A loita contra o convenio estatal de comercio téxtil ARTE chega á xunta xeral de accionistas de Inditex
Persoas traballadoras do sector mobilizáronse ás portas da sede central da compañía en Arteixo e unha representante da CIG interveu na sesión
A intensa loita que mantén o persoal do comercio téxtil galego contra o convenio estatal da asociación empresarial ARTE, integrada polas principais empresas do sector, chegou hoxe á xunta xeral de accionistas de Inditex cunha protesta diante das instalacións centrais de Arteixo e coa intervención dunha representante da CIG na sesión, que explicou a problemática laboral e trasladou as reivindicacións das persoas traballadoras do sector.
A mobilización, que se desenvolveu dende as 11:00 horas na entrada da compañía, fai parte da campaña que o persoal do comercio téxtil está a desenvolver para reclamar un acordo marco interprofesional galego de comercio que garanta a prevalencia dos convenios provinciais e impida a aplicación dos recortes recollidos no de ARTE, do que Inditex é a principal promotora.
Por volta das 13:00 horas tomou a palabra na xunta xeral de accionistas a presidenta do comité de empresa de Stradivarius pola CIG, Lucía Domínguez, que falou en representación da maioría das persoas traballadoras das tendas de Inditex en Galiza para requirir información “moi relevante para o noso colectivo sobre retribucións e condicións laborais”.
Domínguez lembrou que os enormes beneficios rexistrados pola compañía son froito do traballo das milleiros de dependentas “que durante anos tivemos que pelexar por mellorar as nosas retribucións e condicións de traballo, e non foi até 2023 que conseguimos unha mellora substancial que nos aproximou aos salarios e melloras dos que o resto de persoal do Grupo xa dispón hai tempo”.
Despois disto Inditex creou unha patronal de grandes empresas do comercio téxtil (ARTE) co obxectivo de promover un convenio colectivo estatal que está a punto de ser publicado. “As consecuencias deste convenio sobre salarios e outras condicións das dependentas galegas son as que nos traen a esta xunta, porque a súa aplicación supón -entre outras perdas e se nos fixamos só nos salarios- unha rebaixa de 2000 euros anuais para a categoría máis numerosa no sector na provincia da Coruña ou a perda da suba do 6% cada catro anos en Ourense”.
De acordo co texto do novo convenio, as novas contratacións de dependentas en Inditex na provincia da Coruña ingresarán na compañía cobrando 4.500 euros anuais menos que na actualidade e arrastrarán durante toda a súa vida laboral uns ingresos inferiores ás persoas que actualmente xa teñen un contrato indefinido.
“Dende a maioría da representación legal das persoas traballadoras en Galiza dirixímonos de maneira formal a Inditex en repetidas ocasións reclamando unha solución por escrito que garanta que estes retrocesos, inxustificables e totalmente innecesarios, non se produzan. A resposta foi o silencio ou promesas inconcretas que non supoñen ningunha garantía formal ante un convenio que regula claramente ese retroceso”, censurou Domínguez.
Por outra banda, lembrou que a compañía anunciou recentemente unha suba das retribucións das tendas a nivel estatal (dun 4% para 2026), mais nas provincias da Coruña e Pontevedra a suba real será, no mellor dos casos, dun 1,65%. “Pensamos que se trata dunha actualización das retribucións que non se corresponde coa marcha da compañía”.
Finalmente, reclamou información a respecto de se Inditex lle vai ofrecer á representación legal das persoas traballadoras afectadas garantía legal e xurídica por escrito de que non se van producir eses retrocesos salariais e doutras condicións, nin para o persoal actual nin para o que se incorpore no futuro. E tamén sobre se a empresa téxtil vai negociar coa representación legal das persoas traballadoras das provincias afectadas unha mellora que posibilite de maneira efectiva a suba anunciada do 4% para 2026.