A loita do persoal de Textil Lonia non decae: unha nova caravana de vehículos percorre Ourense para reclamar condicións dignas
Este venres tivo lugar a segunda caravana de vehículos reivindicativa do persoal da empresa ourensá Sociedad Textil Lonia polas rúas da cidade de Ourense para reclamar melloras laborais e denunciar a ruptura das negociacións por parte dunha dirección que insiste en intentar criminalizar a loita das persoas traballadoras, tal e como sinalan dende a CIG.
A central sindical lamente a actitude da compañía, que suspendeu unilateralmente os contactos iniciados a finais do ano pasado e continúa coa campaña pública de criminalización do cadro de persoal “por reivindicar o que é xusto”.
Neste senso, lembran que Textil Lonia decidiu levantarse da mesa negociadora, pechando calquera posibilidade de avanzar en melloras salariais e laborais e demostrando que non ten interese ningún en arranxar a situación de precariedade que levan soportando dende hai anos as persoas traballadoras. “Non queren mudar esta situación. A intención clara da empresa: queren pecharlle a boca a todas aquelas persoas valentes, que fartas de aturar desprezo, abusos, acoso e precariedade, decidiron firmemente dar un paso adiante”. Polo que a CIG censura que a dirección continúe intentando culpabilizar o persoal por facer públicas unhas reivindicacións que a empresa se nega a abordar no marco da negociación colectiva.
A central sindical tamén rexeita as comunicacións da compañía través de correos electrónicos coas que pretende “sementar medo e amedrentar” e minimizar as mobilizacións asegurando que son poucas as persoas que protestan diante das tendas. “Aínda que a empresa queira facer ver o contrario, son moitas máis das que se ven, porque as que dan a cara están a facelo por todas aquelas compañeiras que non poden alzar a voz por medo”. As que se mobilizan están a facer exactamente o que lles piden as súas compañeiras: falar alto e claro por todas”.
Dende a CIG insisten en que as reivindicacións do persoal son “xustas, razoables e necesarias”, nun contexto marcado pola precariedade salarial, cargas de traballo excesivas, acoso e presión constantes a todos os niveis, cun impacto directo na saúde física e psicolóxica das persoas traballadoras, “mentres a empresa mantén unha postura inmóbil e allea á realidade do cadro de persoal”.
Ao mesmo tempo, critica que Textil Lonia pretenda desviar a responsabilidade do conflito, sinalando as protestas como un problema, cando son a consecuencia directa da súa negativa a negociar con seriedade. “O conflito non o xeran as mobilizacións, senón a soberbia empresarial e a falta de vontade real de chegar a acordos”.
Ante esta situación, as persoas traballadoras acordaron retomar as caravanas de vehículos pola cidade co obxectivo de visibilizar unha vez máis entre a veciñanza a situación que se vive na empresa e denunciar publicamente a precariedade, o acoso e a presión permanente que sofre o persoal. “A dignidade non se negocia á baixa nin se cala. Se a empresa se levanta da mesa e pecha a porta ao diálogo, o persoal seguirá abríndoa na rúa. As mobilizacións continuarán, gústelle ou non á Textil Lonia”.