A nova lei de FP incide na privatización do ensino público, reforzando o papel das empresas

O anteproxecto introduce cambios na ordenación dos corpos de profesorado de FP
Nacional - 21 Xun 2021

O anteproxecto da nova lei de FP, aprobado nesta semana polo consello de ministros e ministras, incide na vía da privatización da Formación Profesional, ampliando o papel que xoga a empresa na FP dual, que agora se estende a toda a oferta de FP, desde a Básica até os ciclos medios, superiores ou de especialidade.

A empresa decide, o sistema educativo ao seu servizo

O anteproxecto, que debe pasar agora polo Consello Escolar do Estado e o Consello Xeral de FP, órganos sen carácter vinculante, así como polo preceptivo debate parlamentario, condiciona totalmente a estrutura formativa das administracións educativas ás necesidades e decisións das empresas.

Reforza o seu papel coa ampliación das estadías do alumnado nelas, co maior control do currículo, coa entrega de parte da avaliación a titores ou titoras designadas pola empresa, até o punto de darlle entrada nos centros para participar na avaliación final do alumnado e blindando a súa participación na selección do alumnado. De feito, que toda a FP se considere dual non é só un cambio de terminoloxía, xa que catalogar como dual a actual FP ordinaria faise precisamente para reforzar o poder das empresas.

Para a CIG-Ensino as medidas propostas, na que se ofrece como proxecto estrela do goberno español, implicarán un importante recorte de profesorado de FP ao asumir unha maior carga de formación a estadía en empresas.

Ao tempo, a posibilidade de que as empresas poidan formar os seus propios traballadores e traballadoras para a obtención de títulos oficiais, quedando o profesorado dos centros educativos exclusivamente para a avaliación deses resultados de aprendizaxe, supón tamén deixar nun lugar secundario o profesorado e reducirlle capacidade para formar parte na formación continua.

Confírmase a creación dun novo corpo de profesorado: Especialista en sectores singulares

Como xa avanzara o Ministerio e trasladara á CIG-Ensino nunha recente reunión cos responsábeis do sindicato a nova lei rectifica parcialmente a desfeita provocada polas modificacións introducidas na LOMLOE coa extinción mal deseñada do corpo de Profesorado Técnico de FP.

O anteproxecto modifica algún dos erros da LOMLOE, como o de abrir a integración no corpo de PES a que teña outra titulación diferente ao Grao mais que se declare equivalente a efectos de docencia (o que xa a día de hoxe permite que nalgunhas especialidades de FP se poida estar no corpo de PES con titulación de diplomatura).

Na LOMLOE a integración limitábase a quen tivese Grao ou titulación equivalente para acceso na función pública (o que só inclúe licenciaturas e deixaba fóra a docentes con titulacións universitarias de grao medio).

A CIG-Ensino emendará o anteproxecto para mellorar os apartados relacionados co profesorado

A CIG-Ensino é crítica co feito de que non se convocara Mesa Docente Estatal para tratar os apartados desta lei relacionados co profesorado e vén de solicitar formalmente a convocatoria deste órgano de negociación.

Para o sindicato as rectificacións introducidas son insuficientes. Por iso formulará emendas ao anteproxecto no trámite de debate no Consello Escolar do Estado e remitirá estas propostas aos grupos parlamentares para a súa toma en consideración na fase de negociación no Congreso.

Modificacións da LOMLOE na nova lei de FP ao respecto dos corpos docentes da FP

- Créase o novo corpo de Profesorado Especialista en sectores singulares vinculado ás 10 especialidades que figuran actualmente no Anexo VI do RD 276/2007. Non se recolle nada sobre a integración de profesorado destas especialidades no corpo de PES no caso de ter titulación universitaria, tal e como lle adiantou á CIG-Ensino a secretaria xeral de FP.

- A integración no corpo de PES limítase ás outras 19 especialidades do corpo a extinguir de PTFP e poderá ser exercida desde que se convoque o proceso até un prazo máximo de 5 anos desde a entrada en vigor da Lei de FP.

 - Os requisitos de titulación para integrarse amplíase tan só até a entrada en vigor da lei de FP (coa LOMLOE era o 19 de xaneiro).

- O proceso de integración no corpo de PES terá efectos desde o momento en que se abra o prazo, que terá que ser aprobado polo Goberno, de acordo coas CC.AA. Para quen o solicite con posterioridade a ese prazo os efectos sería posteriores

- Mantense a limitación de selección de funcionariado para o corpo a extinguir de PTFP para as ofertas de emprego público xa aprobadas.

Principais características da estrutura da FP na nova lei

NOVA ORDENACIÓN EN 5 GRAOS. Hai unha nova denominación das diferentes tipoloxías da oferta de FP, diferenciada en dous grandes bloques:

- Grao A (acreditación parcial de competencias), Grao B (certificado de competencias) e Grao C (certificado profesional)

- Grao D (ciclos formativos):

- grao básico e medio con ciclos de 2 cursos académicos de 2000 horas

- grao superior: 2 ou 3 cursos académicos entre 2000 e 3000 horas.

- pode haber dobres titulacións

- Grao E (cursos de especialización): entre 300 e 800 horas para obter título de Especialista (para ciclos de GM) ou título de Máster Profesional (para ciclos de GS) Os Graos C,D e E terán carácter dual.

A ACTUAL FP ORDINARIA SERÁ DUAL. Pasa a denominarse FP DUAL XERAL. Hai un incremento das estadías nas empresas. Agora a FCT ten unha duración de 410 horas, o que implica un 20% do total da duración dos ciclos de 2000 horas. Na nova regulación a formación nas empresas non pode ser inferior ao 25% e pode chegar ao 35%. A empresa asume un 20% dos resultados da aprendizaxe do currículo.

A estancia en centros de traballo debe distribuírse en todos os cursos sempre a partir do 3º mes de formación nos centros educativos. Esta fase dual non ten carácter laboral (non hai vinculación contractual do alumnado nin se perciben remuneración, como actualmente).

A FP DUAL ACTUAL DENOMINARASE AVANZADA OU EN ALTERNANCIA. A duración da estancia nas empresas irá do 35% ao 50%. Na inmensa maioría dos convenios asinados actualmente pola Consellaría de Educación coas diferentes empresas para a FP Dual a estadía oscila xa nesas porcentaxes.

Na maioría dos casos a porcentaxe está dentro dos límites que fixa a nova lei aínda que no caso galego hai aproximadamente un 20% dos ciclos de FP dual que superan o 50% de estadía en empresas.

Mantense o carácter de actividade laboral retribuída para o alumnado e regúlanse algúns aspectos das súas condicións “laborais” (descanso semanal, vacacións, períodos lectivos, quendas nocturnas excepcionais).

FP VIRTUAL. Ademais das modalidades actualmente existentes, presencial e semipresencial, inclúese a virtual que se poderá impartir en centros nos que estea en funcionamento a a modalidade presencial das mesmas especialidades ou familias.