A industria galega bótase á rúa en defensa do emprego e da actividade produtiva

Nacional -

O pasado 19 de setembro a cidadanía das Pontes botábase masivamente á rúa en defensa do emprego e para esixir unha transición enerxética xusta que permita dotar a comarca de futuro industrial. Porén, a decisión de Endesa de pechar definitivamente a central sen propor ningunha alternativa, sitúa As Pontes nunha incerteza absoluta que require intensificar a resposta social para obrigar o Goberno español a actuar e buscar solucións.

Esta loita pon en evidencia a ausencia de medidas políticas que revertan a perda do noso tecido produtivo, agudizado dende o inicio da crise de 2008 e que, de non pórlle remedio, acabará convertendo Galiza nun deserto industrial.

Porque non se trata dun caso illado de peche dunha fábrica ou dunha crise nunha comarca concreta, estamos ante o desmantelamento da actividade manufactureira e a desaparición de procesos produtivos completos, como ten acontecido na automoción, que nos últimos anos deslocalizou a Portugal ou Marrocos boa parte da actividade auxiliar para abaratar custes, mentres se aplicaban rebaixas salariais e laborais coa escusa de gañar competitividade. Uns recortes que PSA-Citroen pretende afianzar agora na negociación do convenio baixo ameaza de non lograr novos proxectos.

O naval, sen carga de traballo

O naval da Ría de Vigo atravesa tamén unha situación crítica, con Vulcano, o segundo maior estaleiro privado do Estado español, en fase de liquidación; mentres que o primeiro, Barreras, está seriamente ameazado e encara unha fase crucial para a súa supervivencia. A perda de ambas suporía a práctica desaparición do sector, xa que soportan arredor do 60% da contratación de persoal.

A falta de carga de traballo e o peche das empresas principais arrastra a industria auxiliar, provocando a perda de milleiros de empregos nos últimos anos, por moito que a propaganda institucional teime ciclicamente en falar de recuperación. A ausencia de compromiso e a inacción do Goberno central e da Xunta afondan na lenta agonía dunha industria estratéxica para o país e fundamental para a economía e o emprego da comarca viguesa.

Na Ría de Ferrol, as perspectivas tampouco son alentadoras. O naval público enfronta os próximos dous anos cunha previsíbel destrución de emprego nas auxiliares e unha maior precarización das condicións laborais pola falta de contratos. As consecuencias inmediatas reflíctense no conflito aberto nas contratas de mantemento: Navantia comunicou unha baixada do servizo a Indasa e á UTE Tecman-Rayman, coa que estas pretenden xustificar o despedimento de 15 traballadores e baleirar de contido o dereito a subrogación, pelexado e gañado no convenio do metal. Esta actuación ruín levou o persoal das dúas auxiliares a iniciar folga indefinida o 23 de setembro, cun seguimento do 100%.

Por unha tarifa industrial galega

Nesta crise, a industria electrointensiva é unha das máis afectadas, e malia ser Galiza gran produtora e exportadora de enerxía, A Mariña, como antes A Coruña, ve como Alcoa compromete o futuro dos empregos e da fábrica de aluminio de San Cibrao amparándose no elevado prezo da electricidade. Fronte a estas pretensións e para esixir dos Gobernos un novo marco regulador da enerxía máis xusto, estábel e predicíbel, o persoal estase mobilizando todos os venres na rotonda do Castelo, ás 14h.

Protestas semanais, mais neste caso os martes ás 19:30h, tamén realiza o persoal de Ferroatlántica diante do concello de Cee, para reclamar da Xunta que, ante a fraudulenta operación de compra-venda que se vén de efectivizar, esixa o preceptivo plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas concesionais.

Volver