A inflación, arma do capital

Antoni Soy - 02 Xun 2022

A política da moderación salarial mostra as súas limitacións: lévanos a uns prezos elevados sen a posibilidade de que os salarios se poidan axustar a eles. Xa que logo, as rendas reais dos traballadores, da maioría da poboación, afúndense, limitando, debido á inflación, os recursos das familias, e nomeadamente das máis pobres

“A inflación é a escusa que teñen os gobernos de dereitas para tentar reducir os niveis salariais, botando a culpa aos aumentos nos salarios da inflación. Noutras palabras, se os traballadores queren conseguir un posto de traballo terán que reducir os seus niveis salariais”, dinos o economista americano Michael Hudson. E o inglés Michael Roberts insiste, “a economía capitalista está atrapada entre a Escila do paro e o Caribdis da inflación. (...) a tarefa debe ser crear paro para reducir o poder de negociación dos traballadores. Mais non existe ningunha proba de que os aumentos salariais produzan unha maior inflación. É a parte do crecemento do PIB que se destina aos beneficios o que aumenta”.

 “O capitalismo de 2022... está condenado a unha fuxida cara a diante permanente mentres os poderes públicos sosteñen a creación de beneficios. E é precisamente por iso polo que, ante a continuación da loita de clases nun contexto inflacionista, a represión social é unha opción seria a ter moi en conta” e, en consecuencia, “a prioridade xa non é unicamente económica, senón que se converte en social e política. Hai que bloquear un círculo infernal: unha relación de forzas favorábel aos traballadores que debilitaría o capital e levaría a poñer en cuestión á sociedade burguesa”, argumenta o francés Romaric Godin.

 De feito, xa en 1865, no seu panfleto “Salarios, prezos e beneficios”, Marx deixaba claro que o tema da inflación ou a deflación dos prezos era o resultado da correlación de forzas e da loita de clases entre empresarios e traballadores, é dicir, da distribución da renda entre salarios e beneficios. Ou sexa, se existe unha contención dos salarios, os prezos non baixarán necesariamente, xa que podería ser que simplemente aumentasen os beneficios. E isto é precisamente o que, polo menos en parte, está a pasar hoxe, porque é o que defenden desde os grandes organismos internacionais á Comisión Europea, os gobernos de moitos países, as patronais e tamén os sindicatos que abandonaron a loita con tal, disque, de conseguir o "consenso".

 Coido que se pode dicir que os economistas ortodoxos, que defenden o modo de produción capitalista e o seu funcionamento, pensan que a inflación actual segue a senr producida polo exceso de diñeiro en circulación (monetaristas), ou por unha demanda efectiva demasiado elevada ou un aumento excesivo dos salarios (keynesianos), ou polas expectativas dos axentes económicos, e que se poderá facer fronte coas políticas económicas tradicionais (monetarias e fiscais) que, por outra banda, xa mostraron as súas limitacións e carencias para loitar contra a inflación moitas veces.

 En troca, as distintas familias heterodoxas penso que estamos de acordo en distintos puntos: primeiro, como xa se viu nas citas iniciais, a inflación (a actual tamén) ten que ver coa correlación de forzas, a loita de clases entre traballo e capital e a distribución da renda entre salarios e beneficios. Segundo, a inflación actual non será un fenómeno efémero e transitorio senón duradeiro (algo no que tamén estarían de acordo polo menos unha parte dos economistas ortodoxos). Terceiro, a inflación actual dáse nun contexto de crise múltiple: económica, polo menos desde 2007/08, que Michael Roberts cualificou como ‘The Long Depression’; social, cun crecemento dramático das desigualdades e a pobreza, e as consecuencias subseguintes; enerxética e ambiental, que se foi cocendo a lume lento durante anos e anos, malia os repetidos avisos de científicos e ecoloxistas, e que xa se converteu en explosiva; xeopolítica, que se foi manifestando en diferentes guerras máis ou menos locais, e que agora cristalizou no enfrontamento EUA/OTAN contra Rusia en Ucraína, e que os expertos prevén que despois virá o enfrontamento EUA/OTAN contra China polo liderado mundial.

 E cuarto, a inflación actual é o produto dun "choque de oferta" (non ten, pois, como causas principais ou primixenias, nin un exceso de moeda en circulación, nin un exceso de demanda, nin un aumento demasiado elevado de salarios), provocado por unha produción demasiado baixa e unha ruptura das cadeas de abastecemento, a partir da pandemia da COVID e da guerra en Ucraína. O “choque de oferta” que produce a inflación actual deu ás empresas a oportunidade de manter ou aumentar as súas marxes de beneficios a partir dun incremento dos prezos, non porque exista máis demanda senón porque hai menos oferta . E as políticas neoliberais de liberalización e desregulación dos mercados foron acompañadas do aumento da concentración empresarial e do capital, aguilloadas polo sector financeiro que vía a posibilidade de importantes beneficios. Todo iso supuxo un reforzo da capacidade das empresas para impoñeren os seus prezos, aumentándoos e mellorando as súas marxes de beneficio, ao que se materializaron os aumentos dos custos enerxéticos e das materias primas.

 Non se produce unha espiral “salarios-prezos” como predican os ortodoxos, senón unha espiral “prezos-beneficios”. Son estes últimos, os beneficios, os que fomentan a inflación, nun movemento que se transmite ao conxunto da economía. A política da moderación salarial mostra as súas limitacións: lévanos a uns prezos elevados sen a posibilidade de que os salarios se poidan axustar a eles. Xa que logo, as rendas reais dos traballadores, da maioría da poboación, afúndense, limitando, debido á inflación, os recursos das familias, e nomeadamente das máis pobres. Un “choque de oferta” que, como sinala Michael Roberts, é unha continuación das diminucións da produción industrial, do comercio internacional, do investimento estranxeiro e da taxa de crecemento do PIB real que xa se produciu en 2019, antes da pandemia. As causas eran, segundo o economista inglés, que as rendibilidades dos investimentos capitalistas -que é o que realmente impulsa os investimentos e o crecemento nunha economía capitalista- descenderan até mínimos históricos. Romaric Godin vén dicirnos algo parecido: a situación actual é o produto da baixa continuada da produtividade que o neoliberalismo non foi capaz de frear. E este é, considera, o problema fundamental do capitalismo contemporáneo: se non se pode incrementar a produtividade, as empresas non poden compensar a alza dos salarios reais nin os efectos dunha competencia feroz, a non ser mediante a moderación salarial e aumento de prezos para manter ou aumentar os beneficios.

 Como sinalaron, entre outros, os economistas que mencionamos (Godin, Hudson, Roberts), ou tamén algúns representantes da ‘Modern Monetary Theory’ (MMT), a inflación actual non ten nada (ou moi pouco) que ver coa que houbo a primeiros dos anos 1920 ou nos anos 1970. As causas son diferentes, as circunstancias tamén e, xa que logo, é imposíbel que as políticas aplicadas nese momento para loitar contra a inflación poidan servir hoxe. Nin a política monetaria, nin a política fiscal, nin ningunha combinación destas nos poderá servir hoxe en día (lembremos que, ademais, se está nun sistema de tipo de cambio flexíbel entre as moedas). Unhas políticas que, pola súa banda, mostraron ser adoito ineficaces e pouco apropiadas para loitar contra a inflación.

 Ante esta situación, Michael Roberts dinos que “existe unha alternativa á restrición monetaria ou salarial,... que actúan en interese dos banqueiros e grandes empresas para preservar a súa rendibilidade. É impulsar o investimento e a produción mediante o investimento público. Isto resolvería o choque de oferta. Mais un investimento público suficiente para iso requiriría un control significativo dos principais sectores da economía...; e a acción coordinada no ámbito mundial. Isto hoxe é un soño imposíbel”. Romaric Godin remata isto dicindo que “a única opción parece rachar coa dinámica actual do modo de produción cun cambio radical polo que a xeración de beneficios deixa de ser o elemento central. Isto supoñería medidas de control de urxencia para "rachar" coa dinámica actual: ou sexa, control dos prezos, indexación dos salarios, xestión das penurias mediante o racionamento e impostos sobre os beneficios. E, de forma inmediata, habería que "asumir" a crise das empresas "rendistas" (e "zombis") que supoñerían estas medidas e reorganizar totalmente o modo de produción a partir da planificación e a democratización".

 Moito traballo nun contexto, ademais, non demasiado favorábel, en que os países ‘occidentais’ dedican gran parte dos seus recursos á industria armamentística e á do gas e o petróleo, debido ao enfrontamento EUA/OTAN e Rusia en Ucraína e, din os expertos, ao que virá nun futuro entre EUA/OTAN e China.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 30 de maio de 2022]