A Inspección presiona os centros de Primaria para incrementar ao máximo a carga lectiva do profesorado

A Consellaría impón a redución de gardas e a limitación das coordinacións e dinamizacións

Nacional -

Con visitas aos equipos directivos, mediante chamadas telefónicas ou con correos electrónicos. Nas últimas semanas numerosos centros docentes recibiron a alerta da inspección de que tiñan que acomodar os horarios do seu profesorado. Outros moitos centros non tiveron coñecemento desta nova medida de presión e recortes xa que o seu persoal docente xa cumpre as instrucións nas que agora incide a Consellaría.

Segundo denuncia a CIG-Ensino, nas instrucións que está a dar a Inspección indícase, por exemplo, que ningún docente pode superar tres gardas lectivas, sinalando como cifra de referencia as dúas gardas. Hai centros nos que o persoal docente tiña máis horas de garda, que se usan para substituír puntualmente a ausencia de profesorado que non é substituído. Agora, obrígase a que con carácter preferente esas sesións se dediquen á realización de apoios e reforzos a alumnado con necesidade específica de apoio educativo, "mais con truco".

O profesorado "é usado como comodín", sinala CIG-Ensino. "Se non hai que substituír, fanse reforzos educativos até o tope do horario; se é preciso substituír, eses apoios xa non son tan importantes e pasaríanse a realizar as gardas necesarias, modificando os horarios e a organización do centro. Esta é a importancia que para a Consellaría ten o profesorado, a autonomía dos centros e a atención á diversidade". Unha atención á diversidade absolutamente deficitaria en persoal e que non pode descansar en aumentar o tempo de traballo dos e das mestras senón en conseguir que o faga nas mellores condicións.

Profesorado de PT e AL, cos horarios a tope

A Inspección tamén está revisando os horarios, segundoa  CIG-Ensino, "para forzar que o profesorado de PT e AL dedique as súas horas de clase á docencia do alumnado con NEAE, o que implica que se impide que teñan asignadas outras tarefas ou gardas de clase. Isto é, 25 horas de atención á diversidade: nin coordinacións nin tempo para nada máis.

Elevan o control sobre as dinamizacións e as actividades non lectivas

Nun momento no que precisamente está enriba da mesa o debate sobre a recuperación das 21 horas lectivas coas que contaban as mestras e mestres até 2011, aumentando o tempo para coordinacións e dinamizacións, a Consellaría a través da Inspección, presiona para que se revisen os horarios e non se computen, con carácter xeral, a maioría das dinamizacións e forzando que se xustifiquen as actividades computábeis como lectivas con todas as tarefas que se realizan. "De novo, a Inspección é usada como un órgano que limita a propia capacidade dos centros para organizarse autonomamente e que está máis preocupada por reducir profesorado que por apoiar medidas que fomenten a calidade dos centros".

A folga do 12 de decembro, máis necesaria que nunca en Infantil e Primaria

Actuacións como estas indican ben ás claras que a consigna política da Consellaría, da que a Inspección é fiel executora, é frear os intentos do profesorado de recuperar os seusdereitos e volver ao horario lectivo de 21 horas nos centros de Infantil e Primaria. "É, por tanto, unha razón máis para mobilizarnos e facer fronte a unha Consellaría disposta a manter o profesorado nas peores condicións de traballo desde hai máis dunha década. O 12 de decembro teremos unha ocasión de facer ouvir a nosa voz, defender os nosos dereitos e a calidade do servizo público que prestamos".

Volver