A maioría do persoal da empresa de Costiña secunda o paro de catro horas convocado este martes

O Comité de empresa denuncia reiterados incumprimentos salariais
A Mariña - 18 Set 2019

O Comité de empresa de Costiña convocou para este martes un paro de catro horas, que foi secundado pola maioría dos 65 traballadores da empresa, para denunciar os reiterados retrasos no pagamento das nóminas por parte da empresa.

O paro tivo lugar en dúas quendas, dende as once e media da mañán á unha media da tarde e dende as dúas até as catro da tarde. Durante ese tempo os traballadores, que se mantiveron nas instalacións da empresa, atenderon as explicacións do comité e de representantes da CIG e decidiron as vindeiras medidas a adoptar de seguir coa situación de retrasos nos pagamentos.

Folga todos os meses

Entre outras cuestións acordaron convocar folga todos os meses até que a empresa se comprometa a ingresar a nómina “cando menos antes do día quince de cada mes, xa que o cumprimento estrito do convenio, que fixa os seis primeiros días do mes para pagar, semella moi difícil” aseguran dende o comité de empresa.

“Dende o comité non quixeramos ter chegado a esta situación. Levamos moito tempo así e a xente xá vai cansada de incumprimentos por parte da empresa. Os recibos chegan ao banco e nós temos que cumplir. Tivemos moita paciencia, a empresa sábeo ben, mais a paciencia estásenos a acabar e, diante da actitude da empresa temos que tomar medidas” advirten dende o comité.