Só os nacionalistas máis radicais, como Pearse dos Voluntarios Irlandeses e a condesa Markievicz (militante do Sinn Féin), apoiaron os 25.000 traballadores en folga. Learkin iríase aos Estados Unidos a procurar medios económicos para manter o paro e dar pulo ao Partido Laborista, e tardaría nove anos en voltar(8). Durante a folga Connolly creou un grupo armado, o “Exército Cidadán Irlandés” (ICA) para oporse á represión policial, contando coa axuda dalgúns militantes entregados, como o dramaturgo Sean O’Casey. En febreiro de 1914 o ITGWU derrubouse, e os operarios volveron ao traballo aceptando as condicións dos empresarios.

 Así mesmo, a paralización do avance cara a un Estatuto en Irlanda, por mor da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), así como a oposición dos sectores máis radicais do nacionalismo á incorporación de voluntarios irlandeses ao exército británico, xeran un clima propicio aos ollos dos militantes do IRB para un novo levantamento. Coinciden con esta postura sectores obreiros e os organizados no ICA, moi sensíbeis tanto aos temas nacionais como aos graves problemas sociais que afogan ao país (15% de desemprego e salario medio inferior á liña de pobreza), dos que a vaga emigratoria son unha consecuencia.

O Goberno Provisional

 O levantamento do 21 de abril de 1916 contou coa participación do ICA e de parte dos Voluntarios de Irlanda, xa que estaba infiltrado na súa cabeza polo IRB. No último momento os Voluntarios foron desmobilizados en boa medida polo seu xefe máximo, Mac Neill, que non coincidía politicamente cos insurrectos. Á acción armada sumáronse algunhas das figuras políticas máis importantes do nacionalismo no momento, ou que xogarían un papel destacado no futuro, como son: Pearse, Clarke, Connolly, De Valera e Collins.

 Aínda que houbo algún levantamento no interior do país(9), a insurrección só tivo importancia en Dublín, e non contou con apoio de masas. Agora ben, non se pode restar importancia ao feito de que foron máis de 700 os militantes nacionalistas mobilizados nos primeiros momentos, aos que se foron sumando algúns centos máis durante os días seguintes, até sumar uns 1.200, dos que uns 300 eran do ICA. Moi poucos para ocupar unha cidade como Dublín, que tiña daquela tres centos cincuenta mil habitantes, e unha gornición de 2.500 soldados británicos que rapidamente foron desbordados.

 Durante o luns de Pascua, diante dunha morea de persoas en Sackville Street, Pearse leu dúas veces a proclama da República de Irlanda “da loita pola liberdade”. Figuraban ao final as sinaturas dos sete membros da Comisión Militar do IRB, con Thomas J. Clarke na cabeceira da lista. Patrick Pearse foi nomeado presidente do Goberno Provisional.

 Axiña foron enviadas máis tropas dende Inglaterra (animadas á chegada pola poboación) con artillería pesada, en total uns 20.000 homes. O xoves 27 de abril os británicos tomaron as rúas arredor do edificio de Correos e comezaron a bombardealo. Alí foi onde os nacionalistas mantiveron unha defensa máis forte, xa que era o seu cuartel xeral. O venres polo serán o centro de Dublín ardía polos catro cantos. O sábado 29 de abril Pearse, designado Presidente provisional da República Irlandesa e do IRA (Exercito Republicano Irlandés), rendeuse.

 As tropas británicas tiveron 132 mortos, un terzo deles irlandeses, e 397 feridos. Pola súa banda os nacionalistas sufriron 60 mortos. Ademais houbo 300 mortos e 2.000 feridos entre os civís como consecuencia da batalla e os bombardeos. A cidade ficou estragada, especialmente o barrio de O’Conel Street.

A represión

 O xeneral Sir John Maxwell, comandante en xefe das fozas británicas enviadas, arrestou en só catro días a 2.500 persoas. O Goberno británico quería facer un escarmento, dar unha lección que non se esquecera. Despois de todo, había 150.000 irlandeses combatendo como voluntarios no exército británico na Primeira Guerra Mundial.

 Os Tribunais Militares xulgaron a 120 homes e unha muller, condenando a morte a noventa deles. O 3 de maio comezaron os fusilamentos. O primeiro foi o de Pearce(10), que impresionou os xuíces polo seu valor. O 12 de maio executaríanse os últimos fusilamentos, xa que a opinión pública irlandesa se estaba volvendo en contra do goberno por mor da dura represión e dende Londres coidaban nese momento máis atinado rematar cos axustizamentos(11). As derradeiras vítimas foron James Connelly, que foi fusilado sentado nunha cadeira xa que estaba ferido, e Sean McDermott, quen, como o anterior, tamén participara na planificación do levantamento.

 En total foron fusiladas 15 persoas, entre eles Mac Neill. Os catorce homes executados en Dublín foron enterrados en cal vivo no cuartel de Arbour Hill. Thomas Kent foi executado e enterrado en Cork.

 Do total das 3.500 persoas detidas, 1.867 foron internados en campos de prisioneiros en Gran Bretaña, e o resto foi liberado nos meses de maio e xuño; moitos deles nin sequera formaban parte do movemento republicano.

Pulo nacionalista

 A finais da primeira semana de maio comezouse a producir unha mudanza na opinión pública, que se foi inclinando a prol dos rebeldes, cando días antes foran ridiculizados mentres eran conducidos á cadea(12). Esta tendencia medrou aínda máis cando Lloyd George anunciou, pouco despois da insurrección, que o proxecto de Home Rule (autonomía) quedaba descartado e Irlanda sería dividida en dous estados, un dos cales, o Ulster ficaba en mans dos colonos.

 En decembro de 1916 Michael Collins(13) e outros seiscentos detidos serían os últimos en ser liberados. Foron recibidos como heroes por unha gran multitude en Dublín. Este mozo de Cork, que emigrara para traballar como empregado en Londres en 1906, sumándose axiña a GAA, á Liga Gaélica e ao IRB, participou como axuda de campo na insurrección, salientaría como duro e organizador, polo traballo político realizado no campo de internamento de Frongoch (Gales). En pouco tempo converteríase nunha figura destacada do Sinn Féin e do IRB.

 Tamén De Valera(14) tivo na insurrección un papel salientábel, como comandante de cen homes no posto avanzado da fábrica de pan Boland’s Bakery Mills(15). Condenado a morte conmutáronlle a pena pola de cadea perpetua; salvouse por ter nacido nos Estados Unidos. Despois do fusilamento de Connolly, era o líder rebelde con máis importancia. Coa vitoria do Sinn Féin foi elixido primeiro ministro do goberno na clandestinidade.

 Daquela o Sinn Féin, que era un pequeno partido, abandonaría a súa política a prol da monarquía e radicalizaríase, nunha viraxe confirmada na convención celebrada no mes de outubro de 1917, e acabaría por substituír en pouco tempo como forza hexemónica o Partido Irlandés. O Sinn Féin tería en De Valera e Collins os seus principais dirixentes. Erroneamente a poboación considerou que a insurrección fora organizada polo Sinn Féin, cando nin sequera participara como organización.

 Preocupados polo cambio na opinión pública irlandesa, e polo seu efecto nos Estados Unidos, o goberno británico tomou a decisión de poñer en vigor a Lei de Goberno de Irlanda de 1914. Nas eleccións de 1918 o Sinn Féin obtivo 73 dos 105 escanos irlandeses, recollendo deste xeito os resultados políticos sobre a consciencia colectiva do Levantamento de Pascua. Dos elixidos polo partido nacionalista 42 deputados estaban na cadea –entre eles De Valera-, exiliados ou na clandestinidade. Figuraban, así mesmo, como deputados Collins, Artur Griffith(16) e a primeira muller que tería que ter ocupado un escano na Cámara dos Comúns, a condesa Constance Markievicz(17), condenada a morte polos sucesos de 1916, indultada e posteriormente detida e liberada en xuño de 1917. Con todo, non ocuparían os cargos e deron en crear un Dáil Éireann (Parlamento de Irlanda) na clandestinidade, en xaneiro de 1919, do que Cathal Brugha sería o primeiro Presidente –considerado outro dos heroes do levantamento de 1916-.

 O triunfo do Sinn Féin foi dramático para o Goberno británico e impuxo o debate sobre a independencia de Irlanda, polo que en 1917 aceptou a idea do líder do Partido Irlandés, Redmond, para convocar unha convención, que fracasou. Despois de múltiples accións armadas na coñecida como a guerra de independencia, por parte do IRA –nado en 1918-, e unha resposta violenta do Goberno británico, impúxose a liña institucional nun sector do Dáil e o Sinn Féin. O resultado, o preacordo de outubro de 1921 polo que nacía o Estado Libre de Irlanda excluíndo os seis condados do norte.

Camiño da liberación

 Podemos concluír que o levantamento rematou (por mor da dura represión dos británicos) dando pulo á consciencia nacional e á necesidade de rematar coa dependencia. O que non conseguiran outros actos violentos e a forza institucional do nacionalismo moderado, conseguiuno a insurrección de Pascua. Sen dúbida, había motivos e razóns de base, como a situación social e económica, as mudanzas psicolóxicas e sociolóxicas que a Guerra Mundial crearon en centos de milleiros de soldados que participaron e nas familias que perderon fillos e irmáns, aínda que sobre todo incidiu o sentirse como pobo cruelmente tratados... Foi unha ofensa a que finalmente fixo rebordar o vaso (como no seu día pasou co afundimento do Prestige en Galiza).

 O Levantamento de Pascua fortaleceu a liña republicana e soberanista, deu folgos á guerra de liberación contra os británicos entre 1919 e 1921 (que custou 1.500 vidas) e abriu as portas ao Estado Libre de Irlanda(18) e á independencia. Deu paso, así mesmo, a novos protagonistas xurdidos das barricadas da insurrección, como foron Eamon De Valera e Michael Collins, Cathal Brugha e dirixentes militares como Sean Treacy(19) e Liam Lynch(20).

 A insurrección do Venres Santo é un feito que amosa o nivel de entrega militante e de sacrificio solidario, e igualmente reflicte con toda clareza a falta total de humanismo do imperialismo. Indica, ademais, que o atrevemento é fundamental para mudar fondamente a consciencia social e a correlación de forzas, e polo tanto a realidade política, social e económica. Tamén é certo que o que foi un éxito en 1916 foi un fracaso en 1867, malia que os que desbotan a mobilización social, en todas as súas formas, os que coidan que nunca é o intre oportuno rematan por ser prisioneiros das institucións, o sistema e as regras de xogo imperantes, ou sexa, nas mans do bloque hexemónico. Iso foi o que lle pasou ao Partido Irlandés.

___________________________________________________________________________________________

Bibliografía:

Historia de Irlanda; John O’Beirne Ranelagh; Cambridge University Press (1999)

Diccionario cultural e histórico de Irlanda; J.A. Hurtley e outros; Editorial Ariel (1996).

Nacionalismo e imperialismo; James Connolly; Edicións Laiovento (1993).

Irlanda, el levantamiento de Pascua; Luis Reyes e María Luisa Sánchez; Historia 16 nº 9 (1977)

Eamon De Valera, el león irlandés; Dermot Keogh; Historia 16 nº 79 (1982).

Pascua sangrienta en Dublín; Crónica del siglo XX; Plaza y Janés editores (1985).

___________________________________________________________________________________________

Notas:

(1) Lois Tobío, fundador do Seminario de Estudos Galegos, co-autor do Anteproxecto de Autonomía do ano 1936.

(2) Eduardo Pondal; Especial A Nosa Terra, extra nº 7.

(3) Daniel O’Connell. Considerado o artífice da emancipación católica en Irlanda. Durante a súa carreira parlamentar defendeu a abolición da escravitude e o sufraxio universal.

(4) Charles Stewart Parnell. Impulsor da autonomía (Home Rule). Dirixiu o Partido Autonomista Irlandés.

(5) Ramón Cabanillas (1876-1959) foi o máis importante poeta da época das Irmandades da Fala.

(6) Luís Porteiro Garea (1889-1918), teórico do (primeiro) nacionalismo, o das Irmandades da Fala.

(7) Connolly (1868-1916), socialista, organizador sindical e autodidacta; uniu marxismo e cuestión nacional.

(8) O Partido Laborista foi fundado en 1912 por Larkin e Connolly.

(9) Déronse enfrontamentos en Ashbourne, condado de Meath, nos que houbo quince policías mortos e 15 feridos; en Galeway un grupo de Voluntarios de Irlanda atacou a comisaría do RIC en Oranmore matando un policía e ferindo a outros dous; tamén se produciron escaramuzas no Ulster e Munster.

(10) Patrick Pearce (1879-1916), republicano e líder da insurrección de Pascua. Foi membro fundador dos Voluntarios Irlandeses e da Liga Gaélica, que se concibía como unha forza revolucionaria.

(11) O cambio na opinión pública ficou reflectido cando John Dillon, vicepresidente do Partido Irlandés, o 11 de maio perdeu o control na Cámara dos Comúns berrando “que estaba orgulloso do seu valor… aínda que estivesen mal aconsellados”.

(12) Sete bispos católicos criticaron o levantamento e o Irish Catholic ridiculizou os rebeldes; algúns concellos aprobaron mocións pedindo castigos máis duros.

(13) Michael Collins (1890-1922), ministro de finanzas na Asemblea de Irlanda, fundador do IRA e cerebro da táctica guerrilleira. De conviccións nacionalistas e republicanas.

(14) Eamon De Valera (1882-1975), ideólogo republicano. Foi primeiro ministro de Irlanda.

(15) As forzas rebeldes ás ordes de De Valera causaron 234 mortos e feridos aos soldados británicos; máis da metade de todas as baixas británicas durante todo o levantamento.

(16)Arthur Griffith (1872-1922) ideólogo e político fundador do Sinn Féin.

 (17) Constante Markievicz, (1868-1927), filla dun rico terratenente anglo-irlandés. Seguidora do Sinn Féin, fundou en 1909 unha organización xuvenil. Foi membro das Fillas de Irlanda. Chegou a ser oficial do Irish Citen Army (ICA), fundado por Connolly en 1913 durante o peche patronal.

(18) Polo acordo de 1921 Irlanda debe fidelidade á Coroa británica. O Estado Libre créase en 1922. En 1948 declárase a República de Irlanda.

(19) Sean Treacy e o seu grupo do IRA, actuando a iniciativa propia, comezou cos atentados do IRA o mesmo día que asumía o Dáil (21 de xaneiro de 1919), iniciando o que se chamou “os problemas” ou Guerra de Liberación.

(20) Liam Lynch, xefe do Estado Maior do IRA, que substituíu na dirección do movemento a De Valera no inicio da guerra civil.

___________________________________________________________________________________________

 

[Galiza, 10 de decembro de 2021]

Volver