A nova mesa para a reindustrialización de Ferrolterra, Eume e Ortegal: outro exemplo de inutilidade

CIG, CCOO e UGT demandan medidas concretas para reverter a grave crise da comarca
Ferrol - 11 Feb 2021

Este martes tivo lugar a primeira xuntanza da 'Mesa de traballo para a reindustrialización e a reactivación económica de Ferrolterra, Eume e Ortegal', na que participan alcaldes e alcaldesas da comarca, representantes empresariais, da Xunta de Galiza, do Ministerio de Industria, da Delegación do Goberno e as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT.

O encontro "amosou claramente a improdutividade deste tipo de xuntanzas", que serve para trasladar a imaxe de que se están a tomar decisións chave para o futuro da comarca, cando na realidade non é máis que un foro no que esvaer responsabilidades políticas e botarse as culpas unhas administracións a outras.

Nun comunicado conxunto, os tres secretarios comarcais denuncian que este tipo de xuntanzas non son máis que "un brinde ao sol" que rematan sen ningún tipo de concreción nin actuación definida. Neste senso, lembran que xa hai un ano que os sindicatos presentaron un documento, debatido con todas as alcaldías, que recollía as demandas a corto, medio e longo prazo para as tres comarcas.

"Documento no que xa deixabamos claro que había medidas urxentes que non podían demorar" como solucións ante o peche da central térmica de Endesa, ao que hai que engadir agora  Gamesa, a falta de carga de traballo para Navantia e o incumprimento do proxecto de modernización e ampliación dos estaleiros, medidas para unha diversificación industrial, a potenciación doutros sectores, así como as infraestruturas, a limpeza e rexeneración da ría etc.

"A conclusión daquela mesa cos alcaldes e alcaldesas foi que tiñamos que ter reunións urxentes cos ministerios de Industria, Transición Ecolóxica, Defensa, Facenda, a SEPI e a Xunta de Galiza. Pois, sorprendentemente, o martes saímos desa xuntanza sen concretar esas reunións, algo inédito cando incluso os sindicatos puxemos enriba da mesa cuestións urxentes e concretas", denuncian.

Cuestións urxentes como a constitución da mesa industrial para evitar o peche de Gamesa, a esixencia de que a transformación do buque Galiza se faga en Navantia-Ferrol, a paralización do peche da central das Pontes mentres non exista acordo coa representación social de garantía de emprego "e proxectos de futuro concretos ou proxectos da Xunta con respecto ás nosas comarcas".

"É por iso que os sindicatos demandamos a convocatoria urxente dunha mesa de traballo máis operativa, así como a solicitude urxente das reunións que quedaron pendentes dende marzo do ano pasado".