A nova crise ten dúas saídas posibles

Fermín Paz Lamigueiro - 21 Abr 2020

Veñen tempos e situacións criticas para o conxunto dos que aposten polo cambio real. Se é así, o mellor que podemos facer é deixarnos de preocupar polo que van facer os demais e ocupar o tempo en concretar os obxectivos no curto e no medio prazo e loitar por acadalos cunha aposta clara

 A terra, a miña terra e a súa xente suspiran por unha volta á dignidade, pero para que iso sexa posible precisamos cambios e que realmente todos aprendamos un pouquiño, cando menos, do que hai tempo leva pasando e do que está acontecendo. Tamén polo mesmo suspiran xentes doutras terras do mundo, en convulsión permanente pola sucesión dunha crise tras outra. É unha especie de novo denominador común de persoas e terras, mais teremos que aceptar que os problemas non se van amañar só cos desexos. Dito doutro xeito, a pandemia por si soa non vai ser motor de ningún cambio; como moito, foi o detonador dunha nova crise- Todo o demais, o que estamos vendo, igual que no pasado, é o verdadeiro problema que temos tentar resolver.

 A nivel internacional, nada apunta a unha nova xeopolítica de paz e da irmandade senón a unha recomposición ou recolocación de espazos, e a primeira probatoria deste aliñamento podería verse nos organismos internacionais, tanto no seu financiamento como no seu funcionamento. Quizais, na carreira por atopar unha vacina ou menciñas para unha mellor contención das doenzas máis graves, poidamos asistir a unha colaboración certa das equipas de investigación primeiramente porque o restablecemento do funcionamento da economía é unha necesidade para todos os contendentes na xeopolítica mundial e, secundariamente, porque tamén a patente dos descubrimentos será un bo negocio.

 Nos estados e nas conformacións supranacionais como a UE, máis de mesmo, novos confrontos para protexer o espazo ou o peso relativo da parte no conxunto. Aparentan disputa ideolóxica, pero moi por enriba están as finanzas de cadaquén. Máis que potencialidades están a poñerse de manifesto debilidades e contradicións nos seu facer e no seu statu quo. As xentes do común é que son gobernadas non teñen os mesmos problemas e dialécticas que quen as goberna. A realidade demostra que moitas das acción dos que deciden non teñen en conta a maioría social, ou mesmo a desprezan na goberrnanza.

 Unha proba do anterior compróbase nas dinámicas políticas concretas. Por exemplo, o debate centrado na rebaixa do salario dos parlamentares provocou en min un novo suspiro, esta vez de mágoa, polo ridículo dunha competencia nunha especie de mercado da incompetencia. É unha clara demostración de cegueira política e social, é oportunismo. A prioridade da acción política debería estar nas decisións para dignificar a vida das persoas, valorizando, desta vez si, o que a xente reclamamos todos os días nas fiestras e balcóns, leis e normativas cunha remuneración axeitada e sen precariedade nos traballos considerados como servizo esenciais, na presente crise. Velaí as dificultades que terá a xente común para saír disto.

 Hai dúas perspectivas posibles para a saída desta nova crise: facer unha fronte común vía PSOE ou PP, ou apostar por un cambio real tanto na vida da xente como na calidade da democracia.

 Na primeira, sexa nunha Mesa capitaneada polo PSOE ou nunha Comisión parlamentar proposta polo PP (non é un problema do formato), supoño que servirá a uns e outros para logo poder pasar factura nas contendas electorais que virán máis adiante. As conclusións, no mellor dos casos, tanto dun como doutra formulación, de chegar a bo porto, consistirán nun receitario para seguir dando "paus de cego" no camiño desa nova "normalidade" da que tanto nos falan e non din en que consiste; só que non será a mesma que tiñamos antes, ou sexa peor. A bo entendedor...

 Non vai ser doado cando abran a cancela de saída aínda que sexa a poucos. Mais convén darlle xa unha volta agora ao que temos por diante; veñen tempos e situacións criticas para o conxunto dos que aposten pola segunda alternativa, o cambio real. Se é así, o mellor que podemos facer é deixarnos de preocupar polo que van facer os demais e ocupar o tempo en concretar os obxectivos no curto e no medio prazo e loitar por acadalos cunha aposta clara.

 Considero que é unha obriga reforzar a CIG, máis aínda do que está. É o tempo dos cadros sindicais que seguen no sindicato pero por razón da idade están desactivados. TODOS temos a obriga de colaborar coas diferentes estruturas da central sindical sen máis límite que o que poidamos facer dentro das nosas capacidades.

Sabemos o que foron os Pactos da Moncloa, loitamos contra eles.

Non debemos quedar na casa.

A de hoxe tamén é a nosa loita.

Quen queira facer o cambio ten que poñerse á fronte desde o principio. Non son tempos de esperar a que escampe!

 A CIG debe facer unha aposta polo cambio con valentía, sen medo. Non vai ser posible a salvación individual vinculada á salvación do sistema. Quen aposte por esa vía que apoie a primeira alternativa porque tanto a proposta do PSOE coma o do PP son intentos trampulleiros para que todo vaia peor: menos dereitos, salarios conxelados ou máis baixos, menos emprego, máis precariedade, recentralización política, medo social e potenciación das forzas armadas e da policía, así como das organizacións sociais municipais ou vinculadas á confesión relixiosa, co obxectivo de salvar a economía como eles a entenden e a practican.

 

 

[Galiza, 20 de abril de 2020]