• Nova

A mediación do CGRL para intentar resolver o conflito dos SAF celebrarase este martes 29 en Santiago

A CIG-Servizos agarda que CCOO e UGT confirmen nesa xuntanza que non van asinar o convenio e que se retome a negociación
Nacional - 25 Nov 2022

O Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) vén de confirmar que a mediación para intentar resolver o conflito aberto nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) terá lugar o vindeiro martes día 29 en Santiago. A CIG-Servizos agarda que nesa xuntanza, fixada para as 10:30 horas, CCOO e UGT anuncien que non van asinar finalmente o convenio colectivo pactado coa patronal o pasado 20 de outubro e que motivou unha convocatoria de folga indefinida.

Na central sindical confían en que os dous sindicatos estatais desistan de ratificar un preacordo que a CIG considera insuficiente e discriminatorio -xa que non dignifica as condicións laborais e establece unha dobre escala salarial-, o que permitiría volver a convocar a mesa de negociación.

En caso contrario, de efectivizarse a sinatura, a central sindical optará por convocar asembleas de traballadoras para decidir os seguinte pasos a dar na defensa dunhas condicións laborais dignas e para rexeitar un convenio que aboca as empregadas do sector á precariedade e á pobreza.

Consolidar a precariedade

Xa que, tal e como sinalan dende a CIG-Servizos, ademais de que o convenio do sector leva sen actualizarse dende 2011, a patronal pretende agora non só consolidar a precariedade ao non garantir sequera o mantemento do poder adquisitivo cunhas subas salariais acordes ao IPC, senón que incluso busca crear unha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas en función de cando se liciten os contratos.

En consecuencia, a central sindical iniciou unha folga indefinida nos SAF de toda Galiza o pasado 2 de novembro, que está a ser secundada por un amplo número de traballadoras a pesar dos elevados servizos mínimos. Neste tempo as afectadas está a desenvolver tamén unha intensa campaña de mobilizacións, con concentracións, manifestacións a accións reivindicativas diarias en numerosas localidades do país, dando un auténtico exemplo de capacidade de loita e de dignidade obreira.