A maquillaxe verde do capitalismo e a súa esencia depredadora

Cecilia Zamudio - 27 Set 2019

Non hai solución á devastación da natureza dentro do capitalismo. Ante a traxedia palpábel de continentes de plástico flotando nos océanos, da deforestación vertixinosa de bosques milenarios, dos glaciares depredados, de ríos contaminados e desecados, de montes devastados pola megaminaría, etc., o cinismo dos amos do mundo é descomunal

 Os verdadeiros ambientalistas deste mundo son os pobos en loita contra a depredación que perpetran as multinacionais: os que entregan as súas vidas polas súas comunidades, polas montañas e ríos. Cada mes, ducias deses verdadeiros ambientalistas son asasinados nos seus países: as balas dos sicarios do capitalismo transnacional rebentan as súas cabezas cheas de honestidade e loita, e morren coas mans limpas, unhas mans que endexamais estreitarían as mans infames do FMI, nin as dos demais vampiros do planeta. A clase explotadora e o seu sistema capitalista perpetúase con base no exterminio e a alienación: con base na violencia, e tamén na mentira que impón a través dos seus medios masivos.

 En diversas fotos apréciase a Greta Thunberg, o novo personaxe hiper-mediatizado polo aparello cultural do capitalismo, xunto coa directora do FMI e candidata ao BCE, Christine Lagarde (o FMI, esa institución do capitalismo transnacional que depreda a natureza e condena á fame pobos enteiros): un entrelazo de mans que ilustra moi ben a felicidade dos amos do mundo ao saudar a quen ben os serven na importante tarefa de penetrar todas as loitas con cabalos de Troia que encausen as enerxías cara a becos sen saída, que manipulen as maiorías en pseudoloitas que non vaian nunca tocar a raíz dos problemas, e polo tanto non os solucionen. O capitalismo que está acabando coa natureza non é cuestionado pola fábula de Greta. O planeta morre e seguen co seu pan e circo. Cinismo absoluto.

 A televisión, a prensa, a industria cultural, están en mans de monopolios privados no capitalismo: eses monopolios adoitan tamén ter capital no complexo militar industrial, no agroindustrial, na industria química e farmacéutica, etc... Todo o anterior explica a razón de que os medios masivos non televisan a ninguén que cuestione realmente os seus intereses: ninguén que cuestione a perpetuación deste sistema, que cuestione ao capitalismo, recibirá tal hiper-mediatización.

 A depredación da natureza débese ao modo de produción capitalista: o agroindustrial intoxica a terra, a megaminaría devasta montañas e ríos, etc. O sobreconsumo é un fenómeno teledirixido polo aparello cultural do capitalismo, polo bombardeo publicitario. A obsolescencia programada, mecanismo perverso de avellentamento prematuro das cousas, implementado adrede no modo de produción capitalista, tamén lle garante á burguesía que as masas sobreconsuman, porque así é que a burguesía enche as súas arcas: en base á explotación contra as e os traballadores e en base á devastación contra a natureza.

 Non hai solución á devastación da natureza dentro do capitalismo. Ante a traxedia palpábel de continentes de plástico flotando nos océanos, da deforestación vertixinosa de bosques milenarios, dos glaciares depredados, das napas freáticas e ríos contaminados e desecados, de montes devastados pola megaminaría, do uranio empobrecido co que o complexo militar industrial bombardea rexións enteiras, dos niveis de CO2 en claro aumento, o cinismo dos amos do mundo é descomunal. Como se suscitasen o seguinte:

«Non se pode tapar o sol cun dedo, é dicir, xa é inocultábel a devastación do planeta que os grandes capitalistas estamos perpetrando; agora ben, o que si se pode facer para seguir depredando e capitalizando, é mentir sobre as causas profundas e sistémicas do problema. O importante é que non se nos sinale a nós como os responsábeis, que non se nos sinale os propietarios dos medios de produción, os que decidimos que se produce, baixo que condicións e a que ritmo, os que nos enriquecemos mediante o saqueo da natureza e mediante a plusvalía que lle sacamos ás e aos traballadores, os que decidimos como debe comportarse a poboación, xa que a inducimos ao sobreconsumo que nos enriquece a nós, e inducímola a non cuestionar este sistema que tanto nos convén a nós como minoría dominante. O finxir que nos preocupa o planeta, dará moi bos réditos, abonda cunha boa operación de propaganda a nivel mundial, que se nos vexa escoitando a algún símbolo que creariamos previamente, algo que non nos cuestione como clase dominante, como clase explotadora, e que non cuestione en definitiva este sistema».

 Pero a gangrena non se cura con esparadrapos, e obviamente a depredación do planeta non se freará cos placebos que o mesmo sistema ofrece para dar canle ao descontento social cara a becos sen saída.

 Greta e o seu grupo apelan ás supostas "calidades morais" dos amos do mundo, apelan á súa suposta "boa vontade"; unha vez máis entramos na fábula anestesiante que finxe ignorar que no capitalismo a acumulación de riquezas a perpetran os grandes capitalistas de dous xeitos fundamentais: a explotación contra as e os traballadores e o saqueo da natureza. Nesta fábula do GreenWashing (lavado verde) fálase fraudulentamente da existencia dun suposto "capitalismo verde", algo totalmente imposíbel pola lóxica mesma do sistema. Non é posíbel un "capitalismo verde", como non é posíbel un "capitalismo con rostro humano", como non é posíbel un león vexetariano. E iso simplemente porque cando falamos deste sistema económico, social, político e cultural que é o capitalismo, falamos dos mecanismos inherentes á súa lóxica: ca-pi-ta-li-zar.

 E aos que veñan coa fraude de que "os países nórdicos son grandes exemplos de capitalismo bo e verde", cómpre dicirlles que mellor llo pregunten a unha vítima dos masacres que as grandes empresas nórdicas fomentaron no Congo para poderen saquear até os miolos o Coltán e outros recursos. Coñecen de algo Ericsson, Saab, Volvo, Bofors (armas), Nammo (armas), Kongsberg (armas), Ikea, H-M, etc.? Nin moi "verdes" nin moi "humanas" no que a explotación e devastación contra as e os traballadores e contra a natureza se refire. Ah, que se se logra externalizar fóra do país todo o sumidoiro das prácticas que enriquecen unha multinacional, entón non se ten en conta este sumidoiro? E a incalculábel cifra de negocios das empresas suecas, norueguesas e finesas por mor da venda de armas, e a súa lucrativa participación en toda nova invasión da OTAN, tampouco será mostrada na fábula, non si?

 Non é posíbel un "capitalismo verde", como non é posíbel un "capitalismo con rostro humano", como non é posíbel un león vexetariano. Porque a explotación e a depredación son inherentes ao capitalismo. Agora ben, o que si é posíbel é maquillar o mesmo rostro inhumano e nada verde do capitalismo, con toneladas de maquillaxe para que pareza o que non é. Pero un león cunha máscara de cebra, non será nunca vexetariano como o personaxe da súa máscara, así como un sistema como o capitalismo, non será nunca "verde" como as máscaras que de si mesmo mediatiza o mesmo sistema. Grandes multinacionais enerxéticas, depredadoras por excelencia da natureza, axitan logos de colibrí ou de fauna mariña. A BMW e un banco suízo financian o barco co que Greta suca os mares: Será entón menos contaminante, menos infame, o proceder da BMW ou do banco suízo?

 Por outra banda, no discurso do GreenWashing culpabilízase a todos por igual, e ao final... «se todos somos culpábeis ninguén o é de xeito específico», o que é un xeito de diluír responsabilidades, de non sinalar os principais responsábeis desta barbarie: os grandes capitalistas, a burguesía transnacional.

 É verdade que o sobreconsumo non se limita á burguesía, porque aínda que esta pode consumir moitísimo máis e xera un desbaldimento brutal, a clase explotada tamén foi alienada polo bombardeo publicitario, para levala a sobreconsumir, aínda a custo de contraer débedas. Pero unha vez máis, hai unha cuestión de clase: porque é a clase explotadora, a que posúe os medios de produción e propaganda, a que impón a súa hexemonía ideolóxica e cultural a todo o planeta, é a clase explotadora a que aliena a clase explotada a través dos medios masivos da súa propiedade. É mediante a alienación que a clase explotadora dirixe a clase explotada cara ao sobreconsumismo, diríxea mediante o bombardeo publicitario e mediante os paradigmas que impón o aparello cultural do capitalismo (individualismo, consumo presentado como "compensatorio", noción de "éxito" relativa ao ter e non ao ser, etc.). A obsolescencia programada (avellentamento prematuro das cousas) tamén lles garante aos grandes capitalistas que as masas sobreconsuman, para encher as súas contas bancarias mentres devastan o planeta.

 No 2019, as 26 persoas máis enriquecidas do mundo teñen a mesma riqueza coa que malviven os 3.800 millóns de persoas máis empobrecidas, a metade da poboación mundial (Oxfam). Un mangado de multimillonarios posúe os principais medios de produción e medios de propaganda e difusión. O 1% da poboación mundial posúe o 82% da riqueza mundial. A base de datos de consumo de enerxía eléctrica per capita evidencia que son Europa, Estados Unidos, Canadá e demais metrópoles capitalistas, as que consumen, e de lonxe, a inmensa maioría da enerxía consumida a nivel mundial.

 No discurso da Máscara Verde equipárase a depredación que cometen os grandes capitalistas, as xigantescas empresas que secuestran ríos enteiros para a megaminaría, cos pobos que son as súas vítimas. Equipárase vítimas con vitimarios nese abxecto discurso do "todos somos culpábeis", que non fai distinción ningunha, nin de clases sociais, nin entre grupo de países que consumen o 80% dos recursos do planeta (Estados Unidos, Europa, Canadá, Xapón, Australia e demais metrópoles capitalistas) e todos os demais países do mundo (a inmensa maioría) que sobreviven co 20% restante. No discurso da Máscara Verde non se fala de metrópoles capitalistas que sobreconsumen, versus periferias capitalistas que son concibidas polo capitalismo transnacional como simples "adegas de recursos" e saqueadas até o fondo, cun impacto ecolóxico devastador e un impacto social de empobrecemento, tampouco se di que o saqueo é perpetrado asasinando a toda persoa ou comunidade que alce a súa voz contra o saqueo capitalista.

 Equipárase multinacionais depredadoras cos pobos que estas exterminan. Collamos como exemplo o que cometen a Anglo American, a BHP Billiton e a Glencore ao desviar todo un río para usar a auga na mina de carbón máis grande do mundo, a mina do Cerrejón en Colombia, o que causa seca, ecocidio, fames e xenocidio contra un dos principais pobos indíxenas de Colombia: os wayú. Máis de 14.000 nenos wayú morreron de fame e sede por causa do saqueo capitalista que perpetran esas tres multinacionais. O carbón que se extrae por toneladas é levado a Estados Unidos e Europa principalmente. Así que non, non somos "todos culpábeis por igual". Non é igual de culpábel unha familia traballadora que un capitalista. Non é igual de culpábel a multinacional Glencore que o pobo Wayú padecendo exterminio. Non son culpábeis as e os miles de loitadores sociais, ecoloxistas verdadeiros, que son asasinados a diario polas balas dos sicarios do capitalismo transnacional; pero en cambio si son culpábeis os que saquean o planeta e pagan sicarios para exterminar toda oposición ao saqueo capitalista.

 Polas nosas mortas e mortos, nin un minuto de silencio ante a barbarie e a farsa coa que pretenden encubrila: máis de 1.500 campesiños, indíxenas, afrodescendentes, ambientalistas, loitadores sociais, asasinados en Colombia polo capitalismo transnacional en cinco anos, outros miles en México, outros tantos en diversos países de África, Asia e América Latina... E véñennos coa súa fábula da nena das trenciñas, que NON cuestiona o sistema capitalista e é hiper-mediatizada, coa súa montaxe que fede a paternalismo eurocentrado, co seu decorado que fede a cinismo, co seu teatro que fede a finxir para que todo siga igual.

 Están experimentando para ver até que punto tragamos todas as súas montaxes co sorriso parvo, mentres que eles, os membros da clase explotadora, seguen depredando montañas e ríos, océanos e bosques, seguen perpetrando ecocidios e xenocidios, seguen empurrando millóns de desposuídos aos camiños do éxodo, seguen transformando o planeta nunha lixeira e os seres humanos en alienados (e ao que non se deixe alienar, e pretenda loitar por fóra dos trazados do inútil, aséstanlle a bala paramilitar e militar, ou a persecución política e o cárcere).

 «Mentres teñamos capitalismo, este planeta non se vai salvar; porque o capitalismo é contrario á vida, á ecoloxía, ao ser humano, ás mulleres», expresaba Berta Cáceres, auténtica ambientalista e loitadora social hondureña, asasinada por se opoñer ao saqueo capitalista. Chico Mendes, outro auténtico ambientalista, defensor da Amazonia e loitador social asasinado para calar a súa voz de consciencia de clase, para intentar frear a organización política dos desposuídos, xa sinalaba, antes de ser asasinado, as imposturas do "GreenWashing" (que daquela non se chamaba con ese termo, pero que xa existía). Contra o capitalismo e a súa Maquillaje Verde, tamén alzara a súa loita Macarena Valdés, ecoloxista mapuche asasinada por defender a natureza e a comunidade, por se enfrontar á multinacional RP Global, de capital austríaco, que promove a enerxía que vende como "renovábel e sustentábel", tras participar do ecocidio e xenocidio contra o pobo mapuche. As e os loitadores contra a depredación da natureza son miles, as súas voces non son mediatizadas, as súas vidas adoitan ser curtas porque son truncadas polas ferramentas represivas ao servizo do capitalismo transnacional.

 E se algún país pretende nacionalizar os recursos naturais e non permitir que as multinacionais os saqueen, bombardéano nas súas guerras imperialistas, invádeno, introdúcenlle mercenarios fanáticos relixiosos incubados desde o imperio, tortúrano, martirízano, impóñenlle réximes sanguinarios (onde están eses falsos "ecoloxistas" do sistema cando o imperialismo estadounidense e europeo masacra natureza e pobos en Iraq, Libia, Colombia, Afganistán, Iemen, etc.? Ah... Que aí non está a súa "pseudoprotesta" non?... Abofé, os monicreques ao teatriño, a enganar incautos, a facer que as miles de persoas que foron (e son a diario) asasinadas polo capitalismo transnacional por verdadeiramente defenderen o planeta en primeira liña, sexan máis silenciadas aínda no medio de toda a cacofonía, da hiper-mediatización da ficción. Pero a loita segue, contra o capitalismo e a súa barbarie, porque a cosmética coa que pretenden tapar o seu cheiro, moitas e moitos non tragamos con ela.

 

[Artigo tirado do blog da autora, do 26 de setembro de 2019]