A loita de clases nos Estados Unidos

Christian Marazzi - 30 Out 2023

A loita de clases actualmente en curso nos Estados Unidos revela o afundimento do modelo posfordista de organización do traballo consumado nos últimos trinta anos, que agora se debe enfrontar á crise existencial do traballo

«A semana pasada (4 de outubro) os 75.000 traballadores sanitarios de Kaiser Permanente, o maior consorcio privado de entidades con ánimo e sen ánimo de lucro do sector, declaráronse en folga durante tres días. Foi a maior folga sanitaria da historia dos Estados Unidos. É a última dunha impresionante serie de folgas que están a abalar o mundo laboral estadounidense. Aínda que o centro da escena o ocupara a folga da industria cinematográfica, na sombra pararan outros centos de miles de traballadores e traballadoras empregados nos ámbitos máis diversos da economía entre os que se contan, dito de modo indicativo, os camareiros e as camareiras de Starbucks, o persoal de hotel de California, os auxiliares de voo ou os estibadores da Costa Oeste, por citar só algúns exemplos. A outra nova é que os traballadores están a gañar. O caso dos 340.000 mensaxeiros de UPS é exemplar. Só tiveron que ameazar cunha folga que lle custaría á empresa 7 millardos de dólares e as súas reivindicacións foron aceptadas»(1). E desde o mediodía do 14 de setembro, os traballadores das tres maiores corporacións da industria automobilística estadounidense, Ford, General Motors e Stellantis, están en folga(2).

 A vaga de folgas acontecidas nos Estados Unidos é a suma de factores conxunturais e de factores a longo prazo(3). A covid-19, a aparición dos «traballadores esenciais»(4), a reactivación económica pospandémica caracterizada por políticas públicas multimillonarias, o pleno emprego e o fenómeno dos despedimentos voluntarios a gran escala son factores conxunturais, que fortaleceron o poder de negociación dos traballadores. Ademais, non hai que esquecer as prestacións sociais postas en marcha durante a pandemia por Trump e Biden, porque grazas a elas moitos working poors obtiveron temporalmente ingresos superiores aos seus salarios.

 As razóns a longo prazo residen na crecente desigualdade verificada durante os últimos corenta anos. Entre 1979 e 2022 os ingresos do 1 por 100 máis rico da poboación estadounidense aumentaron o 145 por 100, mentres que os do 90 por 100 restante só medraron o 16 por 100. A combinación de factores conxunturais e estruturais explica a explosión de conflitos laborais, que está a fortalecer aos sindicatos estadounidenses(5). Hainos que obviamente están preocupados por iso, pero o economista Robert Reich tranquilízaos, explicándolles que foron as folgas das décadas de 1930 e 1940 as que deron orixe á até daquela case inexistente clase media estadounidense. A loita da clase obreira dentro e contra o capital a primeiros do século XX xerou enormes avances para o conxunto da sociedade, que se materializou nos «gloriosos trinta anos» do período posterior á Segunda Guerra Mundial. Nas últimas tres décadas de neoliberalismo, porén, a clase media, e non só nos Estados Unidos, foise murchando e desaparecendo paulatinamente.

 Podería marcar esta onda de folgas, que en 2022 experimentou un aumento significativo tanto en número de conflitos como en participantes nelas, o comezo dunha nova era histórica?(6). Non é tan evidente. En opinión de Heidi Shierholz, presidenta do Economic Policy Institute, ademais do retorno do protagonismo da clase traballadora, son necesarios outros factores(7). Nos Estados Unidos, con Franklin D. Roosevelt como presidente, promulgouse en 1935 a Wagner Act, unha lei que promovía a negociación colectiva e a liberdade de asociación sindical e introducía fortes proteccións contra a discriminación racial, á vez que fomentaba un importante paquete de investimentos públicos. Hoxe, coa Inflation Reduction Act (2022), promovida polo goberno de Biden e destinada a definir a nova política industrial «verde» estadounidense, vólvese ás políticas keynesianas de intervención pública experimentadas durante a Gran Depresión. Con todo, de acordo con Heidi Shierholz, o elemento ausente en comparanza coa década de 1930 é o contexto do dereito laboral estadounidense, que se viu gravemente debilitado durante os últimos anos da era neoliberal. Hoxe en día, a lexislación laboral é tan débil que para a maioría das empresas a actividade antisindical (union-busting) é un simple custo, non moi elevado polo demais, do normal funcionamento destas. Os atrancos que teñen que superar os traballadores para se sindicaren e conseguiren un primeiro convenio colectivo son colosais. Na versión final da Inflation Reduction Act, que inicialmente debía ser vigorosamente prosindical na súa discusión na Cámara de Representantes, o apoio aos traballadores «sindicalizados» converteuse no apoio aos traballadores «estadounidenses». E iso non só a instancias do senador demócrata por Virginia Occidental Joe Manchin, representante da dereita do Partido Demócrata, senón tamén pola presión das multinacionais estranxeiras que queren utilizar o sur de Estados Unidos, onde pretenden crear un enorme número de novos postos de traballo destinados á produción de coches eléctricos, como a súa China particular (grazas ás normas laborais e ambientais moito máis laxas vixentes nestes estados)(8). En resumo, é necesario un impulso lexislativo que garanta a continuidade das mobilizacións obreiras en curso.

 Desgraciadamente non hai sinais diso provenientes do Partido Demócrata ou do Partido Republicano. Iso explica o espectáculo do presidente Biden, que se presentou en Michigan o 26 de setembro para participar nun piquete cos traballadores de United Auto Workers (o primeiro presidente estadounidense en facelo na memoria dos historiadores) contra o expresidente populista Trump, quen ao día seguinte, convidado pola dirección dunha fábrica de pezas de automóbiles non sindicada (Drake Enterprises en Clinton Township), dixo aos traballadores que Biden «só vos quere quitar os vosos postos de traballo e darllos a China. O único útil que debería facer é derrogar a normativa que favorece a produción de coches eléctricos». En realidade, Biden apoia, por unha banda, as reivindicacións sindicais da UAW, pero, por outra, foi o impulsor da Inflation Reduction Act, é dicir, da transición á produción de coches eléctricos, que en opinión dalgúns analistas podería supor a perda de algo así como o 40 por 100 dos postos de traballo existentes no sector do automóbil e ademais, como se dixo, sen a garantía lexislativa de que a creación de novos empregos vaia estar baixo protección sindical.

 O problema da transición ecolóxica na industria do automóbil tamén se formula en canto á competencia chinesa, dada a tecnoloxía moi avanzada exixida neste sector. Se se reducen ao mínimo os estándares laborais e ambientais de produción, ponse aos traballadores estadounidenses ou europeos en competencia cos produtores chineses, fomentando en última instancia o populismo dun ou outro tipo. Algúns economistas suxiren que é mellor pensar en termos de normas de calidade para contrarrestar a produción de coches eléctricos que sexa moi prexudicial para o medio ambiente e os dereitos dos traballadores, introducindo aranceis á importación orientados por estas novas normas(9). Tamén neste caso se pon de relevo a necesidade de vincular os procesos de sindicalización co proceso lexislativo para protexer a forza de traballo e o medio ambiente. Pola contra, é probábel que esta vaga de folgas rexistrada durante os últimos meses en Estados Unidos dure o que dura o verán.

 «O envite radica totalmente neste asunto e o seu desenlace podería decidir quen é o próximo inquilino da Casa Branca, porque en 2020 Biden obtivo o 56 por 100 do voto dos afiliados ás diversas organizacións sindicais fronte ao 42 por 100 obtido por Trump. É absolutamente necesario que Biden conserve esas marxes para ser reelixido, pero mentres o AFL-CIO xa lle concedeu o seu apoio, a UAW aínda non o fixo»(10).

 En resumo, para non acabar como o asno de Buridán, por dicilo con palabras de Guido Moltedo, Biden tivo que dar a cara, aínda que confiaba en resolver a crise mediante unha negociación entre bastidores dirixida polo seu secretario de Traballo, Gene Sperling, como xa fixera cos ferroviarios e os estibadores. O líder da UAW, Shawn Fain, porén, dixo que non: Hic Rodhus, hic salta, móstranos o que afirmas, aquí e agora.

 En calquera caso, as folgas levadas a cabo na Ford, General Motors e Stellantis adquiren un significado especial. As reivindicacións sindicais demandan un aumento salarial do 40 por 100 nos próximos catro anos e o paso a unha semana laboral curta de catro días de duración. En 1926 foi Ford quen introduciu a semana de cinco días, un modelo que máis tarde se estendeu a todo o mundo occidental. Se os traballadores estadounidenses do sector da automoción gañasen nesta fronte, o seu exemplo podería dar un forte impulso á reivindicación da semana reducida a escala internacional.

 Hai algunha posibilidade de éxito? Xa se verá. De momento é interesante observar a táctica de loita adoptada polos traballadores. Trátase dunha folga unilateral, denominada «stand up strike», practicada por primeira vez nos establecementos de GM en Flint, Michigan, en 1936. Algúns sectores van á folga mentres outros seguen traballando, aínda que con grandes dificultades (como sucede cos peches patronais repentinos). É unha táctica moi eficaz, porque socava o modelo de produción dominante nun sector como o do automóbil, que se está moi interconectado e opera de acordo co principio do just in time, e fai imposíbel planificar a produción ao non existir certeza algunha de se efectuará a entrega das subministracións necesarias a curto prazo. Tamén permite que o fondo de folga da UAW, que ascende a 825 millóns de dólares e cobre parcialmente os salarios dos traballadores en folga, dure máis: 500 dólares para 13.000 traballadores en folga ao longo dunha semana en lugar deses mesmos recursos repartidos entre os 146.000 membros da UAW empregados nas plantas de Detroit(11).

 A pandemia marcou un punto de inflexión, e os seus efectos empezan a constatarse agora(12). A loita de clases actualmente en curso nos Estados Unidos revela o afundimento do modelo posfordista de organización do traballo consumado nos últimos trinta anos, que agora se debe enfrontar á crise existencial do traballo. A fábula de se dedicar totalmente ao traballo para ter un futuro brillante xa non a cre ninguén. Se a isto engadimos a desastrosa crise climática, o futuro preséntase canto menos opaco. O rexeitamento do modelo de traballo e a urxencia de salvar o medio ambiente están a provocar profundos cambios na sociedade, revolucionando a escala de valores do sistema (13).

_____________________________________________________________________________

Notas:

(1) Francesco Bonsaver, «Lotta di classe americana (conversazione con Christiana Marazzi)», areaonline.ch, 13 de outubro de 2023.

(2) Bruno Cartosio, «O sciopero antico delle tute blu. In forme nuove», Il manifesto, 17 de setembro de 2023; Guido Moltedo, «Il vecchio Joe e la sfida delle tute blu», Il manifesto, 19 de setembro de 2023.

(3) Paolo Mastrolilli, «Il ritorno degli scioperi negli Usa può segnare il duello Biden-Trump», La Repubblica A&F, 25 de setembro de 2023.

(4) Dustin Guastella, director de operacións e representante sindical de Teamster Local 623 en Filadelfia, afirma o seguinte: «Cando comezou o confinamento, as empresas e o goberno crearon unha nova categoría de empregado, “o traballador ou traballadora esencial”. Tratábase de traballadores considerados tan vitais para o funcionamento da economía que non podían ser despedidos nin se podía permitir que traballasen desde a casa. Tratábase de enfermeiras, médicos e asistentes médicos, pero tamén de traballadores sanitarios, traballadores de UPS, obreiros de determinadas fábricas, traballadores agrícolas, traballadores da industria alimentaria, etcétera. O impacto psicolóxico de ser etiquetado como «esencial» resoou na mente da cidadanía. Os medios de comunicación e moitas empresas montaron un grande espectáculo para demostrar que estes traballadores eran «heroes», incluídas manifestacións en directo nas que a xente aplaudía literalmente os traballadores desde as súas casas. Pero cando se levantaron os confinamentos, estes «traballadores esenciais» non recibiron ningunha recompensa comparábel ao risco que correran. En UPS, por exemplo, os directivos da empresa non ofreceron nin primas especiais, nin indemnizacións por risco, nin aumentos salariais en agradecemento por todo o “traballo esencial” efectuado. No seu lugar, as empresas volveron inmediatamente ao statu quo anterior. Foi unha labazada na cara», entrevista de Salvatore Cannavò, Il Fatto Quotidiano, 27 de setembro de 2023.

(5) Benjamin Wallace-Wells, «State of the Union», The New Yorker, 9 de outubro de 2023.

(6) A School of Industrial and Labor Relations da Universidade de Cornell (Ithaca, Nova York) iniciou en 2021 unha enquisa independente sobre a totalidade das folgas efectuadas nos Estados Unidos ao considerar insuficientes os datos do Bureau of Labor Statistics. Este último, de feito, só recolle as cifras relativas ás grandes folgas (polo menos mil participantes, polo menos oito horas de duración), baseándose nunha decisión que se remonta á época de Ronald Reagan, hai xa corenta anos. Deste xeito elimínase unha enorme cantidade de información: sobre dicir que o 60 por 100 dos asalariados do sector privado estadounidense traballan en empresas con menos de mil empregados. Ademais, a estrutura dos asalariados estadounidenses cambiou profundamente e, por conseguinte, o seu coñecemento resulta cada vez máis difícil se estes se encadran nas ríxidas categorías tradicionais (agricultura, industria, servizos, función pública). Véxase Piermaria Davoli, «Ripresa degli scioperi in Usa», Lotta comunista, setembro de 2023. Véxase tamén Carmelo Caravella, «Negli Usa i lavoratori esistono e scioperano», Centro para a Reforma do Estado, 6 de outubro de 2023.

(7) Véxase «In the US, workers’ rights are moving to centre stage», Financial Times, 30 de setembro/1 de outubro de 2023.

  1. Ra Foroohar, «US autoworker strike could not be more critical», Financial Times, 18 de setembro 2023.

(9) «Unha mellor idea sería que os Estados Unidos e a Unión Europea se puxesen de acordo e estipulasen un conxunto de estándares laborais e ambientais sobre como deben producirse os coches eléctricos, o cal contribuiría a evitar a carreira tanto con China como entrambos en prol da imposición de estándares cada vez máis baixos. Eses estándares deberían contemplar a carga total de produción de CO2 e neste sentido a min gustaríame saber, por exemplo, que cantidades de electricidade xerada con carbón ou de traballo forzado son utilizadas para producir a totalidade dos insumos con enerxía limpa, proveñan estes de China ou doutra parte», ibid.

(10) Paolo Mastrolilli, «Biden tra gli operai dell’auto in sciopero: “Le aziende vanno bene, alzino i salari”», La Repubblica, 27 de setembro de 2023.

(11) Claire Bushey e Taylor Nicole Rogers, «UAW strike tactics play on supply chain fears», Financial Times, 21 de setembro de 2023. Véxase tamén Peter Campbelly e Claire Bushey, «Dealers fear running out of cars as US strikes continue», Financial Times, 28 setembro de 2023.

(12) «A Covid-19, o gran proceso de abandono do posto de traballo detectado a partir de 2021 (great resignation) e o cumprimento estrito e frío das tarefas laborais (quite quitting) puxeron de relevo como está a cambiar a formulación en torno ao traballo: menos horas dedicadas ao traballo duro, máis á vida. Como pano de fondo perfílase tamén a invasión dos robots e da intelixencia artificial, que fará os humanos cada vez menos indispensábeis. Así que o futuro pasa por acurtar as semanas e facer traballar a todo o mundo sen renunciar ao salario, porque os substitutos mecánicos non cobran. O grupo 4 Day Week realizou un experimento no que participaron tres mil empregados de sesenta e unhas empresas. Tras este, cincuenta e seis empresas decidiron seguir coa semana de catro días e a maioría dos traballadores xurou que non volverían atrás por nada do mundo. Preparémonos», véxase Paolo Mastroilli, «La settimana corta è più vicina, l’idea è lavorare tutti, ma meno», La Repubblica A&F, 2 outubro de 2023.

(13) Este é o significado profundo do libro de Francesca Coin, Le grandi dimissioni. Il nuovo rifiuto del lavoro e il tempo di riprenderci la vita, Turín, Einaudi, 2023. Véxase tamén a fermosa reseña de Cristina Morini, «Quel sistema tossico che innva il lavoro consumandoci la vita», Il Manifesto, 17 de setembro de 2023.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web El Salto, do 26 de outubro de 2023]