A nova vaga conservadora no mundo

Emir Sader -

En Europa, malia a profunda e prolongada crise neoliberal do capitalismo, as correntes que máis crecen e se fortalecen son as de extrema dereita, que xa estaban enraizadas en Francia e agora chegan a Alemaña

 No curso dos anos 60, Richard Nixon creou a expresión “maioría silenciosa”, en oposición aos grandes sectores emerxentes que participaban da campaña polos dereitos civís, contra a guerra de EE.UU. en Vietnam; maioría que sería silenciosamente conservadora. Ese “país profundo” depositaría nas urnas o seu voto a favor da dereita, en contra do rebumbio das rúas, protagonizado por unha minoría de activistas. O propio Nixon resultou electo presidente, finalmente, acabando coa xeira de gobernos demócratas e a axitada década dos 60, como para confirmar a súa hipótese.

 Un tempo despois, cando Ronald Reagan despuntaba para ser gobernador de California, e despois presidente de EE.UU., moita xente dicía que era imposíbel que un pésimo actor de películas de cowboys alcance a presidencia dos Estado Unidos. Pero el elixiuse e reelixiuse presidente do país máis importante do mundo, consagrado pola vitoria norteamericana na guerra fría e a desaparición da URSS.

 Posteriormente, fronte a George W. Bush, Reagan parecía un intelectual, pero Bush converteuse en presidente dos Estados Unidos durante dous mandatos. Todo parecía confirmar a tese de Nixon.

 Agora, en pánico, moita xente pregúntase se Donald Trump pode ser elixido presidente dos Estados Unidos, nas eleccións deste ano, malia as súas posicións ultraconservadoras, que el, sen reviravoltas, defende nas primarias do Partido Republicano, proxectándose como favorito para ser o candidato do partido.

 Desde 1980, co inicio de primeiro goberno Reagan, Estados Unidos foi, no espazo dos últimos 36 anos, gobernado 20 anos polos republicanos e 16 polos demócratas. É máis, controlaron durante o período máis longo o Congreso norteamericano. E algúns demócratas, como o caso de Clinton, deron un xiro conservador nas orientacións do Partido Demócrata. Así, o conxunto do sistema político tornouse máis conservador nas últimas décadas.

 O propio Partido Republicano pasou polo Tea Party, até chegar á enxurrada de Donald Trump, que poida que non gañe as eleccións de novembro, pero seguramente vai empurrar o centro político máis á dereita.

 Mais non é só un fenómeno norteamericano. En Europa, malia a profunda e prolongada crise neoliberal do capitalismo, as correntes que máis crecen e se fortalecen son as de extrema dereita, que xa estaban enraizadas en Francia e agora chegan a Alemaña. Pero reprodúcense en toda Escandinavia, así como en case todos os países do leste europeo.

 Así como no discurso de Trump, o tema dos emigrantes é central en todas esas correntes, onde exhalan todo o seu odio, a súa discriminación, o seu egoísmo. Porque o emigrante é “o outro”, “o estranxeiro”, “o bárbaro”, mentres que eles se ven como “os civilizados”. Brancos, relixiosos, violentos, van construíndo unha nova dereita, aínda máis conservadora, de maior exclusión social, étnica e cultural.

 Os fundamentalismos islámicos xorden no campo político contrapostos a esas correntes, mais compoñen un movemento similar de intolerancia, odio, violencia, exacerbados. Contribúen a compoñer o cadro de novas correntes conservadoras emerxentes no mundo.

 En América Latina, as sucesivas derrotas da dereita nos países con gobernos anti-neoliberais conduciron a procesos de radicalización da dereita. Descoñecemento dos resultados electorais, intentos de desestabilización política mediante campañas mediáticas con reiteradas denuncias e terrorismo económico, busca de descualificación persoal dos líderes populares, accións violentas de grupos terroristas, que tivo, como unha das súas consecuencias, a radicalización de sectores máis ou menos amplos da clase media. Búscanse reinstaurar climas ideolóxicos da guerra fría, coa intolerancia, a discriminación. Válense do control monopólico dos medios de comunicación para xerar climas de desestabilización política, con perda de lexitimidade de gobernos, desprestixio dos seus líderes, denuncias de corrupción xeneralizada dos políticos e dos partidos.

 Todo isto produce procesos de despolitización, de desprazamento dos grandes temas e desafíos de fondo que teñen esas sociedades, cara a temas como os da corrupción, que é utilizado para criminalizar o Estado, que sería a fonte da corrupción, segundo esa versión, pero que absolve as grandes empresas privadas. É, á vez, unha operación de baixar a autoestima do pobo de cada país. Porque sen iso, a dereita non logra impoñerse, sen un pobo desmoralizado, a dereita non pode impoñerse.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 24 de marzo de 2016]

Volver