A CIG-Ensino leva criticando desde o inicio de curso a non cobertura das vacantes de substitución de máis de 15 días, porque as de menos duración son borradas sistematicamente pola administración, especialmente en especialidades de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial. Isto supón que haxa alumnado que leva máis de un mes ou desde comezos de curso sen docente, unha situación intolerábel e que está causando moitos prexuízos académicos para o estudantado e organizativos nos centros, chegando incluso a repartir o horario dunha persoa de baixa de forma incompleta entre outros docentes, como no caso do CIFP Politécnico de Santiago.
Unha decisión insólita e que lonxe de ser unha solución está vulnerando os dereitos tanto da persoa titular como do persoal docente ao que lle foi imposto o novo horario como do alumnado que non está a recibir a mesma formación que noutros ciclos formativos.
A media mañá deste venres, cando xa se levaban realizados chamamentos, e coincidindo co día no que se puxo en marcha a nova aplicación informática para a cobertura de vacantes nas especialidades de Xeografía e Historia e Física e Química, contabilizábanse 162 substitucións sen cubrir, das cales a mediodía quedaban 46, 11 delas do mes de setembro e outubro.
A CIG-Ensino entende que o que está acontecendo este ano é máis que un problema de xestión e que se trata xa dunha problemática estrutural do funcionamento da Consellaría, nalgúns casos incluso intencionada como pode ser nas especialidades de FP, nas que curiosamente este mesmo luns o presidente Rueda anunciaba no Consello da Xunta que se podía empezar a empregar a figura do profesorado asociado, do persoal experto e do persoal sénior das empresas para impartir docencia nestas ensinanzas.
A Consellaría recurre o argumento de que non atopa persoal
Precisamente o argumento de “que non se atopa persoal nas listas de substitución que acepte estas substitucións” é unha das contestacións habituais coa que a administración responde aos centros ou ao sindicato cando preguntan por casos concretos. Hoxe mesmo cubríronse 5 prazas de Informática despois de que o alumnado do IES Leliadoura de Ribeira denunciara publicamente estar sen persoa titora e sen recibir clase de tres módulos desde hai case un mes.
No que respecta a esta escusa, a CIG-Ensino lémbralle á administración que o 20 de outubro rematou o prazo para presentarse ás listaxes extraordinarias abertas en varias especialidades de secundaria e FP e que só se publicou a relación provisional, cando realmente o único que ten que facer a Consellaría é ordenar as persoas aspirantes por nota de expediente académico, unha medida á que o sindicato se opuxo pero que precisamente foi utilizada para xustificar unha maior axilidade na súa resolución. A maiores, no caso das especialidades de conservatorio non se abriron as listaxes até o mes de novembro cando había necesidade de profesorado desde o inicio de curso, como no caso da praza de Percusión do CMUS da Coruña.
A CIG-Ensino denuncia que este trimestre non só non se cobren as vacantes que duran menos de 15 días, como viña sendo habitual, senón incluso as que superan esta duración e alerta dunha consecuencia directa que xa se está notando con respecto ao plan da Xunta de perseguir as baixas médicas. A presión sobre o persoal médico para que non dea baixas de 15 días ante problemas de saúde que poden ter un tempo de recuperación curto leva a que se encadeen baixas de 7 en 7 días sen que os centros poidan ver como se cobre a ausencia desa persoa.
Nova aplicación de xestión de cobertura das substitucións
Por outra banda, este venres poñíase en marcha, sen ningunha instrución clara e pública, a nova aplicación para xestionar a cobertura de vacantes de forma piloto nas especialidades de Xeografía e Historia e Física e Química. Segundo informou a administración aos sindicatos, as persoas que foron convocadas recibiron unha chamada explicándolles o procedemento e non se vai penalizar a quen non realice as peticións mentres estea en fase de proba.
Porén, a CIG-Ensino esixe unha reunión formal coa administración na que se explique con detalle o funcionamento da aplicación e a publicación dunhas instrucións, alén de que agarda que a posta en marcha desta aplicación sirva para axilizar a cobertura das vacantes e non para que a administración filtre aínda máis cales se ofertan e cales non despois da solicitude que fan os centros, así como que os sindicatos poidan seguir facendo o traballo de fiscalización das vacantes sen censura por parte da administración como xa aconteceu nas oposicións ou no concurso xeral de traslados.