A maioría do comité de ZF Dalphimetal promove protestas pola paralización da negociación colectiva

A dirección négase a presentar máis propostas alegando que as posturas se atopan demasiado lonxe
Vigo - 17 Xan 2022

A maioría do comité de empresa de ZF Dalphimetal, compañía da automoción con sede no polígono vigués do Caramuxo, acordou promover mobilizacións ante a paralización da negociación colectiva despois de que a dirección comunicase que non vai presentar máis propostas alegando que as posturas se atopan demasiado lonxe.

Dende a sección sindical da CIG en Dalphimetal explican que nun primeiro momento a empresa non tiña intención de negociar a renovación do convenio -que leva caducado dende 2019- senón unicamente a actualización salarial, pero a presión da representación sindical obrigouna a negociar o convenio na súa totalidade. “CCOO mantívose á marxe en todo o proceso porque lle valía a proposta da empresa, pero o resto -CIG, UGT e CUT- forzámola a sentarse”. 

As mobilizacións serán os mércores 19 e 26 de xaneiro e 2 e 9 de febreiro

Mais a última proposta de suba salarial non satisfai en absoluto as pretensións do cadro de persoal, xa que a empresa pretende un incremento de soldos do 0% para 2020, do 1% en 2021, do 0,25% en 2022 e do 1,50% en 2023. “Isto supón que en catro anos os salarios subirían unicamente un 3,75%, unha cantidade claramente insuficiente tendo en conta o incremento do custe da vida neste período”.

Unha vez que a parte social rexeitou a proposta, a empresa comunicou que non vai achegar máis propostas, alegando que as posturas se atopan aínda moi lonxe do acordo. En consecuencia, a representación sindical optou por promover a convocatoria de mobilizacións, que comezarán este mércores 19 de xaneiro diante das dúas entradas da empresa (rúa Ricardo Mella e Avenida do Caramuxo) de 13:00 a 15.00 horas, e que terán continuidade os mércores 26 de xaneiro e 2 e 9 de febreiro.