A Mariña reclámalle ao Partido Popular “menos mariscadas e máis sanidade”

Continúan as mobilizacións para reclamar que a comarca volva ser unha área sanitaria
- 03 Mai 2018

Veciños e veciñas da Mariña continúan coas mobilizacións contra a reforma da Lei de Saúde imposta polo PP que suprimiu esta área sanitaria, pasando a converterse así nun distrito de Lugo. Dende que a Xunta anunciou o pasado mes de agosto a modificación da lei, usuarios/as e traballadores/as están desenvolvendo un intenso calendario de protestas, no que os delegados e delegadas da CIG-Saúde participa de xeito activo, e cada semana concéntranse diante do Hospital da Costa e dos centros de saúde para esixir que a Mariña volva ser unha área propia con capacidade de xestión e recursos.

Este mércores as protestas trasladáronse ás portas do Concello de Viveiro, onde os veciños e veciñas recibiron os concelleiros e concelleiras do PP que acudían ao pleno municipal entre apupos e berros de “Menos marisco e máis sanidade”. Querían amosar así indignación pola mariscada que celebrou hai uns días o Partido Popular na comarca e á que acudiron o conselleiro de Sanidade e o xerente provincial da área sanitaria, “mentres cada día estanse derivando máis pacientes a Lugo cidade e á Coruña para probas e intervencións cirúrxicas que antes se facían no Hospital da Costa, ou mesmo para facer unha simple “placa dental” (unha sinxela radiografía) para o que é necesario tamén desprazarse a Lugo”, alerta a CIG-Saúde.

Unha reforma para beneficiar a privada

Dende a Plataforma lembran que a dependencia orgánica que teñen os centros da Mariña do Hospital de Lugo implica a centralización dos servizos na capital da provincia e a conseguinte perda de servizos e especialidades en Burela, así como desprazamentos constantes da poboación, “nalgúns casos a máis de hora e media de viaxe para realizar probas e consultas que até agora facían nas súas comarcas”. 

Os grandes beneficiados da reforma sanitaria impulsada polo PP son os hospitais privados da cidade de Lugo. A conta de resultados dalgúns destes centros, como POLUSA ou a Nosa Señora dos Ollos Grandes, que curiosamente acometeu recentemente unha importante reforma das instalacións, non paran de medrar a medida que se reduce a carteira de servizos do hospital de Burela.

O PP “non convence”

“No PP aplicaron a supresión da nosa área sanitaria, pero saben que perderon porque non teñen o apoio veciñal. E cada día van ter enfronte a máis veciñanza defendendo a sanidade pública, universal, gratuíta, de calidade e de proximidade polo que a aprobación da reforma sanitaria non vai ser o punto e final, senón un punto e seguido na loita en defensa da sanidade pública da comarca”, afirman.

Na concentración criticouse que o PP de Viveiro teña apoiado esta reforma negándose a garantir os servizos sanitarios, tal e como solicitaban as veciñas e veciños, porque están “obsesionados con recortalos e facer negocio”. Advertiron que esta reforma diminúe os servizos e vulnera o dereito á igualdade na atención sanitaria. Neste senso, Lembraron que o PP “sempre se opuxo a defender a sanidade pública, tanto no debate da Lei Xeral da Sanidade de 1986 como na transferencia da sanidade a Galiza en 1989 ou na Lei de Saúde de 2008 que veñen de reformar".