A mobilización do persoal leva o Ministerio de Defensa a presentar unha mellora salarial para este ano

A representación da CIG insta o persoal a seguir na loita para acadar un incremento xusto
Nacional - 10 Nov 2025

O pasado venres, o Ministerio de Defensa comunicaba que a autorización para ofrecer ao persoal funcionario unha mellora salarial para este ano 2025 nos mesmos criterios aprobados para o persoal de réxime laboral: unha suba con carácter extraordinario e só para este ano, de 2.400 euros brutos, a facer efectivos nas nóminas de novembro e decembro en concepto de produtividade obxectivos do departamento.

A representación da CIG entre o persoal civil do Defensa recibe esta comunicación “con moderada satisfacción” por canto entende que é un primeiro paso que reafirma que só a través da mobilización se pode rematar coa situación inxusta xerada polo propio Ministerio ao subir o salario do persoal militar e excluír desta mellora ao persoal civil. E neste sentido, parabenizan as traballadoras e traballadores pola súa loita en defensa dos seus dereitos.

“A CIG entende esta nova decisión ministerial como a rectificación do acordo acadado co resto de organizacións sindicais da Mesa Xeral de Negociación de Defensa (CSIF,CCOO,UGT), escenificado na reunión do 17 de outubro en Madrid, pois foi o único sindicato que se opuxo de maneira vehemente á certificación dunha nova discriminación entre o persoal civil”, aseveran.

Por esta razón, rexeitan o papel desempeñado por estas centrais que optaron “por unha complicidade infame co ministerio” no canto de defender unha suba digna para un persoal “que leva anos demandando un complemento salarial que permita reverter a situación da baixa calidade retributiva deste colectivo”.

Tendo en conta a nova situación, a representación da CIG reafirma a vontade de continuar coa manifestación convocada en Ferrol para este xoves 13 de novembro “e a participar nas reunións da Mesa Xeral de Negociación até conseguir rematar coa discriminación que orixinou este conflito”.

Así mesmo, vaise solicitar da Subdirección Xeral de Persoal Civil a convocatoria dunha Mesa Delegada cun único punto da orde do día a tratar -as retribucións do persoal civil do Ministerio-, “pois consideramos que as cuestións retributivas deben ser materia de negociación coa representación sindical e non unha mera decisión unilateral do Ministerio”.

A central fai un chamado as persoas traballadoras a continuar a mobilizarse “até lograr blindar esta suba salarial aprobada para este ano e que sexa de aplicación a todo o persoal civil independentemente do seu réxime xurídico (laboral, funcionario ou estatutario)”.