A inoperancia da xustiza indigna o persoal de Catisa pendente dende hai anos de cobrar as indemnizacións

Lugo - 28 Feb 2023

Anos despois da sentenza xudicial que lles daba a razón aos traballadores e ás traballadoras galegas das empresas Catisa e Hormigones La Estrella na súa demanda de extinción dos contratos, e das múltiples denuncias públicas pola lentitude do proceso, o persoal destas empresas do grupo Martínez Nuñez volven reivindicar unha solución ao bloqueo xudicial que padece este caso e que lles permita, dunha vez por todas, percibir a parte que lles queda pendente de cobrar das indemnizacións de 45 días por ano traballado que gañaron no Xulgado.

“Até o de agora, cobraron tan só 30 días, que aboou o FOGASA” afirma Afonso Losada, secretario da CIG-Construción de Lugo-A Mariña. Preguntado sobre o porqué deste retraso, Losada amósase contundente: ”é un cúmulo de inoperancia da administración concursal por un lado e do atraso habitual nos xulgados do social e os mercantís, que están desbordados por anos de crise e conflitos nas empresas".

Sobre a situación actual explica que neste momento está pendente de executarse a liquidación total dos activos da empresa para que, acto seguido, se poidan empezar a afrontar as débedas da empresa cos seus acredores, entre os que están os traballadores e traballadoras.

"Por desgraza, lamenta, a venta dos activos está a ser desesperadamente lenta, o que limita a posibilidade de chegar a cobrar todo, xa que se están a gastar os cartos recadados até o de agora en vixilancia, pagos á empresa liquidadora, gastos correntes, etc. Por iso demandamos axilidade e claridade á administración concursal e ao xulgado do mercantil madrileño que reabriu o concurso”.

 Losada subliña que as traballadoras e os traballadores "están fartos desta situación". Posto que levan anos batallando "e só queren cobrar o que lles pertence para poder deixar atrás isto e seguir coas súas vidas e os seus empregos actuais, mais non van permitir que a empresa co amparo ou o deixamento da administración concursal e do xulgado, se ría deles”.

A este respecto, recalca que "a Xustiza para ser considerada coma tal, ten que ser áxil e dar resposta rápida ás demandas da cidadanía e dos traballadores/as". Que isto non sexa así pola responsabilidade das diferentes administracións, "amosa unha baixa calidade democrática e redunda nunha concepción da cidadanía fronte as administracións de ineficacia e de que hai cidadáns/ás de primeira, para quen se habilitan os medios que faga falta, e cidadáns/ás de segunda, condenados/as á lentitude e o abandono”, remata Afonso Losada.