A nefasta coherencia da Unión Europea

Yamani Eddoghmi e Alessandro Faggiano - 24 Ago 2020

O proxecto europeo foi basculando entre o ordoliberalismo alemán, coa súa obsesión pola libre competencia, o control do déficit e a débeda e por suposto unha política monetaria controlada que cristalizou na creación do euro, e o neoliberalismo e o seu ideal do laissez-faire laissez-passer que concibe o mercado como un ente case divino capaz de se autorregular por si só, malia que a experiencia demostrou todo o contrario

Seguramente moitos e moitas de nós chegamos algunha vez a pensar que a Unión Europea (UE) é inxusta. Nomeadamente cos países do sur ou periféricos. Probablemente como cidadáns e cidadás do sur doeunos a expresión PIGS posta en ciruclación durante a crise do 2008. En realidade, a UE non está feita para ser xusta senón para ser coherente cos seus postulados, obxectivos e sobre todo ideais fundacionais. Sexamos sinceros, a UE naceu como mercado, como un club económico e como un dos eixes fundamentais do capitalismo mundial e da economía de mercado. E logo o capitalismo e o mercado perseguen a xustiza social? Debido a esta pegada xenética de partida, o desenvolvemento das estruturas comunitarias produciuse de xeito harmónico e coherente. O momento fundacional é determinante, xa que é o instante en que se configuran os valores que caracterizarán o seu futuro.

 O que hoxe coñecemos como UE créase en 1957 con dous obxectivos principais: O primeiro e máis importante é recuperar, reconstruír e expandir o mercado interno devastado pola guerra; o segundo é ofrecer unha alternativa ao modelo soviético que daquela exercía unha enorme atracción sobre moitos sectores da poboación europea e sobre unha esquerda forte e moi ben organizada.

 Se botamos a vista atrás e deixamos de lado o romanticismo europeísta vemos que o proxecto europeo nunca tivo aspiración social ningunha e as poucas políticas sociais que existen as foron incorporando de mala gana. Na súa fundación, a UE foi inspirada claramente polo ideal ordoliberal alemán, xa que o que pretendía era crear un mercado interior común fortemente organizado desde os Estados membros a través de acordos vinculantes facendo da libre competencia, do control da moeda e a débeda os alicerces fundamentais de toda a actividade económica. Máis tarde coa crise enerxética dos setenta e o triunfo do ideal neoliberal con Margaret Thacher e Ronald Reagan a UE lanzouse de cheo aos brazos do mercado desregulado. As empresas propuxéronse recuperar os beneficios perdidos durante a década anterior a custa das clases traballadoras que perderon a maioría dos logros das décadas anteriores. Máis tarde, coa crise do 2008, de novo volvemos ver o ideal ordoliberal asomando. A Alemaña de Merkel tomou o control da UE e así empezou un novo e forte intervencionismo das economías, nomeadamente dos países do sur de Europa, levándoas case até a extenuación cunha redución de condicións de vida da clase traballadora nunca vista antes. Ese intervencionismo, en principio incoherente cos postulados do neoliberalismo, Ropke, un dos pais do ordoliberalismo, denominábao “a intervención estatal de acomodación2.

 Este verán a UE por fin logrou articular unha folla de ruta para afrontar as terríbeis consecuencias da pandemia da covid-19. Desde as crises anteriores de 2008 e 2010, o proxecto comunitario na súa narrativa foise esvaendo marchas forzadas nos Estados periféricos da zona euro. A consumación do Brexit fixo o demais, aínda que clarificou o panorama. A expansión do coronavirus fixo inintelixíbel o esbozo do relato. Por suposto para as elites en ningún caso se pode falar de fracaso. A frustración e tristeza dos países do sur, non é a das súas elites, que sen dúbida saen gañando, como fixeron sempre. Así se puido apreciar na cimeira do Consello Europeo que deu lugar ao Fondo de Reconstrución e que, máis aló dos triunfalismos, achega a contía que recibirán sobre todo os Estados do sur, deixan o Estado español e Italia moi lonxe das cantidades que solicitaran para reconstruír as súas respectivas economías. Cómpre lembrar que o Banco de España calculou que a contía do fondo debería nutrirse de entre o billón e os 1,5 billóns de euros como inicio para conter o desastre. A aqueles países que quixeron denigrar co cualificativo PIGS, quédalles entre as poboacións asalariadas, a resignación. O que se cadra non resulte unha novidade. A pobreza laboral no Estado español é un dos claros exemplos. Antes que a covid-19 cambiase a vida planetaria, practicamente co 13 por cento de taxa de pobreza laboral o Estado español era terceiro país cos índices máis elevados neste aspecto de toda a UE.

 Realidade que vai da man da precariedade que padecen as mulleres. Ben entrado o século XXI ocupan preto do 56 por cento dos empregos que xera o sector de hostalaría, restauración e turismo; e cerca do 90 por cento das tarefas do fogar e os coidados. É dicir, os sectores que evitaron que o coronavirus fose máis letal; e que no verán volveron operar contan con man de obra feminina precarizada e mal paga. Non se pode desligar da construción europea, nin do reparto que no Estado español tres de cada catro persoas cun traballo parcial involuntario son mulleres, nin que na UE teñan o dobre de posibilidades de desempeñar un emprego a tempo parcial non desexado fronte aos homes. É a exemplificación, por unha banda, do paradigma neoliberal -coa súa aposta pola pauperización da clase traballadora, a precarización e as privatizaciones- e, por outra, o mantemento das relacións de poder existentes entre clases e sectores. Falamos de que cada grupo social - definido pola súa condición socioeconómica, de xénero, étnico-racial, etc.- ten o seu propio papel e funcionamento dentro da maquinaria europea. Esta visión pódese estender até os mesmos Estados Membros da Unión, despois de que cada un ten un papel específico (normalmente asignado polos mesmos países que guían o espazo comunitario). Así se constrúen e debuxan relacións funcionais do proxecto tanto no plano intraestatal como no interestatal.

 Trátase do modelo social europeo, que non é outro que o capitalismo social de mercado ordolibral, o mesmo que causou que no Estado español un terzo das persoas pobres traballen xornadas completas sen poder, con iso, superar a súa situación de miseria. Convén lembrar que os da escola de Friburgo non teñen problema ningún con que haxa una certa desigualdade social, mesmo a consideran beneficiosa, xa que segundo eles constitúe un dos motores máis potentes do progreso; feito que resulta coherente coa súa idea da libre competencia. Outro das teimas dos ordoliberais é acabar cos sindicatos a través da política da liberdade contractual; para eles a sindicalización achega as sociedades ao ideal comunista, un feito do todo inaceptábel para as sociedade de Monte Pelèrin da que forman parte xunto cos neoliberais clásicos como Friedrich Hayek. Só así se entende o modelo dos minijobs de Alemaña que se introduciu nos demais países da Unión e a reforma laboral do goberno de Mariano Rajoy no Estado español que aínda lastra as condicións laborais de miles de traballadores e traballadoras deste país e a enorme dificultade á hora de intentar cambiala.

 Os países que nun inicio formaron parte da CEE, desde os anos 70 responden ás crises de rendibilidade con axustes, privatizacións de bens e servizos estatais, así como desregulacións dos mercados financeiros nacionais, internacionais, e do mercado laboral. Os gobernos da UE abordaron as crises derrubando os logros de décadas do movemento obreiro na que se socializan as perdas e privatizan os sectores rendíbeis. “A UE de hoxe foi seguindo aquelas estratexias e políticas que conviñeron en cada momento aos poderes dominantes, cambiando sempre que lles conveu”.

 Outro dos fitos, sen dúbida, é o Tratado de Maastricht que consolidou os soños das elites do continente, á calor do colapso da URSS e as repúblicas socialistas do Leste, a crise da socialdemocracia, e as confusións da esquerda coa ladaíña de que só fomentando a competitividade e outorgando o papel central ao mercado como regulador absoluto se obtería o pleno emprego. Poucos alzaron a voz contra ese sen sentido, un deles foi o economista Pedro Montes, quen se atreveu a cuestionar daquela a Europa de Maastricht. “Non é viábel. Nin é un proxecto necesario nestes momentos de crise. Nin, por suposto, é unha Europa idílica como soñan inxenuamente algunhas comentes da esquerda. A Europa do mercado e a moeda única é unha Europa con millóns de parados e na que non pode sobrevivir o Estado do Benestar”. E canta razón tiña, hoxe coa perspectiva do tempo resulta obvio pero non facía falta esperar tanto para se decatar de que aquilo era un verdadeiro engano para as clases populares e unha verdadeira ganga para as elites económicas europeas.

 A trampa da competitividade, disfrazada de europeísmo, significa para os países periféricos o empeoramento das condicións de vida, a perda de dereitos laborais, os ataques aos Estados e sociedades do benestar. Chegados a este punto cómpre lembrar que aínda que é certo que os ordoliberais defenden a idea dun “Estado forte” que intervén para salvagardar os mecanismos da competencia, un feito manifesto na UE, no referente ao Estado do Benestar considérano do todo inaceptábel xa que para eles a alta burocratización das nacións levaría irremediabelmente a sociedades autocráticas, de feito algúns dos seus expoñentes esforzáronse en desvincular a protección social do ideal socialista e vinculala co humanismo cristián. Deste xeito enténdese mellor a enorme aversión das elites e aos seus acólitos á expansión do funcionariado e o seu desexo de reducir ao máximo a Administración Xeral do Estado [...]

 A narrativa da UE como proxecto próspero e democrático que calou a finais do pasado século. A tripla lexitimidade que se defendía acerca do proxecto da UE: a comunitaria -desempeñada pola Comisión-, a democrática -encarnada polo Parlamento Europeo -, e a interestatal -representada polo Consello Europeo-. Antes precedérona varias narrativas. A funcionalista, a cal operou entre 1973 e 1984, e apostaba pola eficacia da Comisión a custa de que os socios perdesen soberanía. Feito que encaixa coa visión elitista do proxecto europeo, os ordoliberais consideran que os expertos teñen a misión de deseñar as institucións do proxecto europeo que asegurarían non só o funcionamento do mercado senón ademais a integración social.

 Outro elemento que se debe salientar é o carácter identitario da UE, cuxos elementos máis destacados son a constitución dunha área de libre mobilidade (Schengen) e o lanzamento e afianzamento de proxectos de intercambio como Erasmus e o plan Bolonia. Estes dous últimos en particular buscan fomentar o nacemento dunha identidade europea a través de intercambios para estudantes universitarios e ampliar o mercado. Máis aló da suposta democratización das institucións europeas, era fundamental e, en verdade ségueo sendo, construír unha identidade europea que se fundamente na creación dun sentir europeo que no fondo non é máis que retórica baleira e inexistente.

 A narrativa da identidade europea, do 1985 a 1989, aspirou á construción da comunidade europea. E para rematar, a que a partir de 1990 toma como idea forza a integración, e reforzar a importancia das institucións para a cidadanía europea, algunhas palabras chave foron cidadanía, transparencia, subsidiaridade e comunicación, os da escola de Friburgo consideran que o liberalismo clásico, ao centrar a súa atención case exclusivamente nos problemas materiais da sociedade, se asemellaba ao ideal socialista polo que eles deciden enfocar o seu esforzo nos aspectos extraeconómicos especificamente nas dimensións emocional e espiritual centrados de forma case exclusiva na satisfacción persoal e individual, deste xeito, a través dunha simboloxía ben elaborada lográbase a creación a creación do sentimento de pertenenza ao proxecto europeo desviando a atención sobre os seus déficits na materia social, laboral, etc..

 Sen dúbida os últimos en incorporarse ao soño europeo escoitaron os cantos de serea. A poboación española asociaba os países que asinaron o Tratado de Roma en 1957 con “riqueza”, “modernidade”, “liberdade2, “democracia”, “xustiza”, así como o estilo de vida europeo con “altos salarios e Estado do benestar”. Non cesaron cando o Estado español asinou o Acordo de Adhesión en 1986, aínda que inmediatamente viñese a liberalización completa do comercio de froitas, verduras e aceite de oliva; cunha compensación só para algúns sectores a través da Política Agraria Común, pero o máis importante de todo é a renuncia e o desmantelamento do tecido industrial nacional, entre outras moitas medidas que converteron o turismo no sector de supervivencia no Estado español. Mentres se axitaba a bandeira comunitaria e chegaban os Fondos de Cohesión Europea, a eliminación de aranceis e cotas causou que se pasase dun superávit comercial (en termos reais) do 1,4% do PIB en 1985 a un déficit do 11,2% PIB en 1989. A unión monetaria que se supoñía ía traer paz, mais integración e prosperidade no fondo non fixo máis que minguar o poder adquisitivo da cidadanía europea, especialmente dos cidadáns do sur. Ademais o principio de subsidiaridade, que supón que a UE só se encargaría daquilo que pode facer mellor que os Estados membro, acabou xustificando unha autentica política intervencionista nos asuntos internos dos Estados membro por parte do BCE, a Comisión e o FMI como invitado de honra e, por certo, chama a atención que Christine Lagarde -que estivo á cabeza do FMI- é quen manda o BCE nestes momentos.

 A identidade da Unión Europea tras décadas segue sen xerminar. Se é un fenómeno superestatal co obxectivo de crear unha entidade supra-nacional que represente a todos os socios. Se se trata dunha Unión de Estados de novo tipo, en que consiste a devandita unión? O que si está claro é que “a Unión Europea, coa acta única (1986), o tratado de Maastricht (1992) e o establecemento da moeda única (1999), absorbeu a política exterior, a monetaria e de tipo de cambio de todos os países da Unión. Pero, ademais impuxo unhas condicións que os Estados membro debían cumprir obrigatoriamente, que condicionaba e delimitaba moi estreitamente as políticas que os Estados membro podían levar a cabo no ámbito da política fiscal”.

 Jean Monnet adoitaba dicir que en Europa estabamos desenvolvendo algo completamente novo, orixinal: “Non un superestado e nin sequera outros Estados Unidos segundo o modelo americano, senón unha unión entre vellas nacións como non houbo outra na Historia”. Preto dos 30 anos despois do Tratado de Maastricht, nin o mercado único, nin a unión monetaria trouxeron a paz estrutural ao continente. Como apuntou Galtung, a ausencia de guerras non significa que outros conflitos non existan, e exemplos abondan no caso de Europa. Como calquera fenómeno político, económico e social, é imposíbel detectar unha única causa dos devanditos conflitos. Porén, pódese afirmar sen a máis mínima dúbida que as crecentes desigualdades en territorio europeo, tensarán tanto a corda que dun xeito ou outro acabará dándonos enormes desgustos. E o auxe da extrema dereita non é máis que a punta iceberg. As recomendacións dos tecnócratas da UE acerca da “flexibilización” laboral que se han implementaron na gran maioría dos Estados membro non serviron para reducir as desigualdades socioeconómicas. O marco da austeridade, a flexibilización laboral acentuou as desigualdades económicas entre as capas baixas e medio-baixas da sociedade, fronte ás elites (que tiraron o máximo proveito da crise).

 Aínda con todo, a UE segue sendo a entidade supraestatal máis sólida que se logrou construír no pasado século, e que sobrevive coas súas dificultades na actualidade. Malia que a crise é innegábel, e o fracaso na narrativa, é total. Tomando como referencia a Daniel Innerarity: “O mellor xeito de conseguir que unha narrativa non sexa aceptada é que dea a entender que estamos ante unha realidade que non pode ser rexeitada”. O descrédito das institucións comunitarias para a cidadanía europea, e o menor predicamento das devanditas institucións a escala global, hoxe é innegábel tras a crise de 2008.

 Nin sequera se conseguiu a cidadanía comunitaria, salvando Schengen. Dinamarca incumpriu o tratado cando anunciou a reintrodución dos controis de fronteira por un presunto aumento da criminalidade. Francia fixo o propio cando con Sarkozy expulsou os xitanos-romenos por simples cálculos electorais da dereita gala. A renegociación do Tratado de Schengen será á baixa.

 Difícil cando na anterior crise o rescate se levou a cabo inxectando cantidades inxentes de diñeiro a bancos antes que rescatar os millóns de mulleres e homes que padecen a pobreza e a desigualdade. Na crise de 2008, Francia inxectou 5.000 millóns de euros á súa banca, Gran Bretaña rescatou os catro principais bancos do país; o Estado español concedeu avais por un importe máximo de 100.000 millóns de euros; pola súa banda Alemaña nutriu o plan de rescate financeiro con 500.000 millóns de euros. A Comisión Europea aprobou unhas axudas aos Estados membros de 3,7 trillóns de euros -un terzo do PIB da UE de entón- co fin de salvar o sector financeiro.

 A Europa dos dereitos humanos e a democracia desde a primeira década do século agrava a súa crise de lexitimidade democrática. Desde Bruxelas impúxose o tecnócrata Lukás Papadimos en Grecia, e Mario Monti en Italia. No caso doutros países, a UE non cesou presidentes electos mais si impuxo os seus axustes. Son os casos de Irlanda, Portugal, Hungría e o Estado español. No caso español, o presidente Rodríguez Zapatero realizou a instancias de Merkel os maiores axustes da democracia española até daquela. Ao incumprimento do programa electoral por parte do presidente do PSOE, e a modificación exprés da Constitución para impoñer na carta magna o pagamento da débeda, seguiulle a presidencia de Mariano Rajoy, quen incrementou os axustes, e tamén incumpriu o seu programa polas presións da UE. Lembran a súa repetida ladaíña de que non “quedaba outra” que os españois viviramos por riba das nosas posibilidades?.

 O episodio máis recente é o do Fondo de Reconstrución: contará con 390.000 millóns de transferencias directas e 360.000 millóns en empréstitos. E como hai 10 anos, as axudas -tamén as directas -serán supervisadas. Os gobernos non dispoñerán das partidas outorgadas para investir nas necesidades que estimen oportunas de xeito libre. Sería inxenuo pensar que poidan evitar presións que desemboquen en reformas estruturais en prol do proxecto neoliberal que é a Unión Europea. Porén, os países periféricos toman osíxeno, ante a nova e mal chamada austeridade. Non exenta de homes de negro, posto que non se foron nunca, nin tampouco de condicionantes aos rescates, nin os memorandos como no pasado.

 O proxecto europeo foi basculando entre o ordoliberalismo alemán, coa súa obsesión pola libre competencia, o control do déficit e a débeda e por suposto unha política monetaria controlada que cristalizou na creación do euro, e o neoliberalismo e o seu ideal do laissez-faire laissez-passer que concibe o mercado como un ente case divino capaz de se autorregular por si só, malia que a experiencia demostrou todo o contrario. O elemento común é o interese supremo das elites económicas e o seu afán de seguir acumulando riqueza e bens aínda a custa de millóns de europeos e non europeos.

 E o tráxico é que permanece inalterábel a coherencia do club elitista da UE. O espazo supraestatal máis importante do mundo mantense como unha camisa de forza para a cidadanía máis parecida ao FMI que aos soños de Víctor Hugo.

 É probábel que a estrutura comunitaria non tivese aínda a necesidade de se reinventar ou de modificar algúns dos seus valores e obxectivos fundacionais, para poder sobrevivir. O Brexit foi o primeiro aviso, aínda así as institucións europeas se manteñen firmes, cos seus criterios, o seu discurso, os seus obxectivos e valores. Tamén coas súas contradicións que, antes ou despois, levarán á máis grande e poderosa organización supraestatal do mundo a tomar unha decisión: cambiar para sobrevivir ou implosionar.

 

[Artigo tirado do sitio web Cuarto Poder, do 17 de agosto de 2020