A pandemia é funcional á ofensiva do capital

Julio C. Gambina - 20 Dec 2021

A inflación non afecta a todos por igual, sexan países ou persoas, e constitúe un mecanismo da loita de clases na distribución regresiva dos ingresos e na consolidación do par que explica a concentración da riqueza en poucas mans e a extensión da pobreza, xerando un profundamento da desigualdade social como tendencia agravada do capitalismo

 A pandemia pola COVID-19 está a ser funcional á ofensiva do capital contra o traballo, a natureza e a sociedade. En efecto, a reestruturación regresiva da orde capitalista, política esencial da saída da crise dos 60/70, denominada “neoliberalismo”, profúndase nesta conxuntura de converxencia de crise sanitaria e económica. A intervención neoliberal concentrouse por anos nas reaccionarias reformas da relación entre o capital e o traballo, desarmando a lóxica protectora construída por décadas de loita de clases liderada polo movemento obreiro.

 En primeiro lugar, desestruturouse o “poder” de traballadoras e traballadores no territorio da produción, con efecto inmediato na baixa da sindicalización e o avance na precariedade laboral, afectando a capacidade de resistencia do movemento obreiro e debilitando a resposta estratéxica das clases subalternas. Trátase dun fenómeno estrutural que se mostrou fatal durante a pandemia, cos peches deliberados da economía durante o 2020 recesivo, e máis agora, coa recuperación do 2021 que privilexia os beneficios por riba do emprego e os ingresos salariais e populares (xubilacións e beneficios sociais).

 Este fenómeno explica a suba de prezos dunha inflación que ameaza a “estabilización da economía mundial”. Respecto diso, sinala o FMI: “O rexurdir da pandemia e a última variante, ómicron, agudizaron considerabelmente a incerteza en torno ás perspectivas económicas mundiais”[1].

 Sinalemos que a inflación explica a disputa pola apropiación dos ingresos socialmente xerados: entre os propietarios de medios de produción, o capital, e o conxunto da sociedade que vive da venda da forza de traballo, sexa de xeito regular ou irregular. Di a nota difundida polo FMI que: “Correspondería que a Reserva Federal acelerase a redución paulatina das compras de activos e adiantase a traxectoria ascendente das taxas de xuros”.

 É unha suxestión á potencia hexemónica da orde capitalista para que restrinxa a política de emisión monetaria, cuxa consecuencia directa agrava a situación dos países dependentes e fortemente endebedados con taxas variábeis aplicadas ao seu endebedamento. Conveñamos tamén que a inflación afecta á capacidade de consumo da sociedade que vive de ingresos fixos, que é a maioría da sociedade. Se se observa con detemento, os prezos soben principalmente en ámbitos estratéxicos para a reprodución da vida: alimentos e enerxía. Sobre o tema, a nota difundida sinala: “O encarecemento da enerxía e dos alimentos impulsou a inflación en moitos países. Estes factores mundiais poden seguir subindo a inflación en 2022, especialmente os altos prezos dos alimentos básicos. Isto ten consecuencias especialmente negativas para os fogares dos países de baixos ingresos, onde ao redor do 40% do gasto de consumo se destina á alimentación”.

 Queda claro que a inflación non afecta a todos por igual, sexan países ou persoas, e constitúe un mecanismo da loita de clases na distribución regresiva dos ingresos e na consolidación do par que explica a concentración da riqueza en poucas mans e a extensión da pobreza, xerando un profundamento da desigualdade social como tendencia agravada do capitalismo.

 A pandemia actuou como acelerador da dinámica de reestruturación reaccionaria do capitalismo. Consolidouse a ofensiva en contra do traballo, agora estendido nas formas do “traballo remoto” ou “a distancia”, potenciando a discriminación de xénero e condenando a mocidade a un primeiro emprego precario que se perpetúa. Á precariedade laboral súmase unha fortísima intervención estatal para soster a taxa de beneficios e da actividade empresarial, vía subsidios múltiples que soporta o conxunto social por medio do orzamento público.

 Esas políticas foron asumidas globalmente, como tendencia universal manipulada para o logro do consenso socio político maioritario. A estratexia do capital abriuse paso en todo o mundo, aínda con importantes resistencias, que non lograron instalar unha perspectiva de freo á ofensiva do capital. É máis, nese marco emerxeron propostas de goberno claramente á dereita do arco político, demandando a reflexión crítica na perspectiva dunha estratexia alternativa de poder popular para un rumbo favorábel a cambios sociais, económicos e culturais con perspectivas de confrontación e superación da orde capitalista.

 América Latina e o Caribe foi territorio de esperanza nese sentido, pola recuperación do proceso de cambio en Bolivia, con enorme protagonismo social; a ratificación do rumbo socialista en Cuba e o rexeitamento ás sancións unilaterais en contra de Venezuela ou Nicaragua. Os triunfos electorais en Perú ou en Honduras; as inmensas mobilizacións en Haití, Colombia e Chile, que levou á existencia dunha constituínte e a disputa electoral dunha coalición crítica ao réxime pinochetista. A posibilidade de recuperar protagonismo da integración alternativa, caso CELAC, estimulado desde México, Arxentina e os países do ALBA-TCP, supoñen disputas coa estratexia da política exterior estadounidense e das elites dos países na rexión.

 O problema segue estando na construción da iniciativa política popular, alternativa á orde vixente, en tempos de continuidade dunha crise integral, civilizatoria, onde a ofensiva capitalista define un rumbo desigual para a humanidade, ademais de afectar o metabolismo natural desde o modelo produtivo de explotación e saqueo. Por iso preocupa o futuro próximo, que se pode enxergar nos prognósticos do FMI: “...o produto engadido das economías avanzadas retornaría á súa traxectoria tendencial previa á pandemia en 2022, e que para 2024 a superaría en 0,9%. En cambio, prevese que o produto das economías de mercados emerxentes e en desenvolvemento, excluída China, permaneza 5,5% por baixo do prognóstico prepandémico en 2024”[2].

 Son prognósticos a medio e longo prazo, de menor capacidade de satisfacción para os pobos do mundo, mesmo no capitalismo desenvolvido, o que impón unha reflexión crítica para unha maneira de actuar que volva levar a unha perspectiva esperanzadora de loita pola liberación e outra orde social sen explotación ou saqueo.

 Non é fatal que a suma de pandemia e neoliberalismo defina o rumbo da sociedade.

 A masividade do descontento e as protestas constitúen a base material dunha subxectividade social en condicións de asumir unha proposta programática de transformacións socioeconómicas e a rexión latinoamericana e caribeña ofrece experiencias que animan a potencia do cambio social.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] FMI. Tobias Adrian e Gita Gopinath. “Hacer frente a las presiones inflacionarias en medio de una pandemia persistente”, en: https://blog-dialogoafondo.imf.org/?p=16691

[2] FMI. Ruchir Agarwal e Gita Gopinath  “La economía de la pandemia”, en: https://www.imf.org/external/Pubs/FT/fandd/spa/2021/12/pdf/agarwal_gopinath.pdf

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 16 de decembro de 2021]