A inflación, aínda

Antoni Soy - 07 Xun 2023

A inflación dá lugar a unha perda do poder de compra das familias da clase traballadora e as clases populares. Polo tanto, é unha expresión da loita de clases a través dos prezos

 A inflación non foi un problema transitorio senón que o aumento dos prezos continúa moi presente. E os bancos centrais dos principais países continúan aumentando os tipos de xuros, a pesar de saber que con esta medida non diminuirán a inflación e que, pola contra, producirán unha recesión económica e máis paro que afectará principalmente e de xeito negativo aos salarios e pensións dos traballadores e as clases populares.

 Está claro, e particularmente neste caso, que non estamos ante unha inflación monetaria e tampouco é causada por un exceso da demanda como tradicionalmente explican os economistas ortodoxos. Contrariamente, a inflación é o produto dunha relación social, ou sexa, dun conflito na distribución do valor engadido a consecuencia da ofensiva de clase dos capitalistas para manter as súas marxes de beneficio no contexto dunha baixa tendencial da produtividade do traballo. Isto, dá lugar a unha perda do poder de compra das familias da clase traballadora e as clases populares. A inflación é unha expresión da loita de clases a través dos prezos.

 A partir dos datos do Banco Mundial, pódese ver claramente que, desde 1980, non hai ningunha correlación entre a evolución da cantidade de diñeiro en circulación e o aumento do nivel xeral de prezos. Ou sexa, a orixe da inflación non é monetario. Aínda así, é certo que, sobre todo desde 2008, houbo unha creación de diñeiro moi importante (compra masiva de títulos financeiros, aumento da oferta de liquidez do Banco Central Europeo (BCE) e a Reserva federal ao sector bancario, tipo de xuros nulos ou negativos), pero isto non afectou o nivel dos prezos dos bens e servizos. En cambio, produciu unha “inflación financeira”, é dicir unha burbulla nos mercados financeiros.

 Cos aumentos dos tipos de interese os Bancos Centrais buscan un encarecemento do custo do crédito, por tanto, un freo á demanda das familias e as empresas que levará a unha diminución da produción e a un aumento do paro, que se traducirá en moderación salarial. Como recoñecía explicitamente non hai demasiado o presidente da Reserva federal dos Estados Unidos, o que queren facer para reducir a inflación é fomentar a recesión económica e o paro mediante a política monetaria.

 De feito, estas “falsas” solucións xustifícanse coa tese de que a inflación está causada polo exceso de demanda de produtos en relación coa oferta dispoñíbel, pero os datos tamén o contradín. A renda real das familias baixou en Europa e aínda máis nos países da OCDE, por tanto, na economía non pode haber unha demanda excedentaria. Pola contra, o que hai é unha insuficiencia da oferta respecto da demanda, a consecuencia das rupturas nas cadeas de fornecemento como resultado da pandemia e despois, a guerra de Ucraína, que supuxeron aumentos de prezos nos sectores onde estas rupturas foron máis importantes, e que máis tarde repercutiron noutros sectores que  estaban relacionados.

 Como xa se dixo, a inflación é unha relación social, a ofensiva de clase dos capitalistas para manter as súas marxes de beneficios nun contexto de diminución dos beneficios da produtividade do traballo. Efectivamente, a principios dos anos 1970, os beneficios na produtividade baixan, cousa que fai aumentar os custos de produción das empresas e provoca as tensións inflacionistas. Os estudosos especialistas no tema da produtividade apuntan como causas o crecemento do sector servizos con moi poucas ganancias de produtividade (menos que a industria, sen dúbida), así como a orientación das innovacións tecnolóxicas recentes cara ao consumo e menos cara á mellora dos procesos produtivos.

 Os beneficios da produtividade continuaron sen aumentar nos anos 1990 e até a crise de 2008. Loxicamente, baixan até o momento álxido da crise e despois manteñen a súa tendencia á baixa. A baixa tendencial da produtividade xa é unha tendencia longa do capitalismo. Aínda así, non houbo inflación en 2010 grazas ás políticas de apoio ás empresas por parte de gobernos e Bancos Centrais, o que fixo que as empresas puidesen aumentar os beneficios sen ter que aumentar os prezos dos produtos.

 Cando a produtividade do traballo diminúe, os capitalistas impoñen a moderación salarial e teñen que aumentar os prezos para manter as súas marxes de beneficios. A única maneira de evitar a diminución dos salarios reais seria que baixase a parte dos beneficios no valor engadido anual. Desde principios de 2020 constatouse, en moitos estudos de diferentes países, que os salarios reais (poder de compra dos que os reciben) continuaron baixando, cousa que fai imposíbel que sexan os salarios os causantes da inflación. Ou sexa, a pesar do que algúns din, non houbo unha espiral salarios-prezos. En cambio, o aumento nas marxes de beneficios das empresas parece ser o que produce as tensións inflacionistas. Estase nun momento en que hai unha espiral beneficios-prezos.

 De feito, é sobre todo a baixada nos beneficios de produtividade do traballo o que provoca a inflación. É a causa estrutural dos problemas da insuficiencia da oferta, máis aló dos aspectos conxunturais ligados á ruptura das cadeas de fornecemento relacionadas coa pandemia e a guerra de Ucraína. A baixa da produtividade e a insuficiencia da oferta de produtos son os factores chave da orixe da inflación. Para facer fronte a esta situación, os capitalistas tentan manter, como sexa, os seus beneficios, o que alimenta o espiral beneficios-prezos e provoca a diminución dos salarios reais.

 Ante esta situación, os gobernos e Bancos Centrais optan para usar a política monetaria, co aumento dos tipos de xuros, para facer baixar a inflación. Sabendo que isto pode conducir a unha recesión (ou polo menos diminución do crecemento), a un aumento/mantemento do paro, a unha perda do poder de compra dos salarios reais e a unha diminución do nivel de vida da maioría da poboación. E, moi probabelmente, non fará baixar a inflación, posto que non se atacan nin as súas causas estruturais (diminución da produtividade, oferta insuficiente) nin as conxunturais (ruptura das cadeas de fornecemento, aumento dos prezos de certos produtos). En troca, as empresas poderán continuar aproveitando a ocasión para aumentar os prezos dos seus produtos e as súas marxes de beneficio para compensar as perdas de produtividade. Unha política, pois, a favor do capital e contra o traballo.

 Non está demostrado que unha inflación como o actual (outra cousa son os “corralitos”) sexa peor, pola situación económica dun país, que impor unha taxa de inflación inferior ao 2%, como queren os Bancos Centrais e os gobernos. A experiencia demostra que se pode ter unha inflación baixa e unha taxa de paro elevada con perda do poder adquisitivo das familias das clases populares. Ou sexa, a inflación non é un problema en si mesmo se as rendas das familias soben ao mesmo ritmo que os prezos, senón que baixan o poder de compra e o nivel de vida destas familias cando o fan por baixo dos prezos, como na actualidade. Nun contexto de baixada da produtividade e dado o enfraquecemento importante do poder de negociación dos traballadores, e nunha situación, por exemplo, en que a inflación non é provocada por un aumento dos salarios, a indexación legal de todos os salarios (e pensións) –a estabilización dos salarios reais– sería unha medida defensiva mínima para a renda das familias con menos ingresos. Unha medida que se tería que acompañar, para evitar o aumento das desigualdades, dunha diminución das diferenzas entre as remuneracións ou do estabelecemento dunha renda máxima.

 Doutra banda, Isabella Weber propuxo o control dos prezos estratéxicos, como xa fixo John Kenneth Galbraith despois da II Guerra Mundial, cando tamén a oferta era insuficiente, para impedir que a inflación vaia a máis e implique problemas económicos críticos. Unha medida que soa non fai recuar a inflación, pero permite gañar tempo para estabelecer outras actuacións estruturais, por exemplo a planificación ecolóxica para reducir a dependencia dos combustíbeis fósiles ou unha política para diminuír realmente a pobreza e as desigualdades.

 A alternativa a curto prazo tería que pór as políticas monetarias, fiscais e industriais ao servizo dun programa de grandes investimentos públicos para a satisfacción das necesidades básicas da poboación, e o imprescindíbel cambio enerxético e ambiental. Pero isto require rachar coa lóxica dun sistema económico para conseguir o máximo beneficio a curto prazo, sen ter en conta as consecuencias sociais, enerxéticas e ecolóxicas. E ademais, usando a inflación para reducir o custo real da débeda (público e privado) e garantir o poder de compra das familias. É posíbel isto no marco dunha economía capitalista? Sinceramente, penso que non.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán La Directa, do 2 de xuño de 2023]