A Inspección de Traballo sanciona a empresa da limpeza de contedores de Stellantis por vulnerar o dereito de folga

O Grupo Urbano Bernabé fixo 12 contratacións por ETT ao inicio do conflito para desenvolver o traballo do persoal que secunda o paro
Vigo - 19 Out 2022

A Inspección de Traballo vén de confirmar tres sancións moi graves á empresa que se encarga da limpeza de contedores na fábrica de Stellantis en Vigo por vulnerar o dereito de folga coa contratación de persoal mediante ETT para suplir os traballadores/as que secundan a folga indefinida contra a precarización laboral e porque estes/es empregados/as están a traballar máis horas das que figuran nos seus contratos.

A autoridade laboral visitara a instalacións de Stellantis ao pouco de terse iniciado o paro para constatar as denuncias de esquirolaxe por parte do comité de empresa do Grupo Urbano Bernabé. A confirmación da Inspección -que o luns lle entregará o informe sancionador á representación do cadro de persoal- chega despois de que os folguistas ocupasen o luns pasado as instalacións da autoridade laboral na rúa Cánovas del Castillo para reclamarlle que actuase ante as ilegalidades que estaba a cometer a compañía, entre elas a de contratación fraudulenta. 

De feito, dende a CIG-Servizos denuncian que as 12 persoas contratadas a través de ETT para facer o traballo do persoal que secunda a folga teñen un contrato de 24 horas semanais, pero cando a Inspección se trasladou a Stellantis ao comezo da folga “puido comprobar que nun par de días xa superaran esas horas de traballo”.

Con estas manobras a empresa pretende minimizar o impacto dun paro que está a ser secundado pola práctica totalidade do cadro de persoal, integrado por 67 persoas. De feito, só están a traballar o encargado, a súa compañeira sentimental e dous traballadores contratados para cubrir unha baixa, ademais dos 12 de ETT que foron contratados despois de que se rexistrase a convocatoria de folga. De xeito que en cada unha das tres quendas traballan unicamente 5 persoas.

Intenso calendario de mobilizacións

Dende o comezo do paro indefinido o pasado día 3 o cadro de persoal está a desenvolver un intenso calendario de mobilizacións, que inclúe concentracións diarias ás portas de Stellantis (onde teñen instalado un campamento), marchas a pé pola cidade e manifestacións como a celebrada o pasado sábado día 15, que rematou diante da delegación da Xunta.

Con esta loita queren rexeitar as pretensións da dirección de Urbano Bernabé de impoñer un cambio de convenio, do actual de Limpeza da provincia de Pontevedra ao de Transporte de Mercadorías por Estrada, co conseguinte prexuízo económico, social e de estabilidade laboral para os máis de 60 empregados/as da compañía.

Finalmente, dende a representación do cadro de persoal de Urbano Bernabé están á espera de confirmar a celebración da terceira xuntanza entre as partes coa mediación da autoridade laboral para intentar desbloquear o conflito, unha vez que as dúas reunións celebradas até o de agora remataron sen acordo.