A pandemia e a fin da era neoliberal

Atilio A. Boron - 01 Abr 2020

Esta pandemia moveu as placas tectónicas do capitalismo global e xa nada poderá volver ser como antes. Tremendo desafío para os queremos construír un mundo poscapitalista

 O coronavirus desatou unha enxurrada de reflexións e análises que teñen como común denominador a intención de debuxar os (esvaídos) contornos do tipo de sociedade e economía que rexurdirán unha vez que o flaxelo sexa controlado. Abondan as razóns para entrarmos nesa clase de especulacións, oxalá que ben informadas e controladas, porque se de algo estamos completamente seguros é de que a primeira vítima fatal que se cobrou a pandemia foi a versión neoliberal do capitalismo. E digo a "versión" porque teño serias dúbidas acerca de que o virus en cuestión obre o milagre de acabar non só co neoliberalismo senón tamén como a estrutura que o sustenta: o capitalismo como modo de produción e como sistema internacional. Mais a era neoliberal é un cadáver aínda insepulto pero imposíbel de resucitar. Que ocorrerá co capitalismo? Ben, diso trata esta columna.

 Simpatizo moito coa obra e a persoa de Slavoj Zizek pero isto non me chega para lle dar a razón cando sentencia que a pandemia lle deu "un golpe ao Kill Bill ao sistema capitalista" despois do cal, seguindo a metáfora cinematográfica, este debería caer morto aos cinco segundos. Non aconteceu e non acontecerá porque, como lembrou Lenin en máis dunha ocasión, "o capitalismo non caerá se non existen as forzas sociais e políticas que o fagan caer". O capitalismo sobreviviu á mal chamada "gripe española", que agora sabemos que viu a luz en Kansas, en marzo de 1918, na base militar Fort Riley, e que despois as tropas estadounidenses que marcharon a combater na Primeira Guerra Mundial espallaron o virus de forma incontrolada. Os moi imprecisos cálculos da súa letalidade abalan entre 20, 50 e 100 millóns de persoas, polo cal non é necesario ser un obsesivo das estatísticas para desconfiar do rigor desas estimacións difundidas amplamente por moitas organizacións, entre elas a National Geographical Magazine.

 O capitalismo sobreviviu tamén ao tremendo derrubamento global producido pola Gran Depresión, demostrando unha inusual resiliencia -xa advertida polos clásicos do marxismo- para procesar as crises e mesmo saír fortalecido delas. Pensar que en ausencia daquelas forzas sociais e políticas sinaladas polo revolucionario ruso (que de momento non se perciben nin en Estados Unidos nin nos países europeos) agora se vaia producir o tan desexado deceso dun sistema inmoral, inxusto e predatorio, inimigo mortal da humanidade e a natureza, é máis unha expresión de desexos que produto dunha análise concreta. Zizek confía en que a consecuencia desta crise para se salvar a humanidade terá a posibilidade de recorrer a "algunha forma de comunismo reinventado". É posíbel e desexábel, sen dúbidas. Pero, como case todo na vida social, dependerá do resultado da loita de clases; máis concretamente de se, volvendo a Lenin, "os de abaixo non queren e os de arriba non poden seguir vivindo como antes", cousa que até o momento non sabemos. Pero a bifurcación da saída desta conxuntura presenta outro posíbel desenlace, que Zizek identifica moi claramente: "a barbarie". Ou sexa, a reafirmación da dominación do capital recorrendo ás formas máis brutais de explotación económica, coerción político-estatal e manipulación de conciencias e corazóns a través do seu até o de agora intacta ditadura mediática. "Barbarie", István Mészarós adoitaba dicir cunha dose de amarga ironía, "se temos sorte".

 Mais, por que non pensar nalgunha saída intermedia, nin a tan temida "barbarie" (da cal hai tempo que nos veñen administrando crecentes doses nos capitalismos realmente existentes) nin a igualmente tan cobizada opción dun "comunismo reinventado"? Por que non pensar que unha transición cara ao poscapitalismo será inevitabeemente "desigual e combinada", con avances profundos nalgúns terreos: a desfinanceirización da economía, a desmercantilización da sanidade e a seguridade social, por exemplo e outros máis vacilantes, batendo con maiores resistencias da burguesía, en áreas tales como o rigoroso control do casino financeiro mundial, a estatización da industria farmacéutica (para que os medicamentos deixen de ser unha mercadoría producida en función da súa renbilidade), as industrias estratéxicas e os medios de comunicación, alén da recuperación pública dos chamados "recursos naturais" (bens comúns, en realidade)? Por que non pensar neses "moitos socialismos?" dos que premonitoriamente falaba o gran marxista inglés Raymond Williams a mediados dos anos oitenta do século pasado?

 Ante a proposta dun "comunismo reinventado" o filósofo surcoreano de Byung-Chul Han sae para refutar a tese do esloveno e arríscase a dicir que «tras a pandemia, o capitalismo continuará con máis forza". É unha afirmación temeraria porque se algo se debuxa no horizonte é a xeneralizada demanda de toda a sociedade a prol dunha moito máis activa intervención do estado para controlar os efectos desacougantes dos mercados na provisión de servizos básicos de saúde, vivenda, seguridade social, transporte, etcétera, e para poñer fin ao escándalo da híperconcentración da metade de toda a riqueza do planeta en mans do 1 por cento máis rico da poboación mundial. Ese mundo post pandémico terá moito máis estado e moito menos mercado, con poboacións "concienciadas" e politizadas polo flaxelo a que foron sometidas e propensas a buscar solucións solidarias, colectivas, mesmo "socialistas" en países como Estados Unidos, lémbranos Judith Butler, repudiando o desenfreo individualista e privatista exaltado durante corenta anos polo neoliberalismo e que nos levou á tráxica situación que estamos vivindo. E ademais un mundo onde o sistema internacional xa adoptou, definitivamente, un formato diferente ante a presenza dunha nova tríade dominante, aínda que o peso específico de cada un dos seus actores non é igual. Se Samir Amin tiña razón contra finais do século pasado cando falaba da tríade formada por Estados Unidos, Europa e Xapón hoxe aquela constitúena Estados Unidos, China e Rusia. E a diferenza da orde tripolar precedente, onde Europa e Xapón eran junior partners (por non dicir peóns ou lacaios, o que ssemella un tanto despectivo pero é a caracterización que ben merecen) de Washington, hoxe este ten que lidar coa gran potencia económica chinesa, sen dúbida a actual locomotora da economía mundial relegando a Estados Unidos a un segundo lugar e que, ademais, tomou a dianteira na tecnoloxía 5G e en Intelixencia Artificial.

 Ao anterior súmase a non menos ameazante presenza dunha Rusia que volveu ao primeiro plano da política mundial: rica en petróleo, enerxía e auga; dona dun inmenso territorio (case dúas veces máis extenso que o estadounidense) e un poderoso complexo industrial que produciu unha tecnoloxía militar punteira que nalgúns apartados decisivos avantaxa a norteamericana, Rusia complementa coa súa fortaleza no plano militar a que China posúe no terreo da economía. Difícil que, como di Han, o capitalismo adquira anovada forza neste tan pouco promisorio escenario internacional. Se aquel tivo a gravitación e penetración global que soubo ter foi porque, como dicía Samuel P. Huntington, había un "sheriff solitario" que sostiña a orde capitalista mundial coa súa inapelábel primacía económica, militar, política e ideolóxica. Hoxe a primeira está en mans de China e o enorme gasto militar dos EUA non pode cun pequeno país como Corea do Norte nin para gañar unha guerra contra unha das nacións máis pobres do planeta como Afganistán. A ascendencia política de Washington mantense prendida con alfinetes apenas no seu "patio interior": Latinoamérica e o Caribe, pero no medio de grandes convulsións. E o seu prestixio internacional viuse moi debilitado: China puido controlar a pandemia e Estados Unidos non; China, Rusia e Cuba axudan a combatela en Europa, e Cuba, exemplo mundial de solidariedade, envía médicos e medicamentos aos cinco continentes mentres que o único que se lles ocorre a quen transita pola Casa Branca é enviar 30.000 soldados para un exercicio militar coa OTAN e intensificar as sancións contra Cuba, Venezuela e Irán, no que constitúe un evidente crime de guerra. A súa antiga hexemonía xa é cousa do pasado. O que hoxe se discute nos corredores das axencias do goberno estadounidense non é se o país está en devalo ou non, senón a pendente e o ritmo do devalo. E a pandemia está acelerando este proceso por horas.

 O surcoreano Han ten razón, en troca, cando afirma que "ningún virus é capaz de facer a revolución" pero cae na redundancia cando escribe que "non podemos deixar a revolución en mans do virus". Abofé que non! Miremos o rexistro histórico: a Revolución Rusa estalou antes que a pandemia da "gripe española", e a vitoria dos procesos revolucionarios en China, Vietnam e Cuba non foron precedidos por ningunha pandemia. A revolución fana as clases subalternas cando toman conciencia da explotación e opresión ás que son sometidas; cando albiscan que lonxe de ser unha ilusión inalcanzábel un mundo poscapitalista é posíbel e, finalmente, cando logran darse unha organización a escala nacional e internacional eficaz para loitar contra unha "burguesía imperial" que outrora entrelazaba con forza os intereses dos capitalistas nos países desenvolvidos. Hoxe, grazas a Donald Trump, esa férrea unidade na cimeira do sistema imperialista esfarélase irreparabelmente e a loita alá arriba é de todos contra todos, mentres China e Rusia continúan paciente e paseniñamente construíndo as alianzas que sosterán unha nova orde mundial.

 Unha última reflexión. Coido que hai que calibrar a extraordinaria gravidade dos efectos económicos desta pandemia que fará dunha volta ao pasado unha misión imposíbel. Os distintos gobernos do mundo víronse obrigados a enfrontar un cruel dilema: a saúde da poboación ou o vigor da economía. As recentes declaracións de Donald Trump (e outros mandatarios como Angela Merkel e Boris Johnson) no sentido de que el non vai adoptar unha estratexia de contención do contaxio mediante a posta en corentena de grandes sectores da poboación porque tal cousa paralizaría a economía pon de relevo a contradición basal do capitalismo. Porque, cómpre lembralo, se a poboación non vai traballar detense o proceso de creación de valor e entón non hai nin extracción nin realización da plusvalía. O virus salta das persoas á economía, e isto provoca o pavor dos gobernos capitalistas que son renuentes a impoñer ou manter a corentena porque o empresariado necesita que a xente saia á rúa e vaia traballar mesmo sabendo que pon en risco a súa saúde. Segundo Mike Davis en Estados Unidos un 45 por cento da forza de traballo "non ten acceso a permiso retribuído por causa dunha enfermidade e está practicamente obrigada a ir ao seu traballo e transmitir a infección ou quedar cun prato baleiro". A situación é insostíbel pola banda do capital, que necesita explotar a súa forza de traballo e ao que lle resulta intolerábel que quede na casa; e pola banda dos traballadores, que se acoden ao seu traballo ou inféctanse ou fan o propio con outros, e se fican na casa non teñen diñeiro para afrontar as súas máis elementais necesidades.

 Esta crítica encrucillada explica a crecente belixerancia de Trump contra Cuba, Venezuela e Irán, e a súa insistencia en atribuír a orixe da pandemia aos chineses. Ten que crear unha cortina de fume para agochar as nefastas consecuencias de longas décadas de desfinanciamento do sistema público de saúde e de complicidade coas estafas estruturaiss da medicina privada e a industria farmacéutica do seu país. Ou para atribuír a causa da recesión económica a quen aconsella á xente ficar na casa. En todo caso, e máis aló de se a saída a esta crise será un "comunismo renovado" como quere Zizek ou un experimento híbrido pero claramente apuntando na dirección do poscapitalismo, esta pandemia (como o explican claramente Mike Davis, David Harvey, Iñaki Gil de San Vicente, Juanlu González, Vicenç Navarro, Alain Badiou, Fernando Buen Abad, Pablo Guadarrama, Rocco Carbone, Ernesto López, Wim Dierckxsens e Walter Formento en diversos artigos que circulan profusamente na web) moveu as placas tectónicas do capitalismo global e xa nada poderá volver ser como antes. Ademais ninguén quere, salvo o feixe de magnates que se enriqueceron coa salvaxe rapina perpetrada durante a era neoliberal, que o mundo volva ser como antes. Tremendo desafío para os queremos construír un mundo poscapitalista porque, sen dúbida, a pandemia e os seus devastadores efectos ofrecen unha oportunidade única, inesperada, que sería imperdoábel desaproveitar. Polo tanto, a consigna do momento para todas as forzas anticapitalistas do planeta é: concienciar, organizar e loitar; loitar até a fin, como quería Fidel cando nun memorábel encontro con intelectuais sostido no marco da Feira Internacional do Libro da Habana, en febreiro do 2012, se despediu de nós dicindo: "se a vostedes lles din: teñan a seguridade de que se acaba o planeta e se acaba esta especie pensante, que van facer, botarse a chorar? Coido que hai que loitar, é o que fixemos sempre". Imos aló!

 

[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinoamericano, do 29 de marzo de 2020]