A onda gravitacional do TTIP

José Antonio Nieto - 08 Mar 2016

Os acordos internacionais de nova xeración, como o TTIP, parecen máis ben a resposta lóxica do modelo de acumulación vixente, que á súa vez é prisioneiro da tendencia á concentración e centralización do capital e o poder

Hai 75 anos Roosevelt e Churchill asinaron Carta do Atlántico. Foi unha declaración conxunta pola que Estados Unidos e o Reino Unido asumían certos principios comúns, co obxectivo de “establecer unha paz que permita a todas as nacións vivir con seguridade no interior das súas propias fronteiras e que garanta a todos os homes de todos os países unha existencia libre sen medo nin pobreza”. E foi tamén a orixe dos novos mecanismos de cooperación internacional que conduciron á creación das Nacións Unidas, o FMI e o Banco Mundial, e a OTAN. Ademais, en Europa abriuse o camiño ao Plan Marshall, a actual OCDE e as primeiras Comunidades Europeas, antecedentes da UE.

 Simbolicamente, a Carta do Atlántico foi un monolito de proporcións atómicas cuxa onda expansiva se estendeu a ambas as beiras do Océano. Primeiro, afianzando explicitamente o modelo económico, político e militar occidental fronte ás ameazas nazi e soviética. Segundo, abrindo o camiño implicitamente a un modelo social e cultural edificado a partir da prevalencia da sociedade de consumo, como complemento necesario da defensa fundamental das liberdades individuais. En realidade, aquel documento foi un paso necesario para o inicio da vixente orde mundial.

 Mais o mundo deu moitas voltas, a globalización comezou a inundar todo o aire respirábel, e os organismos internacionais móstranse cada vez máis incapaces de regular as relacións económicas mundiais. Un exemplo diso é a OMC (Organización Mundial do Comercio), abocada a morrer de éxito tras consolidar durante décadas un modelo de reducións arancelarias multilaterais que no século XXI resulta insuficiente para satisfacer as necesidades de expansión das empresas transnacionais. Por iso, o goberno de EEUU, impulsor e garante dos intereses das súas empresas no mundo, lanzou nas últimas décadas diversas iniciativas trasatlánticas que parecen estar cobrando forma co TTIP (Acordo Trasatlántico de Comercio e Investimentos).

 Unha das dúbidas que suscita o TTIP é se será beneficioso para os europeos ou se, ante todo, é unha ferramenta estratéxica de EEUU para afianzar a súa posición na nova economía global, fomentando acordos similares en Asia-Pacífico e as Américas. Pero a pregunta, así formulada, é certamente tramposa, porque nin os europeos, nin os norteamericanos, nin ningún outro pobo somos sociedades homoxéneas para as que poida falarse de efectos similares sobre os axentes económicos, a concentración da riqueza ou o benestar das persoas. Os acordos internacionais de nova xeración, como o TTIP, parecen máis ben a resposta lóxica do modelo de acumulación vixente, que á súa vez é prisioneiro da tendencia á concentración e centralización do capital e o poder, pero ten que se enfrontar tamén a unha globalización cuxa base material non deixa de expandirse, malia que as condicións para a reprodución dese modelo hexemónico distan de ser ideais. Malia que o nivel de información e debate deixa moito que desexar, cada vez fálase máis en Europa do TTIP e as súas consecuencias. Entre outros aspectos, alúdese á opacidade das negociacións e ás servidumes fronte aos intereses empresariais, insístese en que a idea central é homoxeneizar normas, probabelmente adoptando os criterios menos esixentes, e sublíñase a anomalía que supón a creación dun Tribunal Internacional de carácter privado, formado por tres xuíces que estarán fóra dos ámbitos xurisdicionais nacionais e, polo tanto, quedarán sometidos á presión dos lobbies, en lugar de preservar os intereses dos Estados e os cidadáns. Dise mesmo que os acordos como o TTIP exacerbarán as tensións entre países e entre áreas vinculadas por distintos acordos bilateralmente plurilaterais, sen que os organismos mundiais poidan poñer orde nas previsíbeis disputas, se é que realmente están capacitados para facelo.

 Por iso, o TTIP pode considerarse un novo suxeito emerxente no panorama internacional, cuxos efectos se asemellan aos dun segundo monolito de gran dimensión lanzado por Occidente sobre as augas do Atlántico, sempre con fins pacíficos. Pero nesta ocasión o impacto podería ser mesmo máis extenso e profundo que en 1941. Podería dar orixe a unha secuencia de ondas gravitacionais ao estilo das que predixo Einstein hai un século. Porque non haberá barreiras que freen os seus efectos, nin accidentes xeográficos nin gobernos que as conteñan, nin circunstancias espazo-temporais capaces de limitar a súa expansión, sempre que sigan vixentes as condicións vitais que impulsan ao capitalismo a ocupalo todo, ao seu xeito, mentres non haxa forzas que o contrarresten. O cal tampouco implica confiar necesariamente nesas forzas, nin nas institucións nacionais ou internacionais que as sustentan.

 Quizais o TTIP se converta nun dos feitos de maior relevancia nas relacións económicas internacionais desde a II Guerra Mundial. Esaxero?, quizais non, se consideramos que a súa influencia vai moito máis alá do Atlántico e supera amplamente o ámbito dos acordos económicos convencionais, para penetrar na esfera política (mediante novas formas paralexítimas de cesión de soberanía), na esfera social (afondando no dogmatismo fiscal que asfixia os Estados de benestar tal e como se coñecen nalgúns países europeos), e nas esferas cultural e ambiental (propagando un estilo de vida consumista, individualista e depredador do ambiente, como corresponde á actual fase de internacionalización do capital).

 Así concibido, o TTIP está blindado de xeito intanxíbel para atravesar os espazos nacionais e empresariais clásicos, e para superpoñerse xerarquicamente a todos eles, seguindo o ronsel do que xa fan as empresas transnacionais, aínda que coa lexitimidade institucionalizada que lle outorguen a partir de agora quen o subscriba e sustente. En consecuencia, o TTIP transformará gran parte das relacións públicas internacionais en relacións privadas, e contribuirá a sacralizar un modelo ideolóxico, o neoliberalismo, que se mostrou ineficiente para predicir e combater as crises, insolidario e inxusto coa maioría das persoas, e incapacitado para contrarrestar os efectos máis perniciosos da financeirización (progresivo poder das finanzas sobre todos os ámbitos das nosas vidas e as nosas actividades).

 A guinda poñeraa a propaganda. Volverán lembrarnos, como en 1941, que o importante para as nacións é “vivir con seguridade no interior das súas propias fronteiras” e garantir para todos “unha existencia libre sen medo nin pobreza...”. Desde esa perspectiva místico-diplomática, o TTIP é o corolario ideal para o noso porvir. A súa onda gravitacional será plena e abarcarao todo. Se alguén propón o contrario, será fulminado ou ignorado polo pensamento único. A UE, EEUU e as grandes empresas convencerannos de que a plenitude individual e colectiva esixe fomentar o consumo, pero tamén combater os inimigos do sistema. Os de dentro, e os de fóra. Os inimigos pouco dóciles e os novos bárbaros, coa súa intolerancia teolóxica e os seus abominábeis actos terroristas. Os inimigos son tan necesarios que, se non están, búscanse onde fixer falta. Por desgraza, xa hai demasiados inimigos e os máis canallas non sempre son os que reciben oficialmente ese cualificativo.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 2 de marzo de 2016]