• Nova

A Inspección de Traballo insta o Sergas a corrixir as deficiencias da cociña do hospital de Ourense

A CIG-Saúde presentou denuncia polos riscos laborais que ameazan a saúde e seguridade do persoal
Ourense - 12 Xun 2018

A Inspección de Traballo vén de comunicarlle á EOXI de Ourense que ten un prazo de dous meses para corrixir as múltiples deficiencias detectadas na cociña do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. A central presentara unha denuncia diante da autoridade laboral o pasado 11 de abril ante as múltiples deficiencias detectadas nas instalacións deste servizo, situadas no edificio materno infantil do CHUO.

Na CIG-Saúde entenden que estas irregularidades constitúen un atentado contra a Lei de prevención de Riscos Laborais por parte dos encargados/as de velar pola saúde dos cidadáns, neste caso o Sergas. Lembran ademais que se manteñen dende hai anos a pesar de que a central as puxo en coñecemento das distintas Xerencias en reiteradas ocasións, que optaron por “facer ouvidos xordos”, o que ten provocado numerosos accidentes laborais. 

A autoridade laboral dálle dous meses para solucionar as irregularidades

No informe elaborado pola Inspección constátase, entre outras cuestións, o risco de caídas debido ao mal estado do chan, a probabilidade de incendio debido á graxa acumulada nas campás (a concesionaria fai unha única limpeza semanal), o perigo de electrocución ao atoparse cadros eléctricos sen tapa enchufes na zona de lavado que non son estancos e a posibilidade de lesións musculo esqueléticas pola realización de tarefas que obrigan a manterse de pé por períodos prolongados e en posicións forzadas.

En consecuencia, a autoridade laboral fixa un prazo de dous meses para que a actual Xerencia da EOXI “adopte as medidas oportunas para corrixir as eivas detectadas”, segundo explican dende a federación de Saúde da CIG de Ourense.