A Inspección de Traballo da Coruña require a Consellaría de Medio Ambiente polos incumprimentos en prevención de riscos
A Consellaría de Medio Ambiente terá que comparecer mañá, mércores 29 de agosto, ás 09:30 horas, nas dependencias da Inspección de Traballo da Coruña, logo da denuncia presentada pola representación da CIG no colectivo de axentes forestais e ambientais a causa dos incumprimentos en materia de protección e seguridade no traballo rexistradas no servizo de Protección da Natureza. O colectivo de traballadores/as tamén presentou denuncias similares diante das inspeccións de Lugo, Ourense e Pontevedra.
Na súa citación, a Inspección requírelle ao departamento dirixido por Beatriz Mato que achegue a relación de axentes forestais e ambientais asignados/as ao servizo de Protección da Natureza na provincia da Coruña; a avaliación de riscos e a planificación da acción preventiva no posto de traballo; así como documentación sobre a información impartida ao persoal, a entrega dos equipos de protección individualizados (EPIs) ou dos protocolos aplicados. Na comparecencia de mañá tamén estarán presentes os membros do comité de seguridade e saúde.
Un Plan de Acción que non se aplica
Dende a CIG-Administración Autonómica lembran que a pesares da Consellaría contar cun documento de avaliación de riscos laborais para o persoal de campo do Servizo de Conservación da Natureza, seguen sen aplicarse moitas das medidas previstas no Plan de Acción, supoñendo un risco para a seguridade e saúde laboral dos traballadores/as.
Entre os incumprimentos, citan que non se lles informase aos axentes dos riscos do seu posto de traballo, agás aos que se encargan de tarefas concretas como a vespa velutina. Tampouco se lles proporciona formación en materia de prevención dos riscos inherentes ás súas funcións; non se lles dota de EPI contra eventuais riscos biolóxicos ou químicos aos que podan estar expostos/as e tampouco do material que establece o Plan, como luvas, lentes ou calzado axeitado.
Denuncian tamén que dende o apagón analóxico de 2016 o persoal ten graves problemas de comunicación, xa que as emisoras -que están funcionamento dende hai unha semana- están capadas e só serven para a comunicación interna, "o que é especialmente perigoso en zonas de sombra para teléfonos móbiles".
Axentes forestais e ambientais manteñen a folga indefinida
Hai que lembrar que os/as axentes ambientais e forestais (uns 550 traballadores/as repartidos/as entre as consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural) están en folga indefinida para reclamar un acordo laboral que permita mellorar as súas condicións de traballo e garantir un servizo público de calidade.
Neste senso, a CIG-Autonómica denuncia o desleixo do Goberno galego neste conflito pois, a pesares de estarmos en plena tempada alta de lumes, a administración non mantén ningún tipo de contacto coa representación do persoal para lograr un acordo. É máis, o desinterese da Xunta con este colectivo de traballadores/as é tal que impuxo uns servizos mínimos totalmente abusivos e desiguais que vulneran o dereito fundamental á folga; pois mentres o 100% do persoal de extinción ten que estar en activo; o persoal do servizo de Protección da Natureza tivo que adiar o inicio do paro á espera de que o xulgado se pronuncie sobre o decreto de servizos mínimos. Isto é así porque o 20% de actividade estabelecida por Medio Ambiente non garante a seguridade do persoal, posto que implica que unha soa persoa se teña que encargar de cada zona, cando normalmente se traballa en parella para evitar os riscos derivados do seu labor.
Proposta inasumíbel da Xunta
Sobre a situación do conflito, cómpre lembrar que na última mesa de negociación, a Xunta pretendeu impor un acordo laboral que contempla un exceso de xornada (1700 horas anuais); quendas de garda de 12 horas presenciais durante a campaña de verán; aumento da xornada nocturna de inverno de 7 a 10 horas; non garante o período de descanso semanal de 48 horas consecutivas.; e non define a segunda actividade nin os coeficientes redutores da idade de xubilación.
No caso da área de Conservación da Natureza os axentes ambientais perden masa salarial, “de xeito que non se garante a realización das gardas nas mesmas condicións que o persoal de extinción”, e tamén ven recortados os dereitos de conciliación, vacacións permisos e licencias. Ademais, créase unha mobilidade funcional para cubrir os incendios forestais, “co que este persoal abandonaría as súas funcións de custodia da riqueza natural do país”. En definitiva, tal e como veñen advertindo, produciríase o desmantelamento efectivo deste servizo público de defensa e protección do patrimonio natural galego.