A maior trola do mundo

Pablo González Casanova -

Corrupción e capitalismo tardío forman parte do actual sistema global e o seu funcionamento, como política da acumulación por espolio e de explotación dos recursos humanos e naturais coas tecnoloxías máis avanzadas e a man de obra máis mal paga, cando non escravizada

 Nunca o imperio mentira tanto como o que hoxe ignora en relación cun poder perdido. As ridículas e pedantes ameazas do seu Gran Xefe, como suposto defensor da democracia, son vistas como as dun demente que, ao amedrentar o mundo co seu inmenso poderío, a ninguén convence cos seus desplantes e trolas. Preocupan as súas declaracións e decisións pola ferocidade insá que expresan e que poden terminar nun holocausto que el mesmo viviría, nos seus últimos momentos, e faría vivir aos seus e ao país que goberna.

 O problema é aínda máis grave, porque Mr. Trump, coa súa ameazadora cólera de Zeus tronante, é só unha expresión da crise e cegueira que padecen as clases dominantes do seu imperio e doutros que nunha ofensiva mundial o apoian, combinando o seu silencio cómplice cos seus medios de comunicación masiva nun concerto de intereses e cobizas comúns.

 As potencias dominantes e os distintos apoios financeiros, militares, políticos e mediáticos de que se serven, polo xeral, deixan ao lado os seus distintos estilos de dominación e acumulación e arremeten en función do poderío dos seus donos e señores e dos intereses que uns e outros pretenden defender como valores respectábeis e dos que cada vez se burlan máis, como a democracia, os dereitos do ser humano e o estilo de vida civilizado, honrado e eficiente.

 No caso de Estados Unidos, os intereses e valores que realmente moven os señores das grandes corporacións, lévanos a apoiar, nas súas zonas de influencia e nas rexións que dominan -para o caso de América Latina e o Caribe-, gobernos golpistas, hoxe encabezados polos novos ricos multimillonarios, como Michel Temer en Brasil e Mauricio Macri en Arxentina, mentres erosionan o poder dos gobernos e movementos de tendencia socialista, nacionalista ou moderadamente patriótica, aos que debilitan con variadas medidas de represión, corrupción, cooptación, presión e desestabilización, como o fixeron contra a propia Cuba invicta, a cada vez máis contraditoria Bolivia, a xa moi desfeita Nicaragua ou o xa traizoado Ecuador.

 É máis, como moitos triunfos de pasadas revolucións e rebelións ou movementos progresistas sufriron, co tempo, crecentes contradicións, en todos eles e nas recentes loitas e vitorias democráticas e sociais, impulsan políticas que fan caer os países vítimas nunha incesante desestruturación, desintegración, desorganización. Para iso sérvense -con moitos outros recursos- das crecentes contradicións en que caen os réximes de antigas revolucións como a mexicana ou dos gobernos populistas e os seus sucesores, como os de Brasil e Arxentina. A todos lles aplican medidas de efectos directos e indirectos que, ao impulsar a cultura da negociación e da globalización neoliberal privatizadora do Estado, promoveron en grande, dun lado, a cultura do individualismo, do enriquecemento multimillonario e da macrocorrupción, e do outro, o desmantelamento do Estado-nación ou dos seus poderes, as súas empresas e recursos estatais e nacionais, así como a perda de sentido do interese xeral e o ben común nos partidos políticos. Desbotadas ideoloxías e programas nas loitas políticas, con alternativas que teñan algunha posibilidade de se cumprir, xa sexa no social ou no nacional, os proxectos de futuro limítanse a ofrecer, seica, acabar coa corrupción ou o narcoterrorismo sen explicar como o farán. Partidos e políticos profesionais do goberno en vigor e da oposición nin sequera defenden un programa político que impida o espolio dos recursos da nación ou mesmo un moderadamente patriótico que teña como propósito defender a educación pública das ciencias, as técnicas e as humanidades a todos os niveis, e que sexa capaz pola súa política financeira e económica de proporcionar emprego e seguridade social aos licenciados, por brillantes que sexan. É máis, ningún partido político presenta e defende un programa de control monetario e produtivo ou de servizos ou que propoña as medidas necesarias para pór fin ao terror e ao sistemático espolio do solo e o subsolo da nación, co conseguinte desemprego de intelixencias e brazos, causa fundamental das crecentes emigracións de campesiños xa desposuídos das súas fontes de vida e de traballo polas grandes corporacións agrícolas, mineiras, industriais, que mediante os sicarios impoñen o terror e o narcotráfico, nos deixan sen seguridade ningunha, sen territorio nin terra, sen auga, alimentación, saúde…

 Así, mentres ningún partido ou movemento institucional defende un programa coherente que permita saír de tan grave situación, xorde un crecente rexeitamento aos emigrantes que tentan refuxiarse nos países sede das corporacións e do poder imperial. Desestruturadas as nacións en desenvolvemento -así sexa este desigual- de feito, os partidos xa non teñen nada que ofrecer que poidan cumprir. O seu papel na democracia simulada, neoliberal, globalizadora, rapaz, é obter postos pagos de elección popular, cuxos afortunados fagan negocios coa venda dos bens que o Estado aínda conserva, sabedores de que se chegan a ser acusados de corrupción nada lles vai pasar, se chegan a ser denunciados ninguén os vai xulgar, se son sancionados ninguén os vai perseguir e se os perseguen ninguén os vai atopar. Todo iso ocorre porque de principio a fin e de arriba abaixo, corrupción e capitalismo tardío forman parte do actual sistema global e o seu funcionamento, como política da acumulación por espolio e de explotación dos recursos humanos e naturais coas tecnoloxías máis avanzadas e a man de obra máis mal paga, cando non escravizada, ou tributaria e xa desposuída dos seus antigos recursos polos sicarios do gran capital e os gobernos aliados subordinados. Como os beneficios de acción formal e legal caben na orde dos delitos para os seus beneficiados principais do centro e a periferia, os grandes bancos, que dominan o sistema, estableceron as súas propias redes de paraísos fiscais, que de paso serven para non pagar impostos ao fisco e agochar os miles de millóns roubados cun efecto coñecido, polo que vellos e novos multimillonarios se enriquecen máis e máis con todo tipo de alianzas e apoios das corporacións e bancos, feitos cos que se converten máis e máis en estados tributarios, que cunha linguaxe enganosa corresponden a crecentes taxas de xuros polas crecentes e impagábeis débedas. Todo iso ocorre nunha recolonización financeira que conta ademais coas empresas cualificadoras, como Moody’s e coas redes de bancos vampiros, dependentes ocultos da gran banca ou de pequenos Shylocks piadosos.

 Eses e moitos outros trazos de dominación e acumulación son os que caracterizan o sistema, e os que este segue defendendo co aberrante pretexto de que corresponden ás máis anovadas e eficaces políticas científicas e á loita pola democracia e a liberdade, argumentos cos que atacan nunha guerra integral, formal a informal, pacífica e violenta, a todos os movementos e países que atentan contra os seus valores e intereses, entre os cales decidiron facer vítima privilexiada o actual goberno de Venezuela.

 O goberno de Estados Unidos -co apoio das grandes potencias de Occidente- lanza hoxe a máis feroz ofensiva contra o pequeno e valoroso país de Venezuela, a cuxo patriótico, rebelde e democrático goberno acusa con indignación e asañamento de oprimir e facer pasar fame ao seu pobo, cando en realidade é un país que co seu goberno e a inmensa maioría dos seus cidadáns está plenamente identificado cunha das máis grandes loitas liberadoras do noso tempo.

 En ofensiva integral e crecente, o goberno de Estados Unidos e o complexo empresarial, militar, político e mediático de que aquel forma parte mostran a mesma saña que, desde 1959, mostraron contra a revolución cubana, e hoxe mesmo non só esperan que a situación lles sexa máis favorábel co crecente peso que o mercado negro adquire, e coa eliminación dos seus necesarios provedores de combustíbeis, que de seguir recibindo poidan permitir a Cuba pasar novamente a un maior desenvolvemento igualitario. Fomentan e toleran, por iso, o crecente mercado negro e crean eles mesmos misteriosos e  non probados ataques con sons criminais que fan vítima a boa parte do persoal da embaixada de Estados Unidos e a ninguén máis dos arredores. Con semellante engano pretenden renovar o medo á veciña ditadura comunista coa que é imposíbel ter boas relacións cabais.

 Paradoxalmente -como xa ocorreu na longa historia do proceso revolucionario en Cuba- hoxe, fronte ao sostido e crecente ataque contra Venezuela, nin o propio pobo venezolano nin o poderoso imperio que, cos seus incontábeis enganos di facer todo o posíbel por salvar o pobo venezolano dunha nova e feroz ditadura, nin o imperio nin o pobo empobrecido e rebelde logran derrocar o criminal e inepto goberno, polo que o imperio se ve obrigado a engadir outro gran engano, sostendo que a situación política de Venezuela representa sobre todo un gran perigo para a seguridade nacional de Estados Unidos.

 Se tamaña argumentación da gran potencia non é do todo nova, pois se antes dicía defenderse do proxecto comunista, hoxe é francamente ridícula, cando na meirande parte do mundo reina o capitalismo, e o goberno de Venezuela está moi lonxe de constituír un perigo para a seguridade de Estados Unidos por oprimir barbaramente -segundo o acusan- o seu propio pobo. En realidade é obvio que o superpoder imperial agocha algo máis baixo a suposta defensa do pobo de Venezuela para o librar dun goberno inepto, represivo e corrompido e para, seica, contribuír a que no país se instale outro goberno que si respecte a democracia e a liberdade do pobo venezolano, tal como a entende o imperio, por exemplo, nos casos de Brasil e Arxentina, onde recentemente, cos tristemente famosos golpes brandos, triúnfe a democracia, ao poñer na cadeira presidencial a un Temer en Brasil e en Arxentina a un Macri, dous connotados millonarios que adquiriron a súa inmensa fortuna con formas ilegais comprobadas.

 O estraño é que semellantes argumentos contra Temer e Macri, no caso de Venezuela, lograron un silencio cómplice e un gran apoio entre as grandes potencias do mundo occidental, dos seus gobernos e os seus medios de comunicación de masas, que en uniforme versión da realidade hoxe, máis que onte, obedecen a unha subsidiada acometida informática favorábel a quen con millóns de dólares subsidia os medios, e que por ter os mesmos intereses que o goberno de Estados Unidos se suma á loita contra o “bárbaro, cruel e inepto” goberno de Venezuela.

 A denuncia da “barbarie” e das “barbaridades” do goberno venezolano contra o seu propio pobo mostran unha estraña coincidencia cos argumentos do goberno actual de Estados Unidos e, de feito, corresponden a unha ben coordinada campaña apoiada tanto en diarias imaxes fotográficas e de vídeo de valentes afeccionados, como en fotos e películas profesionais das grandes canles de televisión, ás que se engaden análises críticas e respectábeis publicadas nas páxinas editoriais dos grandes xornais do mundo, así como comentarios e noticias que os pintan como son en numerosas e non menos globais redes sociais, e mesmo nos apoios que o goberno de Estados Unidos recibe en amplos círculos das súas dependencias, así como nos foros económicos e políticos que defenden os dereitos do ser humano, apoios que se acompañan de certa admiración e gabanza a quen realizou un golpe brando, que a xeito de impeachment estaban até hai pouco por dar en Venezuela… cando, para o desagrado maiúsculo dos apátridas, sufriron unha gran e inesperada derrota cando o goberno venezolano, tan criticado por inepto e autoritario, convocou eleccións xerais para a conformación dun novo congreso constituínte que de verdade represente o pobo e realice eleccións nas que a mafia, supostamente democrática, se nega a participar, con ridículos pretextos de perdedora e sabedores de que só lograrían mostrar nelas contar cunha inmensa minoría e impopularidade cidadá.

 E aquí é o momento de aclarar que outras medidas argallaron o imperio e as forzas oligárquicas empresariais locais e dos países veciños, como Colombia, Brasil e a pequena colonia que conserva Holanda, todas destinadas a desestabilizar e derrocar o goberno inimigo da civilización, da democracia, dos dereitos do ser humano e da seguridade de Estados Unidos. A esa aclaración será necesario engadir outras máis que o imperialismo empregou en intervencións anteriores, especialmente unha que parece perfeccionar co auxilio das tecnociencias da complexidade e da comunicación, que para o caso corresponden á construción mentireira de feitos que comproban as acusacións feitas e outras novas trolas en que aparezan o ineficaz goberno e as súas institucións como o que non son. Tamén se fai necesario descubrir como non se trata só de lanzar enganos e trolas, senón de sementar probas da puníbel, cruel e inescrupulosa política que cae en dereito penal, e dean lugar a un procesamento humanitario e xudicial por xuíces e tribunais que as grandes e humanitarias potencias integran e dominan, e que agora é máis coñecido cando os tribunais do imperio e os seus aliados xulgan os gobernos das nacións recolonizadas.

 Á síntese deses feitos haberá que engadir tamén outra circunstancia significativa, e é que tamaña trola non é só atribuíbel ao goberno de Trump e as oligarquías crioulas, senón que polo menos comezou durante o goberno neoliberal e globalizador de Barack Obama, o que nos obriga a repetir estes feitos para non seguir estendendo a crenza de que se trata da política dun presidente mentalmente insán, senón dunha medida habitual do imperio, falsamente atribuída ao goberno dun doente mental metropolitano, e cando en realidade é unha máis das tradicionais e renovadas intervencións do imperio e os seus aliados e subordinados locais e rexionais.

 Pero mesmo até aquí non lograriamos facer a síntese da maior trola do mundo se non aclaramos que outra gran razón se agocha baixo a nobre loita, pero para preguntarnos: por que tan grandes batallas e tan poderosas forzas, con tamañas técnicas e políticas antigas e modernas agora renovadas e enriquecidas coas novas ciencias e tecnociencias, non lograron derrocar o suposto goberno ditatorial e bárbaro de Venezuela, que destrúe, desgoberna, empobrece e condena á fame o seu propio país? Por que?

 Nunha análise mínima dos intentos de derrocar o actual goberno de Venezuela poden salientarse ademais algunhas das múltiplas razóns e políticas polas que a resistencia venezolana triunfou e seguirá triunfando.

 A exponencial capacidade de resistencia comezou desde que o comandante Hugo Chávez Frías mostrou, nas palabras e os feitos, que a revolución venezolana ten un carácter antiimperialista e anticapitalista e que se debía e podía organizar unha nova forza apoiada polo exército bolivariano venezolano e a cargo dun crecente sistema de poder baseado na estruturación de comunas e de redes de comunas, os seus consellos e comisións promotoras e coordinadoras.

 En Venezuela construíuse xa unha resistencia invencíbel, que o presidente Chávez formulou e o seu sucesor Nicolás Maduro continúa, enriquece, apoia e explica, tanto en cada un dos seus actos de goberno como nos seus discursos e entrevistas. En todos eles aparece con forza a coincidencia que as súas palabras teñen, tanto nos feitos como na estruturación da realidade ética, de que Chávez Frías foi precursor cun novo proxecto de revolución, non só venezolana, senón bolivariana, non só orixinal polo feito de que foi apoiada desde o principio e até o de agora con éxito e crecente poder, tras o errado intento de vez duns militares traidores dominados e encarcerados polo seu propio congruente exército, apoiado por unha inmensa multitude dos pobos que baixaron dos outeiros circundantes de Caracas para liberalo e protexelo, convencidos de que era o máis valioso defensor do pobo cos do propio pobo. Chávez puido continuar así con máis forza, firmeza e apoio un camiño que, entre variacións concretas, ten e terá efectividade universal con aqueles exércitos que se unan por convicción ética e política aos empobrecidos pobos do mundo. Pobos e exércitos que fagan seu o interese xeral poderán construír e construirán outro mundo sen dúbida posíbel, en que a organización da vida e o traballo sexan capaces de alcanzar a práctica concreta da liberdade, a xustiza e unha xenuína democracia estruturada como poder dos cidadáns, en todo diferente á que deixa fóra e mesmo sen o dereito formal de seren considerados como cidadáns os pobres da terra, servos, labregos ou asalariados e outros, que sendo desaparecidos en crecente número foron reducidos á escravitude.

 Se nas alternativas ao mundo actual, o movemento do 26 de xullo en Cuba e o do EZLN en México, abriron camiños de vida, liberdade, xustiza e democracia que son referente universal, a eles engádese hoxe o que en Venezuela iniciou o xeneral revolucionario Chávez, non só ao expresar formas éticas e ideolóxicas das que Nicolás Maduro é fiel e insubornábel herdeiro, senón de formacións de loita en que a moral se fundamenta ou practica coa estruturación nos feitos e vai moito máis aló das palabras sobre unha sociedade libre, democrática e socialista. Vai das palabras aos feitos.

 Así, cando queremos aclarar por que non logrou a gran trola derrocar o goberno revolucionario de Venezuela temos que explorar tanto o novo nos ideais e valores dos insubmisos, como os que se fan realidade na variada organización da resistencia militar, á que se suma a forte e estruturada resistencia intelectual e moral, que fortalece os valores con palabras e feitos.

 A tamaña unión engádense outras forzas non menos importantes, que dun lado inclúen o poder defensivo nesta guerra integral -chamada de cuarta xeración-, cuxo campo de loita abrangue todas as actividades materiais e intelectuais, financeiras, económicas, políticas e bélicas, articuladas entre si, e nas de non menor importancia, que non só respectan e fan respectar as diferenzas relixiosas e filosóficas, senón coas que no caso de Venezuela identifican o seu xeito de pensar coas de crer e facer de dirixentes, como o fixo reiteradamente Chávez, co catolicismo no relixioso, co marxismo no científico e o revolucionario e co liberalismo ilustrado e radical, como o que Bolívar “Pai da Patria” representa en Venezuela, coas ideas que viñeron da Ilustración e da revolución francesa e que en Hispanoamérica se reformularon por Bolívar ao propoñer como meta a alcanzar un goberno en que se estruture a soberanía do pobo, única autoridade lexítima das nacións, e por iso, capaz de impoñer, co seu poder organizado, a máxima felicidade posíbel de todos os habitantes, e capaz de lograr como realidade a unión dos nosos países nunha gran nación que os inclúa.

 Chegados a este punto, podemos trazar un esbozo mínimo dunha visita real a unha pequena cidade que xa se atopa no seo da nación venezolana. Trátase dunha cidade na que o poder político e todas as actividades desta están a cargo dunha comuna de comunas. Vemos así que nela cada comuna ou grupo de comunas e o seu labor coordinador acordad construíron as súas casas e os cuartos onde dormen, se asean e traballan, con materiais e instrumentos que saen do cerebro e os brazos dos seus habitantes. As distintas comunas cultivan os seus alimentos necesarios, como o pan, as verduras, as froitas, as carnes de gando menor, máis abundantes das que proveñen do gando maior e as que obteñen dalgunhas aves como as galiñas, ou a auga que beben e extraen dos pozos que cavaron e purificaron, en que atendendo a útil división do traballo os leva a completar o necesario co troque e os seus mercados, nos que ademais do troque usan a criptomoneda chamada petro, que emite o Estado venezolano e xa foi aceptada no mercado internacional por algúns países de Oriente. Á organización do mercado engaden a de varias comisións destinadas a atender os problemas de saúde, gardería e educación de nenos ou de mozos e adultos, e nese terreo destaca un incríbel proxecto, o da formación de cadros revolucionarios e dunha forza defensiva que está preparada para se coordinar co exército nacional bolivariano. O número dos continxentes preparados e armados alcanza a cifra de 400.000 mozos de ambos os sexos, adestrados polas comisións dos comuneiros da nación venezolana. Deles, 200.000 están adestrados e armados para a loita; outros 200.000 están adestrados, e aínda que carecen de armas, vitalmente participan na defensa da Patria, para que, conforme os que xa están armados perdan a vida na batalla heroica, eles fagan uso das súas armas. E alí non queda o proxecto, senón que segundo soubemos ten como meta alcanzar un continxente próximo a un millón de integrantes…

 Moito se podería contar da nosa visita a esta cidade das comunas, pero non hai dúbida das súas capacidades concretas para enfrontar as políticas con que onte o imperialismo derrocou a Salvador Allende e con que ameaza destruír a Venezuela: xa nin unha pode funcionar, nin a depreciación da moeda nin o agochamento de víveres nin moito menos o exército bolivariano nas antípodas do pobre diaño de Pinochet.

 Xa pode a maior trola do mundo seguir armando crecentes formas de ataque, como a que busca cos países que mandan aos seus seguros e servís xefes de Estado á reunión do Ministerio das Colonias e apoien en realidade a maior mentira do mundo para se apoderar da maior reserva de petróleo do mundo. Agora si, nos feitos, non pasarán!

 

[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 14 de abril de 2018]

Volver