A ofensiva do gran capital e as ameazas para Latinoamérica

Theotonio dos Santos - 03 Nov 2016

É grave observar como as forzas de esquerda latinoamericanas amoleceron cos poucos anos de exercicio do poder. Fronte á ofensiva xeral do gran capital en decadencia, acomódanse á súa proposta de retroceso ideolóxico e cultural

 A discusión en marcha no mundo hoxe concéntrase en comprender a profundidade da crise financeira iniciada en 2007 e a súa relación co conxunto de graves limitacións do actual sistema mundial para garantir a supervivencia da humanidade. Estariamos nunha crise final do capitalismo que até 2016 non alcanzou unha recuperación suficiente, polo menos nos seus centros máis importantes. Neste contexto xeral, as economías hoxe chamadas "emerxentes" despréndense dunha posición subordinada do sistema mundial e conducen ao xurdimento de moitos grupos de investigación que traballan sobre a crise mundial.

 Como resultado desta mudanza de preocupacións, emerxen novos temas antes menosprezados nos centros de investigación conservadores, como a importancia da concentración da produción, do ingreso e das riquezas, así como do intercambio mundial de bens e valores. Podería deducirse que sería case imposíbel prever e interpretar estes fenómenos antes desprezados ou, mesmo, suprimidos do centro das preocupacións científicas.

 Non creo que debamos facer un traballo demasiado grande para localizar as principais tendencias que se están desenvolvendo na economía mundial para ter unha capacidade de previsión e de identificación das súas posibles direccións. A verdade é que a crise iniciada en 2007 era relativamente previsíbel, pero a súa profundidade e duración si se fixo máis difícil de prever, debido á existencia de moitos factores condicionantes desta. Se analizamos globalmente as últimas estatísticas macroeconómicas, veremos que xorden novos poderes económicos, sobre todo en Asia e, particularmente, China e India. O goberno chinés, principalmente, está activando as súas reservas (de preto de 400 billóns de dólares, ou trillóns en inglés) que representan un enorme volume de liquidez nun mundo onde prevalecen as débedas nos antigos centros de poder. O antigo grupo das sete maiores economías e a Trilateral (Estados Unidos, Europa e Xapón) son cada vez máis incapaces de pagar as súas débedas que son, polo xeral, maiores que o valor dos seus Produtos Interiores Brutos (PIB), pois trátase de economías onde prevalecen os déficits comerciais externos e os déficits fiscais internos.

 Deste xeito prevalece a tendencia á valorización do yuan. Ao valorizarse o yuan, China gaña o poder de emitir a súa propia moeda con circulación internacional. Isto multiplícase cando o goberno de China busca fortalecer a súa economía creando "fondos soberanos" xuntamente con outras potencias con superavit co obxectivo de ampliar mundialmente os seus investimentos. O goberno chinés xa o vén facendo desde algún tempo atrás, mentres o yuan ten circulación internacional crecente (do 2% das divisas no mercado internacional en 2012 o yuan alcanza o 8% en 2016). É así como países da OPEP e de Asia que están actuando na mesma dirección poden aumentar a súa preferencia pola divisa China. Venezuela, como veremos, diminuíu moito a súa capacidade de influencia internacional coa drástica caída do prezo do petróleo e perdeu moita capacidade de crear un fondo soberano poderoso, porque xa non ten reservas importantes neste momento. Pero esta situación provisoria debe cambiar. Faise necesario que economías poderosas como a brasileira se liberen da ditadura exercida polos seus bancos centrais que impiden a creación destes fondos, ademais de sabotar a creación do Banco do Sur e do Banco dos BRICS, que os poñerían no centro do desenvolvemento das Américas do Sur e Central, do Caribe e do Atlántico Sur. Sen desprezar unha audaz política de aproximación do comercio co Pacífico -centro privilexiado dos cambios da economía mundial-.

Os cambios no cadro mundial e o destino da humanidade

 Despois dun período de confrontación con estes cambios tan prexudiciais para os antigos centros de poder hexemónico, iniciouse unha ofensiva comandada polos Estados Unidos de presión sobre as economías do antigo Terceiro Mundo cun movemento concentrado na baixa do prezo internacional do petróleo. Este cadro levou a intentos de golpes e invasións contra os centros alternativos ao poder destas potencias. É así que Estados Unidos desata unha situación de caos no Oriente Medio, centrándose en Irán, Iraq, Siria, Libia e estendéndose a Paquistán e Afganistán, pero perdendo poder en toda a rexión. Ao naufragar nos seus intentos de dominar o Oriente Medio, intenta frear o crecemento de Rusia e a súa influencia crecente na rexión que historicamente se vinculou coa Unión Soviética. O seu intento de acantoar a Rusia a través dun golpe en Ucraína desemboca na perda de Crimea. Pero todo se fará máis grave co fin da desfeita petroleira, coa dificultade de integrar Turquía nunha fronte fracasada no Oriente Medio e en Siria, en particular. Toda a ofensiva desatada na rexión está en grave crise en razón do aumento do prezo do petróleo. Se Venezuela consegue estar aínda baixo a dirección da esquerda, nos próximos anos, seguramente vai entrar nese esquema de aproveitamento produtivo das reservas xa descubertas e a súa utilización como fondo de investimento que sirva de base, mesmo, para fondos de investimento privados e compra de empresas mixtas. É moi interesante anticipar esta situación porque, como veremos, o uso estratéxico destas reservas pode reverter rapidamente os impases da presente conxuntura.

 O mundo latinoamericano (incluído Brasil) e caribeño atópase neste momento sobredeterminado pola ameaza da rebaixa das inmensas reservas que aínda posúe neste momento. Con todo, estes países viviron, desde inicios deste século até hai tres ou catro anos, unha situación de aumento espectacular das súas reservas monetarias que contrastan coas enormes débedas internacionais con que convivían nos anos 80 e 90 do século pasado. Un mundo de países debilitados por débedas colosais e que non tiñan diñeiro para impulsar unha política de desenvolvemento debido a unha débeda paralizante, estaban con grandes excedentes financeiros, que permitían instalar gobernos capaces de unir crecemento económico e redistribución de renda, aínda que moderada. Pero a miseria en que vivía e aínda vive un terzo da poboación destes países permite que a reorientación de 2 a 3% dos seus Produtos Interiores Brutos cara a estas poboacións produza cambios radicais nas vidas de millóns de persoas.

 É difícil aprender a converter os seus propios títulos de débeda en forzas para o desenvolvemento. Claro que hai pouca xente disposta a comprar, nese momento, os títulos de débeda sen ningún respaldo en produción de bens ou inclusive, valores ligados a servizos públicos ou privados. Porén, os Estados Unidos mantéñense coa emisión de títulos de débeda estatais que non teñen ningunha perspectiva de ser pagados por un goberno que non ten posibilidades de cubrir as súas débedas, xa que non ten ningunha proposta á vista de obter un superávit fiscal que poida permitir a diminución da súa débeda. Con esta aventura, os Estados Unidos están percorrendo un camiño moi perigoso porque se agarda unha gran depreciación que derrubaría os valores do dólar masivamente. Poderiamos prever que non soamente se trata dunha hipótese, senón que se sente, sábese, que imos ter unha gran depreciación do dólar. Nun país que paga 0% de xuros polos seus títulos públicos, comprar estes títulos que se emiten nunha moeda en depreciación é un claro suicidio económico, cuxo custo só pode ser asumido por países que teñen poderosos intereses xeopolíticos comúns co país de moeda decadente.

 Esta situación móstranos que temos que repensar moito e estudar moito, non soamente cunha visión rexional do mundo, senón cunha visión que se aproxime máis á realidade. Este fenómeno global, se o analizamos co que está pasando en 2016, indica que estamos vivindo unha alteración na correlación de forzas dentro do sistema económico mundial, no cal os centros de poder económico mundial están converténdose en países comandados por grandes concentracións financeiras que dependen cada vez máis de poderosas empresas estatais e colosais transferencias de recursos estatais. Este é un fenómeno realmente inesperado para aqueles economistas formados polo discurso neoliberal, e influídos por unha campaña contra as empresas públicas e polas vantaxes da privatización que predominaron desde a década do 80 até inicios do século XXI, cando esta ofensiva entra en decadencia.

As maiores empresas

 Malia a campaña privatizadora, estas ideas foron rapidamente reconvertidas a partir dos anos 2000. Se nos baseamos nas 10 primeiras empresas, segundo o valor das súas accións, veremos que a primeira empresa no mundo, en 2007, era Petro China cunha diferenza bastante grande en relación á segunda empresa. Mentres Petro China se achegaba a un trillón de dólares de accións, (en inglés, un billón, en español), a Exxon de Estados Unidos, que é unha empresa privada, pero moi relacionada ao sistema estatal e particularmente ao Pentágono, aparecía en segundo lugar. A demanda dos produtos desta empresa provén de institucións estatais, financiados con recursos públicos.

 A General Electric situábase en terceiro lugar, segundo o valor das súas accións. Empresa moi ligada tamén ao Pentágono e toda a estrutura militar de EEUU, con investimentos a nivel global tamén. Despois está a China Mobil e Industria e en quinto lugar a Microsoft, seguida de Gazprom, empresa estatal de Rusia. Habería que destacar que o Estado ruso retoma recentemente esta empresa que fora privatizada por políticas de conversión de empresas públicas en privadas, xerando subitamente grandes riquezas, que promoveu que os especuladores empezasen a comprar a Gazprom. Non queda claro como foron exactamente privatizadas esta e varias outras empresas.

 Ao re-nacionalizala, o presidente Putin logrou retomar o eixe principal da economía rusa, cambiando drasticamente a correlación de forzas da economía mundial. Non soamente pola situación do petróleo e gas, a presenza rusa inaugura unha fase moi complicada, porque a súa participación aumentou moito a competencia na explotación petroleira e gaseira mundial. A presenza de Gazprom permitiu, por exemplo, que nese momento se realicen reunións de Rusia con Arabia Saudita, que é unha acción fóra do común, excepto polos intereses comúns en relación aos hidrocarburos.

 China tamén se sitúa neste xogo de poder no Oriente Medio, e probabelmente isto ten que ver cunha estratexia petroleira que non se administra soamente desde a OPEP, senón que articula o apoio doutros centros petroleiros para conseguir, realmente, ter unha posición de forza mundial. A obsesión dos Estados Unidos de manterse como líder incontestábel da economía petroleira mundial pono en confrontación con case todos os países do mundo.

 No caso de América Latina, estas ambicións desmedidas dos grupos dominantes en Estados Unidos levaron o goberno dese país a forzar situacións políticas na rexión. Fronte ao decisivo feito de que non contan máis con apoio militar para as súas aventuras totalitarias, teñen que promover golpes de Estado apoiados fundamentalmente en congresos deslexitimados, leis absurdas improvisadas para servir aos seus intereses, intervencións xurídicas que converten a policía e os tribunais en poderes medievais, así como no dominio e monopolio absoluto dos medios de comunicación.

 É grave observar como as forzas de esquerda latinoamericanas amoleceron cos poucos anos de exercicio do poder. Fronte á ofensiva xeral do gran capital en decadencia, acomódanse á súa proposta de retroceso ideolóxico e cultural que pretende transformar estas accións desesperadas en fonte dunha nova legalidade que confunde a democracia coa mobilización monopólica dos medios de comunicación e a restrición aos poderes populares que viñan acumulándose no século XXI, para desespero do gran capital en xeral.

 O intento de "restrinxir" a cuestión democrática a unha posibilidade de escoller un candidato entre os xa definidos por partidos sen participación popular; unha incorporación formal dos pobos sometidos desde as colonias, negándolles as cotas para se integrar nos verdadeiros centros de decisión; unhas restricións á moral patriarcal que se restrinxe á liberdade e realización parcial das mulleres sen darlles o dereito de decidir sobre o seu propio corpo. En fin, transformando conquistas parciais en obxectivos finais e buscando ocultar a radicalidade do moderno ideal democrático segundo o cal a plena realización dos individuos non soamente debe ser "recoñecida" socialmente, senón que debe buscar o pleno exercicio da súa condición de ser humano e do seu poder para orientar os destinos da humanidade, liberándoa do sometemento ás fundamentais contradicións sociais que a oprimen. Trátase, a fin de contas, de restrinxir a plenitude do ideal democrático a simulacros de democracia.

 Ademais, está claro que non se pode aceptar a redución do concepto de democracia aos principios liberais que contradín historicamente os principios democráticos. A liberdade dos explotadores e violentos dominadores non pode ser un principio ordenador dun mundo cada vez máis interactivo. Non podemos aceptar como principio o de explotar as grandes maiorías e acumular o 50% da riqueza en mans do xa famoso 1% da poboación mundial, en nome dunha eficiencia económica moi discutíbel. Se non fose polo terror organizado e promovido por un sistema de poder en crise profunda, sería choqueiro pretender que a humanidade deba someterse a un mundo marcado por colosais desequilibrios económicos, crises humanas e ambientais, permanentes ameazas de violencia e ameazas dramáticas á supervivencia da humanidade e do propio planeta terra.

 Está, pois, á orde do día unha batalla de ideas que se debuxa no planeta con fortes cores. A nosa capacidade de mobilización contra a ofensiva do gran capital é crucial. Pero esta debe reivindicar a defensa dunha nova sociedade, dunha nova economía e dunha nova cultura, así como a creación dos instrumentos necesarios para que cada ser humano se converta no dono do seu propio destino.

 

[Artigo tirado do sitio web América Latina en Movimiento, do 27 de outubro de 2016]